Xoves. 25.04.2024
El tiempo

A Pipa: Derbis, emoción, sorpresas e cambio de líder

A Pipa: Derbis, emoción, sorpresas e cambio de líder
Imaxe do Corme-Buno -Foto-Mery Villar Imaxe do Buño-Outes -Foto-Mery Villar Xornada moi apaixonante a disputada o pasado fin de semana, con encontros moi interesantes e importantes en todas as categorías, desde Preferente ata Terceira Autonómica, con derbis, emoción, sorpresas e cambio de líder en Terceira, tralo gran triunfo do Volantes no derbi local ante o Muros.

2ª Galicia

En Segunda da Costa, o líder retomou a senda do triunfo, ante un complicado rival como o é o Muxía de Adrián Lema, que vendeu cara a súa derrota ante os "amarelos", que sufriron de xeito abondo para levarse un triunfo que lles mantén en todo o alto da clasificación. O 2-1 final foi reflexo da entrega e traballo de ambos conxuntos, con Mazaricos que aproveitou as súas oportunidades e un Muxía que buscou o empate, pero quedouse sen premio ao final. Segue o ronsel do líder a Esteirana, que nun gran primeiro tempo sentenciou o choque ante o Cee no José Luís Vara. Un 3-0 aos trinta e sete minutos deixaba sentenciado o encontro, malia que o Unión nunca se entregou e recortou distancias e buscou un mellor resultado, en especial trala expulsión de Eloy, que fixo que os homes de Roski buscasen recortar distancias, pero a firme defensa local impediuno. Tropezou o Corme en Malpica, onde viu freada a súa marcha goleadora das últimas xornadas, e un tanto de Juan Fuentes, aos oito minutos, permitiu o triunfo dun Malpica que segue rendibilizando, e de que xeito, os seus goles, sumando puntos importantes que lle afastan da zona de perigo. O Corme intentou lograr un mellor resultado, pero non tivo o seu mellor tarde, sen dúbida, e o Malpica soubo traballar con orde para sumar os tres puntos en xogo. Tampouco conseguiu os tres puntos o cuarto na loita polos postos de ascenso e promoción, o Baiñas, que non pasou do empate no Municipal de Vimianzo no mini-derbi ante o Sporting Zas. Os visitantes adiantáronse no marcador, empatando na segunda metade os homes de Sergio Vieiteis. Foi un encontro con diferentes fases, con dous comezos fortes locais, tanto na primeira como na segunda metade, e control do xogo e das ocasións visitantes. Gran triunfo do Monte Louro nun campo moi complicado como o é A Rocheira de Coristanco, onde o once de Alberto Pensado e o de Oscar Leis rivalizaron nun fútbol moi directo e con espazos moi reducidos. A importancia dos puntos en xogo, en especial para os locais, situados en posicións incómodas, fixo que as defensas primasen sobre os ataques, e só un tanto xa no desconto supuxo que os tres puntos voasen a terras muradanas. Gran triunfo do Lira ante o Ponteceso, que parece estar sumido nunha crise de resultados, con tres derrotas consecutivas, que lle apartan da zona nobre da clasificación, mentres que os lirachos romper a mala racha de resultados que viñan atravesando e sitúanse na zona media da clasificación. Un gol a falta de dous minutos significou o triunfo local, cun tempo para cada equipo. Meritoria vitoria do Cerqueda de Raúl Periscal en Camariñas, que deixa aos homes de Tono na zona de descenso. Os visitantes souberon nadar e gardar a roupa, cun primeiro tempo onde os brancos gozaron de máis ocasións ademais do gol de Javi Souto. O tanto de Iván Mato terminou de inclinar a balanza ao lado do Cerqueda, pese a que o Camariñas recortou distancias a falta dun cuarto de hora e buscou con afano un empate que non chegou. Onde si houbo reparto de puntos foi en Buño, onde o once de Dani Calvete medíase a un moi necesitado Outes, colista da clasificación. Os homes de Lodeiro viron moi preto o triunfo, pois tras un encontro tremendamente igualado e tenso, a falta de seis minutos, Mario adiantaba aos blanquinegros, pero xa no tramo final da contenda Pedro levaría a alegría á bancada local ao conseguir o empate. Na próxima xornada, a atención céntrase, especialmente, en dous duelos, os que se disputarán no Municipal de Vimianzo, onde o Baiñas recibe a visita do líder, Mazaricos, con tres puntos moi importantes en xogo de cara ás aspiracións de ambos conxuntos, separados por sete puntos na clasificación, e no Cairo, onde o Corme recibirá ao segundo clasificado, Esteirana, e ambos buscarán un resultado que lles permita seguir na loita polo título ou promoción. Os catro primeiros fronte a fronte. Duelo de rivalidade en Ponteceso, onde chega un necesitado Buño, mentres que pola zona de perigo, o Outes recibirá a un moi mellorado Malpica no Conchido, mentres que o outro conxunto que ocupa praza de descenso directo, o Camariñas, renderá visita a un Cee do que lle separan dous puntos na clasificación. Duelos importantes en Buño, onde o Cerqueda recibirá ao Coristanco, tamén en situación de perigo, e en Zas, onde o Sporting medirase ao Lira separados por un punto. O Louro, auténtica revelación da tempada, recibirá en Agra da Figueira ao Muxía, con intención de sumar os tres puntos e seguir o ronsel dos catro primeiros clasificados.

