Sábado. 16.11.2019
El tiempo

"Sempre vou coa Coruña e a Costa da Morte por diante, para dicir quen son e cal é o meu imaxinario"

"Sempre vou coa Coruña e a Costa da Morte por diante, para dicir quen son e cal é o meu imaxinario"

O xornalista Alexandre Mato. O xornalista Alexandre Mato Manzanero (A Coruña, 1984) é o primeiro protagonista da nosa sección #Costeirospolomundo. Aínda que naceu e viviu sempre na cidade da Coruña, Xandre garda un vínculo moi especial coa Costa da Morte, concretamente con Ponteceso, lugar natal de seu pai, o escritor e crítico literario, Miguel Anxo Mato Fondo. “Pasei tódolos veráns, navidades, fin de semanas da miña infancia e adolescencia en Ponteceso, e alí vou sempre que estou por Galiza”. Actualmente reside en Bruxelas. Alí traballa como corresponsal ante a Unión Europea do medio económico Capital Radio. Tamén escribe para Luzes e CTXT, e fai publicacións económicas para medios especializados. Conversamos con el.

  • QPC: Que é o que máis botas de menos da Costa da Morte?

As praias pequenas, sen dúbida!!! Niñóns, Seiruga, Barizo... e Valarés, na que máis me teño bañado, é a miña praia. Aquí en Bélxica hai praias moi grandes, fermosas, é a liña de costa que sube desde Normandía, sonche como as nosas Traba ou Carnota, pero non hai esas pequerrechas entre penedos e pinos. E o peixe tamén, é o que máis boto de menos da gastronomía. Aquí non é moi bo, en bandexas de plástico, pouca variedade. Esquécete de comer un xurelos, unha boa maragota ou sargo.

  • QPC: Tes morriña?

Levo desde os 18 anos fóra de Galiza, estou acostumado. Antes vivía en Madrid, así que vir a Bélxica foi atoparme de novo coa choiva. En Madrid si que a botaba de menos os invernos secos. Mais isto é de novo o Atlántico, asi que baixou moito a morriña do noso universo, da paisaxe, de pasear pola costa ou por un campo de herba húmida. Da familia e os amigos máis, pero tamén dos que deixei en Vallecas e Madrid. A miña parella é da Coruña, na casa falamos en galego, e supoño que iso axuda.

  • QPC: Manteste ao día da actualidade costeira?

Tento facelo, non só por medio dixitais como o voso, tamén falando coa familia, preguntando que pasa en Ponteceso ou Corme. Pero é difícil.

  • QPC: Cantas veces ao ano viaxas a casa?

Pois dúas ou tres normalmente, non moitas. No verán sempre, e logo ou Nadal, Entroido, Semana Santa... Aínda que xa van dous nadais que os pasamos aquí.

  • QPC: Que tal embaixador es da túa terra?

Espero que moi bo [ri]. Pero con Galiza é sinxelo. Pregúntanche de onde es e só tes que mencionar Compostela e o camiño para que calquera coñeza a túa terra. Ou para decirlle aos amigos belgas que os seus mexillóns son pequenos e insípidos comparados cos nosos. E logo eu sempre vou coa Coruña e a Costa da Morte por diante, para dicir quen son e cal é o meu imaxinario. E explicarlle á xente, por exemplo, de onde saen os mellores percebes!

  • QPC: Canta xente trouxeches de aí a visitar a Costa?

Pois de aquí ninguén, non me matedes. Pero algún amigo francés, estadounidense ou italiano doutros tempos si teño levado. E dos de Madrid varios!!! Aínda me bañei hai dous veráns en Caión cun colega que vive en New York.

'Son un pesado falando da nosa terra'
  • QPC: A canta lle tes falado dos nosos recunchos?

A todos, son un pesado. Xa digo, saes a tomar algo cuns amigos e a comparación sempre salta. Ou se quedas con algún contacto xornalístixo, con quen xa exista confianza, tamén. Da paisaxe, das nosas praias ou cantís, do solpor en faros como Roncudo…

  • QPC: Que diferencias atopas entre o teu lugar de residencia e a Costa da Morte?

