Un bergantiñán no Museo do Pobo Galego


Tivemos ocasión a pasada fin de semana de achegarnos polo Museo do Pobo Galego. Un Museo coordinado, entre outros bravos do eido cultural galego, polo muxián Manuel Vilar, colaborador desta casa.
E comprobamos a presencia dun bergantiñán, un carballés, no mesmo Panteón dos Galegos Ilustres. Situado na Igrexa de San Domingos de Bonaval, adherida ao museo, neste Panteón residen os corpos de grandes da cultura galega, como Rosalía de Castro, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, Domingo Fontán ou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
E como dicimos, o único bergantiñán e costeiro neste lugar é Alfredo Brañas. Nado en Carballo en 1859, pasou a nenez en Cambados, pero sempre estivo vencellado á comarca de Bergantiños.
Brañas destacou pola súa labor como xornalista, colaborando en publicación como El Porvenir, El Eco de Santiago, La Gaceta de Galicia, Galicia. Revista Regional ou La Patria Gallega.
Se ben non escribía demasiado en lingua galega, si que quedaron para a lembranza os seus discursos en defensa do galego en foros importantes, e pasa por ser o primeiro profesor en utilizala nosa lingua nas aulas universitarias en 1890, dez anos antes da súa morte.
Pero Brañas pasou á historia por inaugurar un novo ideario político: o "Rexionalismo", fomentando a confianza na nosa identidade como país. O Turismo Carballo recuperou este poema, que ía servir para convertirse o himno de Galicia, antes de que o veciño pontecesán Eduardo Pondal escribise "Queixumes dos Pinos":
Casta dos celtas, esperta axiña!
ergue do fango da escravitú!
pátrea da ialma, teus ceibes cantos
enchen o mundo de norte a sur.
Dos meus pasados bendita terra,
Nai amorosa da miña nai
creva as cadeas que te asoballan
e cingue a croa da libertá.
Cantai galegos, o himno xigante
dos pobos libres, dos pobos grandes;
cantai, galegos, a idea santea
da independencia da nosa Pátrea.
Os de Castela son castelaos
os de Galiza galegos son,
pero non somos, como españoles,
Nin eles amos, nin servos nós.
Das costas bravas de Finisterre
astra as douradas beiras do Sil,
ruxen os berros de guerra a morte
contra os tiranos do meu país.
Ártabros forte, feros brigantes,
sombras quiridas doutras edades,
prestade alentos ós que batallan
por esta meiga pequena Pátrea.
Hoxendía, un instituto, unha rúa, e mesmo unha escultura súa na Rúa da Coruña leva o seu nome.

O Museo do Pobo Galeg, todo un mundo
Se teñen ocasión non perdan a ocasión de pasar por ese museo autoxestionado, e que conta entre outras xoias, coa tripleescaleira helicoidal feita polo ceense Domingo Antonio de Andrade, que xa nos explicou Víctor Castiñeira en "Que pasou na Costa?".

Artigos relacionados
- Que pasou na Costa?: Especial Domingo Antonio de Andrade (XIV): Andrade e San Domingos de Bonaval.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Turismo Carballo.