Preferente

Xornada de empates en Preferente polo que respecta aos equipos da zona da Costa, pois o derbi entre Dumbría e Xallas saldouse sen que se movese o marcador, mentres que nas Eiroas, o Sofán era capaz de responder ao xogo do potente As Pontes e arrincar o un punto. No Conco, o Dumbría non puido cun Xallas que segue o seu ascenso na táboa, malia que, pese á súa racha positiva, a zona de perigo a ten a catro puntos, mentres que os pupilos de Nacho, tralo resultado encaixado nas Pontes, querían, cando menos, sumar para poder seguir mantendo viva a esperanza da salvación, que teñen a dous puntos. Ao final un 0-0 que non mellora en exceso a ningunha, pero tampouco lles afasta dos seus obxectivos. En Carballo, o potente As Pontes, terceiro clasificado e que busca o ascenso, atopouse cun Sofán moi respondón e que soubo contrarrestar o xogo visitantes. Os das Pontes adiantáronse no marcador, antes do descanso, empatando aos quince minutos os pupilos de Iván Cancela. Nos últimos lances, o once local soubo, á contra, levar moito perigo á meta visitante, que buscaba un triunfo que lle levase á segunda praza da táboa. A próxima fin de semana, outro derbi, nesta ocasión na Fontenla, onde o Xallas recibirá ao Sofán, coa volta de Iván Cancela á que foi a súa casa durante varias tempadas. O Dumbría terá unha complicada papeleta en Castro de Ribeiras de Lea, onde lle espera un Castro que están en zona de ninguén, moi lonxe da cabeza e do descenso.

