Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Unha fin de curso de vertixe cultural no IES Fernando Blanco

Unha fin de curso de vertixe cultural no IES Fernando Blanco
Finalistas da Olimpiada do IES Fernando Blanco

Malia que o importante é participar, aprendendo, xa temos gañadores da Gran Final da III Olimpíada Cultural O Saber Ten Premio que artella do IES Fernando Blanco. Final na que participaron os tres equipos finalistas: The Boss, Sardiñas Vivas e Satanases del Infierno, sendo as Sardiñas vivas as gañadoras.

Esta final constou de dúas partes. A primeira parte, na que os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre 616 preguntas elaboradas por todo o profesorado do centro e de todas as materias e de todas as ensinanzas que se imparten no IES Fernando Blanco, mediante un programa informático elaborado por Martín Pardiñas Fondo. Nesta primeira parte resultaron clasificados os equipos Sardiñas Vivas con 16 puntos e Satanases del Infierno con 13.
A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema “Na nosa sociedade, as persoas tenden cada vez máis cara unha forma de vida centrada no individuo ou na comunidade”, na que os dous equipos defenderon posturas opostas. Esta parte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores e profesoras do centro.

Despois destas dúas partes resultou gañador desta III Olimpíada Cultural, patrocinada por Ferroaltántica o equipo Sardiñas Vivas, composto por: Óscar Sestayo Yermo, Carlos Leis Fernández, Iván Costa García, Judit Castro Pose e Xaquín Sestayo Yermo.
En 2º lugar quedou o equipo Satanases del Infierno, composto por: Paula Castiñeira Iglesias, Lorena Rey Castiñeira, Román Lema Castiñeira, Patricia Trillo Villar e Andrea Rodríquez Trillo.
O 3º clasificado foi o equipo The Boss, composto por: Cecilia Andrade Ameijenda, Denise Sambad, Brais Soto Pose e Tania Pérez Toba.<&p>

A gala estivo conducida por Darío Areas, secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e responsable do seu Museo, contou cunha nutrida presenza de familiares do alumnado participante que, ademais, puideron asistir a varias actuacións musicais do alumnado de 3º e 4º de ESO que interpretaron versións de bandas sonoras de coñecidas películas. Tamén actuaron varias alumnas de bacharelato que interpretaron cancións de Coldplay acompañadas ao piano pola súa profesora de música.

Visita á BIEHM

Alumnos de FP do IES Fernando Blanco de visita por Bilbao

Non quedou aí a actividade dos alumnos ceenses. Un grupo de 23 alumnos dos ciclos de Mantemento electromecánico e de Instalacións eléctricas e automáticas do centro tivo a sorte de visitar esta fin de semana, a Bienal Española de Máquina Herramienta (BIEHM), que se celebrou en Bilbao. Foron acompañados polos seus profesores Bibiana Bértoa Cambón e José Luís Insua López.

No decurso da viaxe puideron visitar o Museo Guggenheim para ver a exposición de Richard Serra “La materia del tiempo”, coas súas impresionantes pezas realizadas en aceiro.

Na exposición BIEMH, que tivo lugar no Bilbao Exhibition Centre, os alumnos puideron ver as últimas novidades da tecnoloxía de fabricación mecánica, automatización, soldadura e oxicorte, equipos hidráulicos e automáticos, manipulación e robótica, metroloxía, etc. Tamén puideron asistir a demostracións prácticas do funcionamento das máquinas expostas.
Estiveron presentes máis de 1.000 expositores de 25 países, ademais de centros tecnolóxicos e de investigación que daban a coñecer os seus proxectos de I+D+i.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios