A Pipa: Corme e Baio quédanse sos á fronte da clasificación na Costa
08:15 01/11/16
O Corme celebrando un gol-Foto-Fin Lema
Xornada apaixonante na Liga da Costa, con varios encontros que centraban a atención dos afeccionados e que se saldaron con cambios na cabeza da clasificación, pois agora únicamente Corme e Baio (xusto cando se enfrontan no inicio de Copa da Costa) comparten o liderato, unha vez que o Cerqueda non foi capaz de pasar do empate na Ponte do Porto, ante un Porteño que se adiantou no marcador e soubo responder ás embestidas dun conxunto que quixo buscar o triunfo, pero non puido arrincar máis que o empate, o que lle fai quedar a dous puntos do liderado da clasificación.
Pasouno mal o Corme no seu terreo de xogo ante un Baiñas que vendeu cara a súa derrota e que, con 0-0 sufriu a primeira expulsión. Adiantaríanse os locais, pero, aínda con 10, os vimianceses lograron poñer o 1-1 no marcador, pero dous goles nos últimos quince minutos, xa con 9 xogadores visitantes no terreo de xogo, tras ser expulsado o meta Maikel, significaron o triunfo dun Corme que sufriu de xeito abondo.
Tampouco o tivo fácil o Baio en Castriz, ante un once local que pelexou ata o final para sumar algún dos puntos en xogo. Os visitantes adiantáronse antes do descanso e xa na segunda metade colocaron o 0-2 no marcador, recortado nos lances finais, pero insuficiente para frear a boa marcha dos baieses.
Gran encontro na Rocheira, onde o Coristanco sacou un merecido empate ante un Ponteceso que, tras remontar no marcador, non foi capaz de frear o uen momento dos homes dirixidos por Alberto Pensado, que aos poucos van saíndo dos postos de perigo. O once dirixido por Barca ve freada a súa reacción, quedando moi lonxe dos postos de privilexio da táboa clasificatoria.
Tamén o San Lorenzo ve truncada a súa marcha ascendente ao empatar en Cee, nun choque moi complicado, pero os pupilos de Oscar Suárez adiantáronse no marcador e mantiveron a vantaxe ata prácticamente o final do choque, pois no minuto 94 lograrían os locais igualar a contenda e sumar un punto que nunca deron por perdido.
Paso adiante do Laxe no seu afán de saír dos postos de descenso, conseguindo o triunfo no último minuto, e cando xogaban con 10 homes, en Corcubión, ante un once local que non estivo acertado, posiblemente polo bo traballo realizado polos visitantes, que suman o seu segundo triunfo da competición, ambos lonxe dos seus afeccionados.
Festival de xogo e goles da Esteirana en Buño, ante un once local que coquetea peligrosamente cos postos de descenso. Os homes preparados por Lodeiro realizaron un dos mellores partidos da tempada e non deron opción aos oleiros, aos que deixan tocados trala ampla derrota encaixada.
Segue a marcha ascendente do Mazaricos, que sufriu pese a todo para sumar os tres puntos ante un Camariñas que aínda ten que seguir crecendo para ser unha verdadeira alternativa aos postos de privilexio da táboa clasificatoria. Dous tantos supuxeron o triunfo para os amarelos, que se sitúan na quinta praza da clasificación.
Sae dos postos de perigo o Montelouro tralo seu triunfo ante un Malpica moi mermado polas baixas e que viu como os locais adiantáronse cun cómodo 2-0 e, pese a ser recortado polos homes dirixidos por Esmorís, un postrer tanto dos locais sentenciou a contenda e daba o triunfo aos pupilos de Oscar Leis.
Na próxima xornada duelos moi interesantes tanto por arriba como pola zona de perigo. Por arriba, o partido máis destacado da xornada, polo menos a priori, disputarase en Verdillo, onde o San Lorenzo recibirá a visita do líder invicto, Corme, que buscará afastar definitivamente da cabeza da táboa aos locais.
En Baio, os homes preparados por Pedro Gómez intentarán o asalto ao primeiro posto superando ao Monte Louro e coa mirada posta en Verdillo.
Outro punto neurálgico será en Buño, onde o Cerqueda recibirá a todo un Mazaricos que quere tomar contacto coa zona nobre da clasificación e recortar distancias cos que lle preceden na táboa.
Sen desmerecer aos outros encontros, pola zona baixa da clasificación dous partidos lévanse a palma. Por unha banda, o Laxe recibirá a visita do Porteño, un dos seus inmediatos perseguidores, mentres que en Vimianzo, o farolillo vermello, Baíñas, verase as caras co Corcubión. Os derrotados poden quedar moi tocados, mentres que os que logren sumar os tres puntos poden recibir unha importante dose de osíxeno para encarar novos compromisos.
Duelo de rivalidade en Malpica, coa chegada dun Coristanco ao alza, mentres que en Esteiro os locais, tralo gran triunfo en Buño, recibirán a un Castriz que perdeu fuelle nas últimas xornadas, aínda que manteñan un cómodo sétimo posto.
Ponteceso e Cee buscarán no terreo do primeiro, os puntos que lles permitan non perder de vista a zona alta da clasificación, aínda que agora mesmo estean moi afastados dela. En Camariñas, o once revelación da tempada verase as caras cun Buño que chega tocado tralo varapalo sufrido na última xornada.
En Preferente, Xallas e Sofán, ok; Soneira, ko, en Preferente
Dobre triunfo e unha derrota en Preferente, onde o Xallas superou a un Atlético Arteixo que vendeu cara a súa derrota na Fontenla, malia que os pupilos de Iván Cancela chegaron ao descanso cun claro 4-1 no marcador, mercé ao seu bo xogo e eficacia ante a meta contraria, non facendo presaxiar apuros para os verdes. Pero nada máis lonxe da realidade, pois dous goles do Arteixo na segunda metade, fixeron crear incerteza nos últimos minutos para un Xallas que se hico acreedor ao triunfo.
En Arzúa, golpe sobre a mesa dun Sofán que recobrar as súas mellores sensacións, como ao principio de campaña. Pese a que os locais adiantáronse no marcador, aos poucos os xogadores dirixidos por Josito deron boa conta dun sorprendido once local, levándose o triunfo con comodidade e claridade, cimentado nos primeiros corenta e cinco minutos, ao término dos cales xa gañaban os sofanistas polo resultado que sería definitivo, e que lles mantén en postos de privilexio, empatado a puntos co cuarto clasificado.
Mereceu moito máis o Soneira en Vimianzo, onde se mostrou superior a un Ribadeo que únicamente defendeuse e, nun contragolpe, alcanzou un gol que, ao cabo, sería definitivo para que os puntos voasen cara á mariña lucense, pese ás moitas e claras oportunidades das que gozaron os locais, pero desacertados á hora da definición.
A próxima xornada trae un incómodo visitante a Sofán, coa chegada dun Bertamiráns que non termina de arrincar e se atopa a cinco puntos dos sofanistas.
Pola súa banda, Xalllas e Soneira renderán vista aos terreos de Escairón e Sarriana, respectivamente. O rival dos xalleiros ocupa a cuarta praza da clasificación, empatado a puntos co Sofán, mentres que a Sarriana atópase en zona de descenso, separado en dous puntos do Soneira. Boa oportunidade para os equipos da zona de seguir ascendendo, aínda coñecendo o potencial dos rivais, en especial do que visitará o Xallas.
Dumbría, suma e segue en Primeira
Non cede un ápice na súa marcha o once do Dumbría que volveu sumar os tres puntos en xogo nesta oportunidade no campo dun Escravitude que cae moitos postos na clasificación xeral, mentres que o Dumbría afasta ao Sigüeiro, derrotado pola Golada, e aumenta a tres a distancia co segundo clasificado, o Cordeiro, e terceiro, A Golada, aproveitando, ademais, o pinchazo dun Tordoia que segue invicto.
Este último deu boa conta do Outes, ao que endosou un rotundo 5-0, nun choque onde os homes de Manu Roque non foron capaces de frear a un conxunto que marcha lanzado en pos do Dumbría.
Saltou a banca o Sporting Zas en Lalín, ante o histórico conxunto local, logrando un triunfo merecido, malia que os locais puideron empatar no último minuto cun penalti que transformaron, pero que o colegiado anuló sinalando falta a favor do Sporting. Pese a todo os zasences foron superiores en xogo ao seu rival e fixéronse acreedores aos tres puntos en litixio.
Pinchou o Fisterra no seu terreo, onde se viu sorpendido polo Piloño, que deixa aos pupilos de Nacho Barreiro na undécima praza da táboa, endosándolle a segunda derrota da competición, pese a que os verdes mereceron, cando menos, o empate, que non chegaría.
Na próxima xornada, o invicto Tordoia renderá visita ao Sporting Zas en San Andrés, separados por dous puntos na táboa clasificatoria, mentres que o Dumbría recibirá ao terceiro clasificado, A Golada, nunha boa oportunidade de afastalo un pouco máis na táboa.
Compromiso complicado para o Fisterra no seu desprazamento a Sigüeiro para render visita ata o fai dúas xornadas líder da clasificación, mentres que na Serra os locais veranse as caras cun Lalín do que lle separan dous puntos na táboa, e con ganas de abandonar o farolillo vermello que comparten co Villestro.
Muxía, impoluto en Terceira
Unha semana máis, o Muxía mantense firme e impoluto á fronte da táboa clasificatoria en Terceira Autonómica, e, pese a que o seu rival era o segundo clasificado, sacou adiante o compromiso en Arliña, aínda que o Ameixenda vendeu moi cara a súa derrota por 2-1.
O segundo posto pasa a mans do Nantón, que goleou, e de que xeito, a un Cabana que é o único conxunto que aínda non gañou no que se leva de competición, con cinco empates e dúas derrotas
Non perde comba o Castrelo, que soubo nadar e gardar a roupa en Malpica, derrotando a un Seaia que segue na última praza da clasificación, mentres que os vimianceses colócanse na cuarta posición da clasificación xeral.
Vitoria do Outes B sobre o Camelle, ao que superar na clasificación, do mesmo xeito que sumou os tres puntos en litixio o Lira no duelo de rivalidade, unha vez que desapareceu o Carnota, co Volantes en Muros, que deixa aos pupilos de Manín na quinta praza, a tres puntos do segundo posto.
Na próxima xornada, partido grande en Vimianzo, onde o Muxía renderá visita a un Castrelo crecido, mentres que o Nantón buscará recortar distancias, si pincha o Muxía, en Camelle, ou aumentar a vantaxe co Castrelo, si os líderes non fallan.
Tamén estará moi pendente dos que suceda o Ameixenda, que tratará de derrotar no seu terreo de xogo ao Volantes, mentres que o Lira renderá visita ao Outes B e quere os tres puntos para seguir pugnando polos postos de privilexio.
Para rematar, o Cabana desexa acabar coa súa frouxa traxectoria e sumar o primeiro triunfo da tempada no seu terreo de xogo ante o colista, Seaia, que pese a todo é un rival difícil de bater.
- Manuel Corredoira, Entrenador Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A Pipa de Corredoira
- X.8: Corme e Baio seguen pelexando polo liderado.
- X.7: O Corme recupera a primeira praza da clasificación ao perder o Baio en Camariñas.
- X.6: O Baio aúpase ao liderado no seu partido 800 partidos na Liga da Costa.
- X. 5: Ponteceso e Baíñas, en sorprendente caída tras un comezo prometedor.
- X.4: O Laxe suma o seu primeiro punto e frea a marcha do Castriz.
- X.3: Un sorprendente Castriz aúpase ao liderado na Costa.
- X.2: O Corme, con paso firme.
- X.1: Arrincou a Liga da Costa co Corme como primeiro líder.
Fonte
- Manuel Corredoira ([email protected]).