1ª Galicia

Xornada máis ou menos positiva, segundo como se mire, para os equipos da zona en Primeira Autonómica, pois dúas lograron o triunfo, un empató e o cuarto perdeu no terreo do segundo clasificado. Os triunfos foron para un Soneira que segue a súa marcha ascendente e trala chegada de Pedro Gómez ao seu banquiño, que foi un revulsivo para os soneiráns, suma triunfo tras triunfo. Nesta ocasión venceron a un Cordeiro en hora baixas por un claro 0-3, nun excelente encontro dos brancos, aínda que non lles valla para recortar distancias coa cabeza da clasificación. Tiña un complicado encontro o Fisterra en terras compostelás, onde se medía a un Sigüeiro moi irregular, e os pupilos de Noé, cun tempraneiro tanto, souberon defenderse moitísimo orde e sacar adiante un compromiso moi complicado na primeira das súas dúas saídas consecutivas. Con este resultado, saen da zona de descenso directo, aínda que empatados a puntos co Tordoia. O Baio recibía a todo un histórico e que busca o retorno á Preferente, como o é o Flavia de Padrón, e o 1-1 final foi un premio para o traballo desenvolvido polos dous equipos ao longo dos noventa minutos. Adiantouse moi pronto o once branquiazul, para empatar seis minutos despois o Flavia, todo na primeira metade. Ao final, un resultado que deixa aos baieses cinco puntos por encima da zona de descenso. Segue sen ter unha pizca de fortuna o San Lorenzo, que se quedou ás portas de arrincar puntos no campo do segundo clasificado, Piloño, pois únicamente un tanto de Alberto Pardo, aos 83 minutos, cando os locais xogaban cun home menos, supuxo a derrota dos rojillos. Na próxima xornada, derbi en Vimianzo, onde chega o Fisterra para medirse ao Soneira. O San Lorenzo buscará un triunfo que se lles vén negando ante o Cordeiro nas Pedreiras. Partido grande do Baio no campo de dimensións reducidas do Bertamiráns, non fai moito conxunto de Terceira División.

3ª Galicia

Ambiente no derbi muradan no Eleuterio Balayo Gran ambiente no derbi muradán no Eleuterio Balayo Cambio de líder en Terceira, tralo gran triunfo do Volantes no derbi local ante o Muros, ata ese instante líder da táboa. Gran partido, cun ambiente extraordinario, bo xogo, emoción e un 3-0 final para os pupilos de Sil. Tras un primeiro tempo igualado e que finalizou con empate sen goles, o tanto de Rapante, aos oito minutos da reanudación, abriu o choque, e fixo que o Volantes crecésese e levásese o triunfo, o liderato, e o golaverage entre ambos equipos. O Camelle aproveitouse do triunfo do Volantes para situarse a dous puntos do Muros, tralo seu gran triunfo no campo dun Laxe que se ve fóra dos postos de promoción de ascenso, agora a catro puntos dos pupilos de Ordoñez. Un tanto cedo de Barreiro rompeu o choque e supuxo tres puntos vitais para os visitantes que lle afianzan na terceira praza da táboa. Sufriu, e moito, o Cabana para sumar a vitoria nas Redondas ante o Porteño, ao que afasta dos postos de privilexio, mentres que serve para que os pupilos de Oscar Mingui sigan inmersos na pelexa polo ascenso directo, agora a tres puntos do Muros. Sorpresas en Cee e Nantón, onde Ameixenda, por unha banda, e Nantón, polo outro, víronse superados por Castrelo e Corcubión, ambos co mesmo resultado de 1-2. En Cee, o Ameixenda viu como un respondón Castrelo sumaba o seu segundo triunfo da tempada e freaba a marcha dos locais, aínda que se manteñen en zona de promoción de ascenso, mentres que o Nantón queda fóra da mesma ao verse superado por un Corcubión capaz do mellor e do peor esta tempada. O Seaia apúntase á pelexa pola promoción situándose a tres puntos do Ameixenda logo de vencer na Serra ao filial do Outes por 1-3, pese a que ao descanso chegábase con 1-0 para os locais, pero na segunda metade os malpicanes levaríanse o gato ao auga. Na próxima xornada, gran partido en Camelle, onde chega un Castriz que está ante unha das últimas posibilidades de chegar aos postos de ascenso directo. O líder visita Vimianzo, o sábado, para medirse a un crecido e esperanzado Castrelo. O Muros é favorito no seu duelo no Eleuteiro Balayo ante o Outes B. Partidos de necesidades en Malpica, Corcubión e Ponte do Porto, onde os locais recibirán as visitas de Laxe, Ameixenda e Nantón, don puntos vitais en xogo para chegar á zona de promoción, que cada día estase poñendo máis cara. Esta xornada descansa o Cabana.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Novas relacionadas

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios