A Pipa: O Corme aguanta o tirón dos perseguidores
13:20 14/02/17
O Corcubión non puido frear ao líder, Corme-Foto-Fin Lema
Xornada atípica a disputada na Liga da Costa, e ata en Terceira Autonómica, cunha marca goleadora excepcional e algunhas goleadas inesperadas pola andadura dos equipos na competición.
O partido grande da xornada enfrontaba no Pratas Reinoso de Baio ao once local co Mazaricos, segundo e terceiro clasificado, e non defraudó, con dous equipos buscando os seus obxectivos e un primeiro tempo trepidante, no que o conxunto de Néstor Romero adiantouse por dúas veces no marcador, respondendo o Baio colocando o empate a dous goles antes do descanso. Na segunda metade, persistiu a incerteza ata o tramo final, justamente a falta de dous minutos, que foi cando o once dirixido por Pedro Gómez alcanzaba o tanto da vitoria que afasta ao Mazaricos da promoción e faille perder a súa terceira praza que pasa a mans do San Lorenzo.
Precisamente o equipo de Verdillo alcanzaba unha das goleadas da xornada, ante un Buño que segue sumido en problemas, e xa ao final dos primeiros corenta e cinco minutos o choque estaba resolto cun claro 4-0. Na segunda metade, dous novos tantos locais e o de honra visitante pechaban o choque.
O líder cosechaba un amplo triunfo en Corcubión, resolvendo a confrontación o conxunto cormelán con dous goles en dous minutos, que descompuxeron aos pupilos de Emilio Corzón, cun Alejo na súa faceta goleadora, cun novo hat-trick ás súas costas. O Corme mantén a súa vantaxe sobre o Baio na táboa, separados por tres puntos.
Excepcional o Ponteceso ante un Camariñas ao que parece pesarlle a competición, as baixas sufridas e o estar situado en zona de ninguén na táboa, e foi presa fácil dun once lanzado e que na segunda metade alcanzou unhas altas cotas no seu xogo, transformando o 2-0 do descanso nun 7-0 final, con tres goles do seu defensa goleador Matías.
Goleada sorpresiva o Porteño, que recobra sensacións positivas, ante un Cee que viu como do 1-1 ao minuto 16 pasábase ao 4-1 no 39, que deixaba sentenciado o choque, marcándose dous tantos máis na segunda metade, un para cada equipo. A estratexia foi clave, e nela sacou moito provecho o once local, que quere saír dos postos de descenso, situándose empatado a puntos co Baiñas e a un do Corcubión.
Non tivo piedade o Malpica coa Esteirana, e tralo 1-0 do descanso, na segunda metade, a inexperiencia dos visitantes foi clave para que os homes preparados por Repi lograsen un contundente 5-0 final, que deixa ao Malpica na novena praza e á Esteirana dous puntos por encima dos postos de descenso.
O Baíñas viu cortada o seu racha goleadora e suma un empate sen goles que non lle serve para saír do descenso directo, pero si que lle sitúa a un punto do mesmo e a dous de Esteirana e Coristanco.E puido gañar o once de Vimianzo, que marrou o lanzamento dun penalti ante o Castriz, pero o reparto de puntos hai que consideralo como xusto polos merecimientos duns e outros.
O Cerqueda, cun gol en cada tempo, sumou os tres puntos en xogo ante un necesitado Coristanco, que non termina de saír da zona de perigo e está separado por dous puntos da mesma. Pese ao triunfo, tiveron que esforzarse de xeito abondo os locais, pois o once verde púxolles en moitas dificultades ao longo dos noventa minutos de xogo.
No partido que abría a xornada, o Laxe e Montelouro repartíronse os puntos nun choque onde os locais comezaron adiantándose no marcador, empatando a falta de quince minutos os pupilos de Oscar Leis, pero no seu segundo tempo onde os muradanes foron claramente superiores a un Laxe que busca saír do descenso.
