160 deportistas asumen o reto da Travesía Sisargas
“Mais ca competitiva, a Travesía Sisargas é unha proba de reto e de aventura”. Esta frase de Daniel Gambón, promotor da actividade, define o espírito da proba que se vai celebrar o vindeiro domingo día 10 en Malpica. A travesía acada unha participación récord. De feito, este ano haberá 160 participantes, 60 máis ca no 2013, e todo indica que o ritmo de crecemento manterase nas vindeiras edicións, dado o interese que desperta a iniciativa. Demostrando tamén como estas probas de aventura están de moda na zona, como o Ultratrail.
Os responsables destacan o crecemento espectacular da proba, que ten as súas orixes na travesía realizada no ano 1933 polo seu bisavó, Domingo Suárez, o precursor dun reto recuperado no ano 2010 coa aventura en solitario do bisneto, pero que xa no 2013 reuníu a un cento de participantes.
De feito, son moitísimos os medios humanos e materiais que se van mobilizar este domingo para que todo transcorra con normalidade. Os participantes están citados ás 10.00 horas para preparar a saída. Dende o porto de Malpica desprazaranse en barco ata as Sisargas. Neste sentido, Daniel Gambón agradeceu a colaboración da Confraría de Pescadores e a boa disposición dos patróns do “Adriana”, o “Casal Novo” e o “Castelao”, que farán a travesía de ida cos nadadores. En total participarán 9 embarcacións, unha moto de auga e 12 kayacs, segundo explicou Iván Muíño. Tres embarcacións e a moto de auga son de intervención, outra levará o equipo médico e de coordinación, e as restantes farán labores de acompañamento e apoio.
Pero o dispositivo de seguridade non estará operativo só no mar, senón tamén en terra. Neste sentido haberá oito postos fixos distribuídos entre San Adrián e a Atalaia. O equipo humano estará integrado por 65 persoas, entre elas 44 traballadores de Protección Civil (27 por terra e 17 por mar) das agrupacións de Coristanco, Cabana, Arteixo, Cerceda, Carballo, A Coruña, Ferrol e Malpica; persoal sanitario, buzos do Club Náutico de Malpica que acompañarán aos nadadores e colaboradores.
Na Travesía Sisargas participarán 166 nadadores, 150 homes e 16 mulleres (no 2013 só houbo catro, aínda que unha delas, que este ano repite, foi a segunda en chegar á meta). Daniel Gambón destacou o nivel dos participantes, entre os que figuran triatletas que compiten a nivel mundial, pero sobre todo subliñou a representación local. Neste sentido aludiu á presenza de Adrián Martínez, gañador do Campionato de España celebrado recentemente na Coruña, e que ademais será o participante máis novo, aos seus 16 anos. O maior ten 66. A maior parte dos inscritos, sinalou Gambón, son foráneos que moitos deles non coñecen Malpica, polo que se amosou convencido de que a proba tamén vai ter unha rendibilidade turística.
Aquí vos deixamos cun fermosísimo vídeo de Daniel Almeida da Travesía 2013:
Actividades varias
Mentres afrontamos a recta final da Mostra de Olería de Buño, Malpica prepárase para o III Mercado Medieval de Malpica amplía a oferta. A vila malpicá trasladarase á Idade Media do 14 ao 17 deste mes, coincidindo coa celebración da Festa da Galega.
Esta terceira edición será espectacular, non só polo incremento do número de postos de venda de artesanía e produtos de alimentación, senón tamén polo amplo abano de actividades paralelas que se levarán a cabo ao longo dos catro días do Mercado Medieval, entre o 14 e o 17 deste mes.
Deste xeito, nas tabernas da feira este ano poderase degustar un dos mellores polbos de Galicia, ademais de cochiño ao espeto. Durante catro días estará en Malpica Salvador de Paz, un dos acibecheiros máis importantes da metade norte da Península, que compartirá co público os segredos da extracción e da talla do acibeche, e que cumprirá o soño dos máis pequenos de converterse en paleontólogos.
Pero na longa fin de semana de mediados de agosto, coincidindo do Mercado Medieval, Malpica tamén acollerá unha nova edición da Festa Galega, outro evento que vai gañando forza nos seus sete anos de vida grazas a carteis de luxo coma o deste ano. O venres 15 comezará a soar a música nas tabernas da vila con Vai Rañala Meu, que actuará a partir das 20.30 horas. Continuarán Os Sons do Vento de GonÇalo Guerreiro, Samarúas e Fol de Veneno, que tocará á media noite.
O sábado 16 será o día grande. Haberá pasarrúas dos gaiteiros de Carcaxía e Raigañas xa pola mañá, desfile da banda de gaitas de Malante ás 19.15 dende o Centro Cívico, e gran concerto nocturno con Quempallou, Treixadura e Sés, tres nomes claves na música galega actual.
Novas relacionadas
- 7 heroes completan o Ultratrail Camiño dos Faros.
- Recunchos da Costa: As Illas Sisargas.
Fonte
- Redacción de QPC ([email protected]).