 Moitas, enormes. Un exemplo é a sociedade de Bruxelas. Aquí viven algo máis dun millón de persoas e un 25% somos inmigrantes europeos. Imaxinade a miles de españois, gregos, escandinavos, italianos, alemáns... un crisol multicultural europeo enorme. Bares e bares onde escoitas en cada mesa as linguas de cada quen e non o francés ou neerlandés. E a outra lingua oficial belga, a de Flandes, a metade norte do país, é a mesma que a dos Países Baixos. Aquí non hai unha sociedade diglósica onde unha lingua se impón de xeito humillante sobre outra. Hai dúas linguas de igual a igual. Pero volvendo á sociedade, ademais tes unha poboación africana moi importante, cun barrio que se chamá Matongé no centro da vila, con perruquerías afro e pequenas tendas onde mercar produtos do màis exótico. Isto non é de hai uns anos, son xente que leva xeracións, a integración é brutal. Igual que cos miles de magrebíes que chegaron desde os anos 60-70.

'Cambio as cervexerías belgas por unha boa peixería galega'

  • QPC: Que cousas importarías para a Costa da Morte e que cousas levarías de aquí para aí?

Moitas, tamén! Para a Costa da Morte, Galiza ou España. Primeiro, a conciencia de participación social e veciñal que teñen. Cada certo tempo, nos barrios permiten o peche dunha rúa pequena e os veciños saen cos seus nenos a compartires o día, facer a comida xuntos, algún tocando música, outro ofrecendo as galletas feitas na casa. Ou poñerte na porta da túa casa a vender as cousas que xa non queres. Hai unha convivencia que lembra á de épocas pasadas na Costa que se está a perder. Cada barrio ten o seu mercado ao aire libre un día á semana e os domingos hai grandes mercados de comida, roupa, postos pra xantar... como as feiras das vilas pero nunha gran cidade. A súa rede ferroviaria, que envexa!!! Pobos e vilas conectados eficientemente, cunha regularidade continua, con trens modernos. Bélxica é de tamaño coma Galiza, nunha sucesión semellante de pobo tras pobo. Poderiamos ter o mesmo pero gusta moito ter coche. E as cervexas, impresionantes, centos delas, de forte graduación, ideais para xantar ou as negras cun postre de chocolate. Hai que montar unha rede de boas cervexerías belgas pola Costa. O que me levaría sen dúbida é a nosa cultura gastronómica. Cambio as súas cervexerías por unha boa peixería. Xa lle gustaría ter a Ostende a lonxa de Muxía!

'O día que cheguei a Bruxelas atopeime cunha peixería, das poucas de calidade en Bruxelas, toda chea de letreiros e cartaces antigos de Estrella Galicia. Foi un chute de enerxía'
  • QPC: Cóntasnos algunhas anécdotas que che aconteceron por aí...

O mesmo día que cheguei, cargando coa maleta polo centro de Bruxelas, de camiño á nova casa, sen saber moi ben o que che espera. E de súpeto, a escasos metros de onde ía vivir, unha peixería, das poucas de calidade en Bruxelas, toda chea de letreiros e cartaces antigos de Estrella Galicia, foi un chute de enerxía. Ademais de que alí tamén a podes beber. Ou facendo unha reportaxe sobre conflitos relixiosos rematei nunha igrexa o domingo a mediodía, á hora da misa. Pois non. O que me atopei foi a toda unha comunidade africana con jembés, facendo fogatas, danzas... Era unha misa cristiá pero cuns toques animistas brutais, seguro que a Rouco Varela non lle gustaría. Por certo, sinto dicilo, pero o encaixe de Camariñas vén de aquí. Foi unha sorpresa, pero percorres Bélxica e os Países Baixos e ves eses encaixes en tendas antigas, tradicionais, para turistas... é un arte que baixou desde Flandes polo Atlántico e chegou ata a Costa hai séculos, cando aquí eran potencia en panos.

  • QPC: Atopácheste con algún veciño costeiro máis? Xúntaste con galegos ou costeiros habitualmente?

Hai unha compañeira que é costeira de verdade, non coma min, que son por pai. Sabela, a correspondente da Televisión de Galicia, é de Corcubión, unha crack. Xa comentei que a miña parella é de Coruña. E dous moi bos amigos nosos de Coruña viñeron vivir aquí cada un pola súa conta logo de estar nós. O último en setembro. Hai varios amigos máis galegos, así que sempre circula o licor café!

  • QPC: Volverás á túa terra? Cando?

Por suposto, pero non teño pensado unha data. E non sei se de Bruxelas a seguinte parada será a terra ou sairá outra nova aventura no estranxeiro. Xandre Mato en Bruxelas Xandre Mato en Bruxelas

Comentarios