Bos encontros na próxima xornada, na que o Corme medirase ao Porteño no Cairo, o Mazaricos recibe ao Corcubión e o Baio visita á Esteirana, tres conxuntos en dificultades e que buscan a permanencia.
Complicado desprazamento do San Lorenzo a Castriz, ante un conxunto local situado na zona media-alta da clasificación, mentres que o Ponteceso terá un mini-derbi coa visita a un Buño que pode verse en problemas.
Choque clave pola permanencia en Coristanco, onde os locais reciben ao Laxe, mentres que o outro conxunto que busca escapar da zona de descenso, o Baiñas, rende visita a un crecido Montelouro.
O Cee buscará tres puntos tranquilizadores na visita do Cerqueda, do que lle separan cinco puntos na táboa, mentres que en Camariñas mediranse os locais e o Malpica empatados a puntos e con nove de distancia sobe a zona de perigo e a tres da sexta praza.
Dúas derrotas e un triunfo en Preferente
Non foi excesivamente boa a xornada en Preferente, coas derrotas de Xallas, ante un moi mellorado Arzúa, que foi capaz de remontar o tanto inicial do sempieterno Doro, logrando o tanto da vitoria cando os xalleiros estaban con dez home sobre o terreo de xogo; e Soneira, moito máis preocupante, por canto produciuse ante un rival directo pola permanencia, o Betanzos, e de forma clara e contundente, cun 4-1 que non deixa lugar a dúbidas, pese a que ao descanso chegaríase con 1-0 para os locais.
En Sofán, partido moi intenso entre o once preparado por Josito e o Galicia de Mugardos, resolto por un solitario gol a favor dos bergatiñáns, que practicamente asegura a presenza do Sofán un ano máis en Preferente, aínda que polos arrastres de Terceira División, que a día de hoxe son catro, fai que a distancia sobre os mesmos sexa de oito puntos, pero a súa boa marcha parece indicar que o obxectivo, cada vez, está máis preto de conseguilo.
Na próxima xornada, o Xallas renderá visita a un Bertamiráns moi necesitado de puntos e situado na zona de perigo de descenso, mentres que o Sofán viaxará a Laracha, onde lle espera o conxunto dirixido actualmente por Chollas e que busca o ascenso a Terceira División, pese á derrota da última xornada en Noia, ante o líder.
En Vimianzo, o Soneira recibirá a visita dun Atlético Arteixo que a pasada xornada goleou ao Lemos e que busca afanosamente a tranquilidade na táboa, sobre todo por arrástrelos que se poidan producir polos descensos de Terceira División.
En Primeira, importante triunfo do Outes
Partido clave para o Outes coa visita do Escravitude, e o 1-0 final sitúa aos branquinegros a un punto do Val do Ulla na zona de descenso por arrastres, que agora mesmo é a que ocupa o conxunto do Ulla. Pese a todo, son sete os puntos que seguen separando ao Outes da permanencia nestes momentos, pero o importante é sumar de tres en tres.
Traspés do Sporting Zas en San Andrés que mantén aos pupilos de Pablo Mallón na zona complicada, sobre todo polos arrastres que se poidan producir, a día de hoxe dous (Bertamirans e Soneira), pois únicamente un punto lle separa do Unión, pero ten ao Silleda un punto por encima. O partido dos sportinguistas non foi bo, pero tampouco os visitantes, pese a ocupar a segunda praza, fixeron méritos para sumar os tres puntos, e únicamente dous erros na primeira metade puxeron o partido cun 0-2 inmerecido. Ao final, o tanto zasence non valeu máis que para maquillar o resultado final.
Fenomenal triunfo do Fisterra ante o Unión de Asados, que coloca aos pupilos de Nacho Barreiro moi preto de certificar a súa permanencia un ano máis en Primeira Autonómica, pois os seis puntos sobre o segundo arrastre poden ser máis que suficientes para iso, sempre que non deixen de apertar o acelerador.
