Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Volve a Muíñada de Vimianzo con dous días cheos de actividades

muinada-vimianzo-2022
Ruta teatral, música tradicional, carreira popular,... son algunhas das actividades programadas para a VII Muiñada de Vimianzo
Volve a Muíñada de Vimianzo con dous días cheos de actividades

Despois do éxito do ano pasado, a Asociación Cultural Cherinkas decidiu darlle un novo formato á VII Edición da Muíñada de Vimianzo e ampliando a festa a dous días. 

Sábado, 8 de outubro

Continuando co formato do ano pasado, a festa incluirá tres grandes citas ao longo da xornada do sábado 8 de outubro para as que se requirirá o pagamento da entrada: a Ruta teatral, os concertos da Sesión Vermú e do Serán e Noite no Muíño da Agra.

A primeira trátase da Ruta teatral polos muíños de Cambeda. Un percorrido duns 4 quilómetros pola magnífica paraxe chea de fervenzas, durante a que irán saíndo ao paso do visitante personaxes de época. As saídas realizaranse por tempos en grupos reducidos.


Á hora da sesión vermú a festa móvese ao muíño da Gándara, onde poderase gozar dun dos pratos fortes do día, a actuación de Xisco Feijóo, en formato dúo acompañado de Xan Pérez. Despois de xantar ábrese unha tarde de xogos, visita guiada, concurso de debullado, artesanía e foliada cativa. O Muíño da Agra estará animado durante toda a tarde coas diferentes actividades que desembocarán nun serán musical. A partir das 19:00 horas, dará comezo o concerto de Pan sen fron, tralo que se recuperará a esperada foliada con grupos da comarca e a cea tradicional, con opción vegana. A partir de aí, noite de concertos con Xurxo Fernandes, Budiño e Os do Fondo da Barra. Tanto a foliada como a cea serán de entrada libre, mentres que para os concertos é necesario comprar entrada en www.enterticket.es

Domingo, 9 de outubro

O domingo a actividade centrarase pola mañá coa realización da ruta “A pegada celta, de Sanfins a Ogas” con David Roget que será a partir das 10:30. horas. Unha alternativa á esta actividade será a carreira popular da “Milla do millo”. O punto final da festa marcarao a sesión vermú da vimiancesa Tania Caamaño e Andrés Boutureira no Muíño da Agra.

muninada-vimianzo
muninada-vimianzo

Venda de entradas

Dende onte irán saíndo á venda os diferentes bonos por fases. Para o control de acceso e o apoio ao festival será preciso adquirir entradas nas actividades que se especifican do sábado. Estas iranse poñendo á venda de forma online en www.enterticket.es en diferentes fases.

  • Bono musical + Ruta. (21/09 – 28/09)
  • Bono musical (21/09 – 28/09)
  • Serán+Noite no Muíño da Agra. (29/09 – 07/10)

Xa está en marcha a primeira fase, a venda do bono musical para todos os concertos, coa opción de facer a Ruta teatral polos muíños de Cambeda.

Por outra banda, até o venres 30 de setembro, estará aberto o prazo para todo aquel que queira realizar un micro-obradoiro ou demostración na festa ou participar como artesán, sempre que teña que ver coa tradición e co espírito da Muiñada. Para facelo debe poñerse en contacto a través de facebook (@accherinkas) ou instagram (@muinhada.vimianzo).

A festa está organizada pola Asociación Cultural Cherinkas, coa colaboración do Concello de Vimianzo e da Deputación da Coruña, e coa axuda doutros colectivos como a AC Trubisquiña para a foliada ou o clube de atletismo Terra de Soneira para a carreira. Ademais, a organización agradece inmensamente o apoio e axuda da veciñanza na realización desta festa.

Comentarios