Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Os Solfamidas triunfan na Olimpiada Cultural do IES Fernando Blanco

Os Solfamidas triunfan na Olimpiada Cultural do IES Fernando Blanco
Olimpiada no IES Fernando Blanco

O pasado venres 7 de xuño tivo lugar no IES Fernando Blanco a Gran Final da II Olimpíada Cultural O Saber Ten Premio. Un certame que fomenta a sana competitividade entre os alumnos do centro e que os anima a mellorar, no que participaron os tres equipos finalistas: Violeta, Solfamidas e Top Team.

A gala estivo conducida por Darío Areas, secretario da Fundación Fernando Blanco de Lema e responsable do seu Museo, contou cunha nutrida presenza de familiares do alumnado participante que, ademais, puideron asistir a varias actuacións musicais das alumnas Thelma Trillo e Paula Rey acompañadas ao baixo polo profesor Javier Turnes.

Esta final constou de dúas partes:

  • A primeira parte, na que os tres equipos tiveron que contestar a 20 preguntas extraídas ao chou entre máis de 600, mediante un programa informático elaborado polo profesor do centro Martín Pardiñas Fondo. Nesta primeira parte resultaron clasificados os equipos Top Team e Solfamidas.
  • A segunda parte consistiu nun debate sobre o tema “A crise saca o mellor ou o peor das persoas”, na que os dous equipos defenderon posturas opostas. Esta arte foi xulgada por un xurado composto por tres profesores do centro.

Despois destas dúas partes resultou gañador o equipo Solfamidas, composto por: Santiago Pequeño Leis, Paula Rey Trillo, Adán Leis Caamaño, Brais Soto Pose e María Villar Piñeiro.

En 2º lugar quedou o equipo Top Team, composto por: Antón Lestón Lago, Uxía Velay González, Ainoa Vázquez Lado, Eloy Romero Martínez e Guilherme García Canosa.

O 3º clasificado foi o equipo Violeta, composto por: Carlos Leis Fernández, Óscar Sestayo Yermo, Cristian Blanco Alvite, Iván Barcia Pensado e Andrea Rodríguez Trillo.

Os premios desta Olimpíada Cultural contaron co patrocinio de Ferroatlántica e o director das fábricas de Cee e Dumbría, Carlos Oliete, estivo presente e fixo entrega dos premios aos equipos gañadores.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Dirección do IES Fernando Blanco.

Comentarios