Tropezo do Dumbría ante o Piloño, cuarto clasificado, sendo a segunda derrota dos pupilos de Julián, pero a vantaxe de puntos sobre o segundo, e especialmente sobre o terceiro, fai que poidan permitirse esta derrota sen maiores agobios.
Na próxima xornada, apaixonante Fisterra-Sporting Zas, cos dous equipos que buscarán o triunfo para situarse máis preto dos seus obxectivos. Complicada saída do Outes ao terreo do segundo clasificado, Agolada, mentres que o Dumbría medirase no Conco ao terceiro clasificado, Sigüeiro, noutro bo encontro sen dúbida.
Derrota do Muxía en Terceira
A terceira volta en Terecra Autonómica preséntase apaixonante, cun Muxía que viu como o Nantón lle arrebataba a vitoria no seu propio campo, converténdose na besta negra dos líderes, pero a súa vantaxe na táboa é tal que pode permitirse este tipo de tropezos e manter sete puntos sobre o segundo clasificado.
Non se aproveitou deste empate o Ameixenda, que viu como o Castrelo, outro dos implicados na zona de promoción, arrincáballe un empate a dous goles en Cee, mentres que Volantes e Lira sumaron os tres puntos con ou mesmo 4-1 ante Camelle e Cabana, respectivamente, freando os lirachos a reacción do Cabana, que se afasta en catro puntos da promoción.
Quen si mete a cabeza nesa loita é o Sporting Seaia, que paso a paso foi ascendendo e co 10-4 infrinxido ao Outes B sitúase na sétima praza a tres puntos do posto de promoción que está en xogo, e que se disputan Volantes, Castrelo, Seaia e pode chegar o Cabana. Os outros tres postos parecen claros para Nantón, Ameixenda e Lira.
Na próxima xornada, un interesante Seaia-Muxía, un non menos importante Cabana-Ameixenda e un posto de promoción en xogo no Nantón-Volantes.
Quen se pode aproveitar destes tres encontros é o Castrelo, pero para iso debe de superar ao Outes B a domicilio, do mesmo xeito que o Lira, que visitará o campo do colista, Camelle.
- Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A Pipa de Corredoira
- X.21: Baio, San Lorenzo e Ponteceso recortan en dous puntos a vantaxe do líder, Corme.
- X.20: Golpe de man.
- X.19: Xornada de sorpresas, relativas.
- X.18: Soñando co máis alto.
- X.17: Espéranos unha segunda volta apaixoante.
- X.16: A última xornada do ano trouxo o liderato para un Corme que aproveitou o pinchazo do Baio.
- X.15: Non fallaron os catro primeiros clasificados; o derbi Cerqueda-Malpica, para os visitantes.
- X.14: Mazaricos e San Lorenzo mostran as súas credenciais para acosar aos líderes.
- X.13: Tralo primeiro gran duelo, “a vida segue igual”.
- X.12: Lilo substitúe a Adrián Lema no Laxe; Alfredo Cambeiro chega ao Outes.
- X.11: Igualdade polo título e polo descenso, tras unha xornada marcada por unha suspensión.
- X.10: Amplíanse as distancias entre os líderes e os seus inmediatos perseguidores na Liga da Costa.
- X.9: Corme e Baio quédanse sos á fronte da clasificación na Costa.
- X.8: Corme e Baio seguen pelexando polo liderado.
- X.7: O Corme recupera a primeira praza da clasificación ao perder o Baio en Camariñas.
- X.6: O Baio aúpase ao liderado no seu partido 800 partidos na Liga da Costa.
- X. 5: Ponteceso e Baíñas, en sorprendente caída tras un comezo prometedor.
- X.4: O Laxe suma o seu primeiro punto e frea a marcha do Castriz.
- X.3: Un sorprendente Castriz aúpase ao liderado na Costa.
- X.2: O Corme, con paso firme.
- X.1: Arrincou a Liga da Costa co Corme como primeiro líder.
Fonte
- Manuel Corredoira ([email protected]).