Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Pipa: Non fallaron os catro primeiros clasificados; o derbi Cerqueda-Malpica, para os visitantes

A Pipa: Non fallaron os catro primeiros clasificados; o derbi Cerqueda-Malpica, para os visitantes
O Corme sufríu en Camariñas-Foto-Camariñas O Corme sufríu en Camariñas-Foto-Camariñas Todo se mantén igual na zona alta da clasificación na Liga da Costa, con Corme, Baio, Mazaricos e San Lorenzo sumando triunfos, e pinchazos de Castriz, Camariñas e Cerqueda, que practicamente dixeron adeus á zona nobre da clasificación xeral, co ascenso do Ponteceso á devandita zona, e xa é quinto. Os duelos dos líderes saldáronse con triunfos de Corme e Baio con moitísimo sufrimento, ante Camariñas e Porteño, respectivamente. No Cairo, o Camariñas adiantouse por tres veces no marcador, todo iso na primeira metade, trepidante, cun conxunto visitante respondón e un once local sorprendido polo xogo dos camariñás. Na segunda metade, axustaron máis en defensa os cormelaás para conseguir voltear o marcador a falta de pouco máis de quince minutos para a conclusión do partido, o que lle vale ao Corme para manter o liderato. Tampouco o tivo fácil na Ponte do Porto o Baio, nun terreo onde nunca o tivo fácil o once blanquiazul para sumar o triunfo, e un tanto do sempiterno goleador MC significou o sumar os tres importantes puntos en xogo e manteñen aos baieses na segunda praza da táboa, mentres que o Porteño, que intentou buscar o empate nas accións a balón parado, segue fóra dos postos de perigo, dous puntos por encima do descenso. Sufriu o San Lorenzo en Vimianzo ante un Baíñas que segue en zona de evidente perigo e co descenso axexándolles, aínda que a tres puntos dos postos de salvación. Os locais adiantáronse no marcador, para empatar antes do descanso o San Lorenzo. Na segunda metade, buscou o gol o Baíñas, pero sen conseguilo, mentres que o once de Verdillo a falta de quince minutos, e a balón parado, lograba o tanto do triunfo. En Mazaricos o once local sumou os tres puntos en xogo ante un Monte Louro que, tras vencer á Esteirana no choque aprazado, aumenta a súa vantaxe coa zona de descenso a cinco puntos. Os locais seguen soñando con chegar a ameazar aos líderes da táboa, aínda que saben que non poden fallar e esperar que si o fagan os primeiros clasificados. O derbi malpicán de Buño, entre Cerqueda e Malpica, saldouse co triunfo dos visitantes por 0-2, sorprendendo co seu xogo e a súa disciplina táctica ao once dirixido por Raúl Periscal, que ve como os malpicáns, co cambio de adestrador e a chegada de Repi ao seu banquiño, supéranlles na táboa clasificatoria, aínda que empatados a puntos na mesma. En Coristanco, os locais adiantáronse cun claro 3-0 no marcador ante o Castriz, pero terminou sufrindo pois os visitantes nun minuto colocaron un amenazante 3-2, para sentenciar xa no tempo de desconto o Coristanco, o que lles coloca na undécima praza con dous puntos de vantaxe sobre o descenso, mentres que o Castriz perde a quinta praza. A citada praza pasa a mans dun Ponteceso que sumou a vitoria no terreo dun Laxe que segue na última praza da táboa. Os pupilos de Barca, sen grandes alardes, lograron dous tantos, un en cada tempo, suficientes para deixar aos locais sen sumar unha semana máis, aínda que as derrotas dos outros conxuntos inmersos no descenso séguelles mantendo con vida. O Corcubión logrou un claro triunfo sobre unha Esteirana que ten que comezar a sumar para escapar da zona baixa, pois agora mesmo non ocupa posición de descenso directo, pero si está igualada en puntos co Cee que si é o que está en descenso. Os locais superan aos seus rivais na táboa, cun punto de vantaxe, pero tampouco poden sentirse cómodos na situación que ocupan. Sorprendentemente, logo do seu bo inicio de tempada, o Cee colócase por primeira vez en posición de descenso directo ao perder no seu propio terreo ante un rival directo como o é o Buño, que cun solitario tanto na primeira metade, soubo nadar e gardar a roupa para sumar un triunfo que lles pon dous puntos de vantaxe sobre o descenso, pese ás moitas ocasións das que gozaron os locais para alcanzar un mellor resultado. Na próxima xornada, partido grande en Mazaricos, coa visita do San Lorenzo, e coa terceira praza en xogo. Ningún pode fallar nesa persecución sobre os líderes, pero uno, ou os dous si hai empate, poderían dicir virtualmente adeus ás súas posibilidades de ascenso. Os líderes terán complicados encontros. O Baio, no Pratas Reinoso, recibirá a visita dun tocado pero non afundido Cerqueda, mentres que o Corme renderá visita ao Buño, dous equipos do mesmo concello e que xogan no mesmo campo e que buscarán sorprender aos líderes da táboa. Á espera do que suceda en Mazaricos estará o Ponteceso, que de gañar ao Baiñas no seu terreo de xogo, achegaríase na táboa clasificatoria á cuarta praza, ou ata á terceira si o vencedor fose o San Lorenzo, pero o Baiñas quererá puntuar para saír do descenso. Castriz e Cee disputarán un encontro de urxencias para os visitantes, tralos últimos resultados, mentres que os locais, ao perder na última xornada, quedan moi afastados do pódium da clasificación. Monte Louro e Coristanco, instalados na zona media da táboa, buscarán tres puntos que lles leven a tranquilidade nestas festas navideñas, mentres que o Malpica buscará seguir a súa liña ascendente superando a un Laxe que necesita reaccionar con prontitud para poder escapar dun descenso que leva arrastrando moitas xornadas. Partido de iguais urxencias en Esteiro, onde uns e outros, Esteirana e Porteño, están separados por dous puntos na táboa e co descenso axexándolles peligrosamente.   Dumbria, Fisterra e Zas, ok; Outes, ko Tres triunfos e unha derrota para os representantes costeiros nesta xornada, que supón afianzarse definitivamente no liderato para o Dumbría, e balóns de osíxeno importantes para Fisterra e Sporting Zas, quedando moi tocado o Outes no fondo da clasificación. O Dumbría visitaba ao segundo clasificado, Tordoia, e os noventa minutos resolvéronse cun tanto de Maakay, que deixa aos pupilos de Julián con cinco puntos de vantaxe sobre o agora segundo clasificado Agolada, e con Tordoia e Cordeiro moito máis afastados na clasificación. En Zas, as urxencias eran claras, sobre todo para os locais, tralo cese do seu técnico, Víctor Pazos, e co novo, Pablo Mallón, nas gradas vendo aos seus novos pupilos. O Sporting, cun Chapela trigoleador, deixa moi tocado a un Outes que non soubo aproveitar dúas expulsións locais a falta de quince minutos e con 2-1 no marcador, sendo o once local o que marcaría un terceiro tanto con nove xogadores. Gran triunfo do Fisterra en Silleda, que coloca aos verdes con catro puntos de vantaxe sobre os postos de descenso. Os pupilos de Nacho Barreiro souberon sacar adiante un compromiso onde non partían como favoritos, senón todo o contrario, e con moitas baixas lograron un éxito balsámico para os fisterráns. Na próxima xornada, o Dumbría debe superar no Conco a un Riveira instalado na zona media-alta da clasificación, mentres que o Fisterra recibirá nun duelo directo pola permanencia a un Val do Ulla que ocupa o posto último de permnanencia. Ante o colista, o Sporting Zas, con muchísimas baixas nas súas filas por lesión e sancións, ten que buscar un triunfo que lle afaste do descenso co debut de Pablo Mallón como técnico. Complicado desprazamento dun Outes que necesita imperiosamente puntuar si non quere verse sumido e moi afastado da permanencia, que agora separa aos da Serra en sete puntos.   