1ª Autonómica: dous empates e duas derrotas
11:07 04/09/17
Seguros Reale en Baio, patrocina a 1ª Autonómica
Non foi excesivamente boa a bagaxe da primeira xornada na liga provincial, pois nin San Lorenzo nin Soneira sacaron nada das súas viaxes, e so Baio e Fisterra puntuaron. Foi o dos fisterráns o mellor resultado, arañando un punto en Valga ante o Cordeiro, rival sempre complicado. Todos os resultados en www.futboldacosta.com.
CORDEIRO C.F. 1 - S.D. FISTERRA 1
FISTERRA: Paulo, Piti (Fabián 69´), Dani Rubia, Breixo (Noe 86´), Robertín, Roa, Ezequiel, Tati, Isma Leis (Gabriel 70´), Pablo Lestón (Andres 81´), Mané.
GOLES: 0-1 3´Roa 1-1 57´Jesus
É o campo do Cordeiro un pesadelo para os rivais, cunhas dimensións enormes ás que os equipos visitantes tardan en adaptarse. Pero se tes a calidade do equipo fisterrán, o tema é diferente. So 3 minutos tardaron os verdes en adiantarse no marcador, nunha boa chegada de Dani por banda que Roa rematou a gol dende a frontal da area. Gustouse o FIsterra nos primeiros minutos de desconcerto local, pero a partir da media hora o Cordeiro tomou o mando das operacións, e o xoven meta Paulo tivo que facer un paradón para salvar o empate antes do descanso.
O Cordeiro arriscou na busca do empate á saida dos vestiarios, e nunha rigurosa falta atoparon o gol. Foi o ex do Villalonga Jesús o que bateu a Paulo, que non puido facer nada para evitar o tanto. Rompeuse o partido no último cuarto de hora e a victoria puido caer para calquera lado. Un cabezazo de Mateo no segundo pao faltando pouco para o final foi a ocasión mais clara para o Cordeiro, pero o Fisterra aguantou ben as embestidas locais e levouse un merecido punto nun prometedor estreo ligueiro.
S.D. PILOÑO 1 - SONEIRA S.D. 0
SONEIRA: Anxo, Rachón (Chema 81´), Jota, Aaron Fernández, Agra (Fran 81´), Alex Figueiras, Oscar, Basti (Darío 65´), Alberto Via, Pichi, Nazo (Isma 68´).
GOL: 1-0 68´Victor Vilariño
O Soneira caeu no campo do Camballón.
Pasan os anos e o Piloño segue igual. Equipo rocoso, veterano, de fútbol directo e dificilísimo de derrotar no seu campo. Xogar alí é un Via Crucis de 90 minutos de choques, disputas e faltas. O Soneira sacou a relucir o seu fútbol de calidade e velocidade , pero marrou claras ocasións e pagouno caro. No primeiro tempo foi Via o protagonista, primeiro nunha gran internada que finalizou cun pase da morte ó que non chegou ninguén, e despois nun lanzamento de falta que deu no longueiro. O Piloño so se acercou a pouco do lecer, nun disparo perigoso que Rachón rexeitou a corner.
O Piloño tiñao claro: esperar un erro do Soneira para levarse o partido. E asi ocorreu no minuto 68, e o bo dianteiro Victor Vilariño non perdoou. Os de Rafa Pais lanzáronse a pola igualada. Unha tremenda xogada individual de Pichi, ese talento indomable, non acabou en gol de milagro. A xogada definitiva foi unha boa cabalgada do xuvenil Fran, ó que derruban ó borde da area cando encaraba portería. A falta enviaa Alex Figueiras ó longueiro novamente e Pichi non foi quen de marcar no rexeite. Unha pena pois o Soneira mereceu mais onte no Camballón.
U.D.BASTAVALES 3 - S.D. SAN LORENZO 1
SAN LORENZO: Javi Souto, Javi Puñal (Iago Varela 87´), Luciano, Samuel, Adrián, Pablo Díaz, Rubén (Brais Cancela 83´), Alex Taibo, Kevin, Mario e Diego Varela.
GOLES: 1-0 3´Julián Nieto 2-0 18´Dani Labandeira 2-1 41´Mario 3-1 89´Victor
Kevin e Adrian tentan impedir un disparo local
Presentou un equipo xovencísimo o San Lorenzo na súa volta á liga provincial, e non foi quen de sacar puntos do terreo doutro recén ascendido, o Bastavales do ex xogador do Xallas Pika. E quizais pagou esa bisoñez nun inicio dubitativo no que o goleador Julián Nieto adiantou pronto ó Bastavales, e o habilidoso Labandeira anotou o segundo cando so ian 20 minutos de encontro. A pesar dun regular primeiro tempo o gol de Mario meteu ós de Oscar Suárez no encontro. Era a nota mais positiva no descanso.
O segundo tempo foi diferente. O San Lorenzo anda ben fisicamente e foi capaz de impoñer ese despliegue, a pesar de non contar con moito relevo no banquillo, e xenerou varias ocasión para igualar o partido, sobre todo unha de Diego Varela clarísima. Ben é certo que cos riscos asumidos, Javi Souto tivo que facer un paradón para evitar a sentencia, que chegou sin remedio no último minuto de encontro.
C.D.BAIO 0 - CHAIAN C.F. 0
BAIO: Dani Varela, Isaac, Iago Couto, Norberto, Adrián Lema (Mario 62´), Fachal, Martin (Touriñán 75´), Bieito (Moreno 70´), Rubio (Santi Díaz 82´), MC e Javi Suarez.
O Platas Reinoso viu fútbol de 1ª novamente.
Que pena a igualada do Baio. Controlou o encontro, xogou un bo fútbol, tivo ocasións pero non foi quen de anotar, e deixaron escapar dous puntos do Platas Reinoso ante un rival que so veu a defenderse. O primeiro tempo foi trabado, mais igualado. O Chaian lanzou un golpe franco ó longueiro, contestado con un disparo de MC, tan incisivo como sempre, que saiu a rentes do pao.
Saiu ben o Chaian no segundo tempo, pero foi un espellismo. A última media hora foi totalmente de cor local, e comenzaron a caer as ocasións de gol. Javi Suárez foi un pesadelo por banda, dando moita profundidade ó ataque baies. MC por 3 veces e Santi Diaz puideron adiantar ó Baio, pero nunha contra un disparo escorado do Chaian voltou a bater no longueiro dando un bo susto á parroquia local.