Volven as orquestas á #AxendaCostadaMorte

09:15 04/12/15

- Os máis festeiros teñen cita hoxe coa orquestra Ciclón en La Coctelera de Cee que actúa a partir das 23 horas.
- O centro comercial Finisterrae celebra este sábado o seu 12º aniversario cun concerto e con pinchos. A partir das 17 horas, as integrantes de De Vacas comezan a súa actuación.
- Os luns 7 e martes 8 de decembro, a parroquia pontecesá de Xornes celebra as súas Festas da Inmaculada Concepción. As orquestras New York e Philadelphia, e unha disco móbil, arrancarán a festa xa na noite do luns.O martes toca sesión vermú despois da misa, co Trío Unión y Fuerza.
- Hoxe continúa en Malpica a XI Mostra de Teatro coa obra "Xango". Talía Teatro interpreta a extraordinaria historia dun home que foi engulido pola súa propia tablet, do que alí dentro atopou, de tódalas aventuras que viviu, e dos arrepiantes perigos que tivo que afrontar. Este espectáculo de mimo e clown, dirixido ao público infantil, preferiblemente para nenos e nenas de 6 a 11 anos, comeza ás 20:30 horas no centro Cívico malpicán.
- Vimiano inaugura o sábado ás 21 horas o "Decembro teatreiro" na Casa da Cultura. Sal-Monela Teatro presenta a obra "Tan perfecto non te quero", unha obra ambientada en 1955 que mostra as vicisitudes dunha serie de persoas que configuraban a sociedade da época.
- Camariñas acolle dende o sábado ata o martes a xornada das Algas. Unhas xornadas completas nas non faltará a gastronomía, a moda, a información, a ecoloxía e o deporte.
- En Cabana de Bergantiños celebran a ponte da Constitución dun xeito especial. Baixo o lema "Saberes e sabores de Cabana de Bergantiños" haberá varias rutas de pinchos por distintos locais do municipio. O sábado 5 toca ruta por Neaño, o domingo 6 por Canduas, e os 4 días da ponte, haberá visitas e obradoiros de artesanía en no dolmen de Dombate.
- O sábado a partir das 23:59 horas continúa o ciclo de Monólogos no bar A Molinera de Camelle. Diso encargarase Moskis, o ventrílocuo leonés que leva 16 premios nacionais e máis de 500 actuacións por España adiante.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)