Nova xornada intensa de fútbol costeiro. Con novidades ademais. Se o Soneira segue sumando puntiño a puntiño, na 1ª os nosos colleitaban bos resultados Non podía compeltar o Cee a boa xornada e non pasaba do empate ante o pechacancelas malia remontar o partido. Xallas e Dumbría si que gañaron e se meten de cheo na loita polo ascenso.
Sorpresas, relativas, na Liga da Costa. Os Ponteceso e Camariñas tropezaban, pero en campos tan complicados como o Carral e Miraflores. Aínda así, son 10 puntos de diferencia entre Camariñas (que se achega a tan só 2 puntos dos de Berto) e o Sofán. Non puido aproveitar os tropezos o Castriz, que non pasou do empate en Corme, mentres que o que se mete no segundo grupo é o Dumbría B, que leva unha racha de 6 vitorias nos últimos 7 partidos.
Por abaixo, o Carnota deu signos de vida e venceu nada menos que ao Club do Mar. O Porteño caía co Fisterra, que amosa a súa mellor cara lonxe de Ara Solis. Mentres, a o Buño conseguía unha vitoria vital para escapar e deixar á Esteirana en complicacións. Baio, San Lorenzo e Corme tampouco se poderán despistar.
Na 3ª había un choque vital no Pino do Val. O Mazaricos puido con Corcubión que viña moi forte, de xeito que os de Periscal quedan líderes empatados co Nantón, que non fallou ante o Pereiriña. Aproveitou a derrota corcubionesa o Cerqueda, que queda a 4 puntos dos de Manín tras vencer con claridade en Xaviña. Coristanco e Cabana tamén gañaron e non van dar o ascenso por perdido ata o último encontro.
E remataron as Ligas Xuvenís (xa podedes ollar o Cadro da Copa da Costa Xuvenil 2011) nas que o Corme e o Santa Comba foron os campións. Salientable foi a festa cormelá de onte, na que centos de veciños vibraron no Cairo para vencer con comodidade ao Coristanco e poder celebrar o título.