Xallas, suma e segue; Sofán e Soneira, superados En Preferente, o Xallas de Iván Cancela sumou un importante triunfo na Fontenla ante a Sarriana, que coloca aos verdes na sétima praza, a tres puntos da zona de promoción, e mirando máis cara aos postos de privilexio que aos de intranquilidade, sobre todo tralo seu excelente segunda parte da primeira volta, que tapou por completo o seu titubeante inicio de campaña. O Sofán, en Arteixo, tivo dúas caras moi distintas. Un primeiro tempo excepcional, adiantándose cun claro 0-2 ante os locais, e unha segunda metade cruel, con trinta minutos nos que os locais voltearon o marcador, cun penalti no último minuto que significou o cruel 3-2 final e deixaba aos sofanistas sen puntuar de xeito inmerecida pola súa hora de xogo, onde gañaba por dous tantos. Perdeu o Soneira na Estrada, contra un Estudiantil afincado na segunda praza da clasificación. Os vimianceses, con David Velo no seu banquiño trala dimisión de Manolito, foron capaces de igualar ao comezo da segunda metade o choque, cun tanto de Pichi, pero na última media hora os locais sumaron un novos triunfo que lles asegura a súa segunda posición por detrás do invicto Noia e con sete puntos de vantaxe sobre as súas perseguidores. Na última xornada do ano, o Sofán recibirá no Carral a visita do Escairón, do que lle separan dous puntos e ao que poden deixar por baixo os pupilos de Josito no caso de sumar o triunfo. A Mugardos irá o Xallas coa ilusión de seguir sumando puntos ante un conxunto que tiña como obxectivo retornar á Terceira División perdida a pasada campaña, pero que se atopa un punto por baixo dos xalleiros na táboa. Necesita sumar de tres en tres o Soneira, recibindo no Municipal aínda Viveiro moi irregular, pero que ancorado na sexta praza a tres puntos dos postos de promoción, obxectivo claro dos lucenses. Os brancos necesitan un triunfo que lles permita manter as aspiracións de permanencia intactas e non deixar escapar aos que lles preceden na táboa.   Loita pola promoción aberta en Terceira En Terceira, cun Muxía imperial, que mantén os seus oito puntos de vantaxe na táboa tralo seu triunfo, sufrido, ante o filial do Outes, por 0-1, a loita céntrase nos postos de promoción, onde o Ameixenda e Lira, cos seus triunfos ante Camelle, esperado, e Nantón, no encontro máis importante da xornada para os lirachos por 0-2, parecen tomar vantaxe, aínda que o Nantón está moi preto de ambos. A outra praza disputarana, nos partidos que restan, Castrelo e Volantes. Os dous marchan empatados a puntos na táboa e ambos sumaron o triunfo nesta xornada. Os primeiros venceron en Cabana por 2-4, deixando prácticamente ko aos locais, mentres que o Volantes vencía en Malpica, ao Seaia, moitísimo sufrimento. Esta xornada trouxo a dimisión do adestrador do Camelle, trala goleada sufrida no seu propio terreo ante o Ameixenda, que mantén aos derrotados como farolillo vermello da táboa. Na próxima xornada, apaixonante Volantes de Baños-Muxía en Muros, con esixencia para os locais e un Castrelo que recibe ao Camelle en Vimianzo coa esperanza do pinchazo dos muradanes e levantarse á quinta praza da clasificación. Partido grande en Cee, onde o Ameixenda recibe a un Nantón golpeado trala derrota ante o Lira, e que pode sentenciar a segunda praza, con vantaxe nos cruces de promoción, para os locais. Moi pendente deste choque estará o Lira, que pode dar un paso importante para instalarse definitivamente na terceira praza, si perde o Nantón, ou chegar á segunda, si pincha o Ameixenda, do que lle separan tres puntos. Para iso, os pupilos de Manín deben derrotar ao Seaia. Cabana e Outes B disputarán un choque sen grandes aspiracións para ambos e separados un punto na táboa clasificatoria. Última xornada do 2016 que levará felices Nadais a todo os equipos, para algúns máis tranquilas e para outros con maiores urxencias no retorno á competición, pero no próximo comentario veremos que pasa nestes últimos noventa minutos do ano.  
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, e actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas.
A pipa de Corredoira

A Pipa de Corredoira

Fonte

Comentarios