Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Pipa: Para todas as cores

A Pipa: Para todas as cores
Xornada con resultados para todos os gustos e de todas as cores, máis positiva en 1ª Autonómica, onde gañaron dúas dos nosos representantes, e menos positiva en Preferente, onde únicamente o Xallas sumou un dos nove puntos en xogo. En 2ª, suma e segue do Mazaricos, unha auténtica realidade, e pinchazo do Ponteceso en Louro. Por 3ª, non cede o Volantes que se aproveitou das derrotas do Cabana, no terreo do filial do Outes, e do Muros, que perde a súa imbatibilidade.

2ª Galega

Na 2ª da Costa, mantén a súa firmeza o Mazaricos, que sumou o seu oitavo triunfo en nove xornadas, nesta ocasión a costa dun Malpica que viña de tres xornadas puntuando, pero que nada puido facer ante a fortaleza defensiva do once amarelo, e que un gol en cada tempo sentenciou o choque pese aos intentos do Malpica de sumar un mellor resultado. Saltou unha semisorpresa en Louro, onde o once preparado por Oscar Leis soubo contrarrestar o potencial do Ponteceso e logrou tres puntos moi importantes para afianzarse na zona media-alta da táboa clasificatoria. O 3-1 final materializouse na segunda metade, xusto cando o Ponteceso buscaba o triunfo, pero un gol de Raúl e unha contra culminada por Gabri, levaron a alegría aos locais e deixaron sen éxito aos visitantes. Mantense na terceira praza a Esteirana, que venceu con claridade a un Buño complicado e con bo nivel, pero que se atopou con dous goles en contra en sete minutos, pasada a hora de xogo, que fixeron inútil o bo traballo en xeral dos pupilos de Dani Calvete, ante un once azulgrana que retornou ao seu bo fútbol característico, que lle coloca a dous puntos da promoción. Tampouco cede o Muxía no seu retorno á Segunda da Costa, e ante un Zas que estivo mellor asentado na primeira metade, na que se puido adiantar no marcador en dúas oportunidades moi claras resoltas polo meta local, na segunda metade, xa con dous terzos do partido consumidos, levaríase a vitoria ante un once visitante lastrado polas baixas e as lesións no encontro. O Baiñas volveu sumar os tres puntos en xogo, nesta ocasión ante un Coristanco que buscou afanosamente o empate tralo tanto de Roi Carril, pero o bo labor defensia dos visitantes, que trala dimisión de Paco Oreiro no banquiño van como un tiro cara aos postos de cabeza da clasificación. Os locais non tiveron o seu día e viron como os tres puntos acababan no casillero dos de Vimianzo. En Cee, o once local viu como un serio e firme Corme sacaba os tres puntos en xogo cun gol de Javi Peón, malia os intentos dos locais para sorprender á ben armada defensa azul, pero os intentos locais foron cercenados polos pupilos de José Angel, que tralo 0-1 e á contra puideron ata conseguir un triunfo máis amplo. Volveu á senda do triunfo o Cerqueda, superando en Xaviña, nun choque tremendamente competido e disputado, ao Outes, cun gol en cada tempo, que fixo van o esforzo dos pupilos de Alfredo Cambeiro para cambiar o signo da confrontación, sobre todo na segunda metade, con dous lanzamentos aos paus da meta local. Desexarlle a Martín Caamaño unha rápida recuperación trala lesión sufrida con fractúraa de clavícula sufrida nun lance do xogo. Camariñas e Lira asinaron o único empate da xornada, nun choque con dous goles, un en cada tempo, golpeando primeiro o Lira e empatando na segunda metade os homes de Tono, e dous expulsados, un en cada bando. Ao final, un 1-1 que premia o labor e o traballo dos futbolistas e dos equipos. Na xornada do próximo fin de semana sobresae, en especial, o choque que medirá en Corme ao once local e o líder, Mazaricos, onde os locais queren ser o primeiro conxunto en romper a imbatibilidade visitante e acurtar distancias na táboa clasificatoria. O Ponteceso medirase nun derbi de proximidade ao Cerqueda, buscando un triunfo que lle afiance na segunda praza da táboa, mentres que a Malpica chegará unha crecida Esteirana ante un conxunto local moi mellorado. Partido interesante en Vimianzo, onde o Baiñas recibirá a un Muxía separados por un punto na táboa clasificatoria, mentres que o sétimo clasificado, Montelouro, visitará a un Zas que necesita sumar para afastarse da zona perigosa da táboa clasificatoria. En Buño, os locais recibirán a un Camariñas irregular a domicilio, empatados a puntos na clasificación, mentres que en Carnota mediranse Lira e Coristanco que queren saír da dinámica irregular que vén arrastrando. Na Serra, o Outes recibirá a un Cee que se atopa inmerso nunha dinámioca pouco positiva que lle levou á zona de descenso directo.

3ª Galega

Na 3ª da Costa, o Volantes de Baños, ao mando de Sil, afianza unha semana máis a súa liderato, logo de vencer e convencer ante un Nantón moi irregular lonxe do seu terreo de xogo, e o 3-0 final da confrontación mostra a fortaleza dun Volantes que se escapa á fronte da táboa clasificatoria. Tiña un compromiso complicado o Laxe no seu terreo, coa visita dun dos candidatos ao ascenso e promoción, o Porteño, pero os locais, cun gol en cada un dos tempos, sumaron un triunfo que lles coloca na segunda praza da clasificación, deixando ao Porteño fóra dos postos de promoción. Deu boa conta o Seaia do invicto Muros, que colleitou a súa primeira derrota da tempada e que lle coloca na quinta praza da clasificación, aínda que empatado a puntos co segundo, Laxe, mentres que os locais sitúanse a tres puntos da promoción de ascenso, onde o Nantón ocupa a última praza. Sorpresa en Outes, onde o filial, nun gran encontro, superou a un Cabana que asina a súa segunda derrota consecutiva. Os blanquinegros, cun gran comezo e dous goles en dous minutos, antes do primeiro cuarto de hora de choque, deixaron tocado a un Cabana que buscou o empate tralo gol de Laik antes do descanso, pero non podendo co gran traballo defensivo local. Sufriu de xeito abondo o Camelle para derrotar no seu propio terreo de xogo a un Castrelo que, pese a ser colista, deixa boas sensacións coa súa entrega e pelexa de principio a fin. Os tres goles do encontro materializáronse na primeira metade e unha segunda na que os visitantes, cun home máis durante media hora, intentaron conseguir un empate que non chegaría. Salvou un punto no último minuto o Castriz no seu terreo de San Pedro ante un Corcubión que, tras comezar perdendo, deu a volta ao marcador a falta de dez minutos, tras gozar os pupilos de Emilio Corzón de numerosas ocasións para conseguir o triunfo, pero ao final os rossoneri lograrían empatar prácticamente nunha das últimas ocasións do partido. Na próxima xornada, na que descansará o Muros, o líder, Volantes, renderá visita a un Ameixenda afastado da zona de promoción e que quere recortar distancias na táboa. O partido grande da xornada vivirase en Cabana, onde se medirán os locais e o Laxe, empatados a puntos na clasificación e que son serios candidatos ao ascenso a Segunda. Visita o Novo Cubaleiro o Camelle, onde os locais necesitan gañar si queren seguir na pelexa pola promoción ou ascenso. En Nantón, o conxunto local quere mostrar a súa fortaleza cando xoga ante os seus afeccionados recibindo a un Outes B que é capaz do mellor e do peor. Non poden fallar nin Porteño nin Castriz no seu duelo deste fin de semana, pois ao que perda pode afastarse peligrosamente da zona de privilexio, mentres que o Castrelo quere sumar o seu primeiro tirunfo da tempada recibindo en Vimianzo ao Sporting Seaia.

Preferente

Xornada novamente desalentadora na máxima categoría autonómica, onde só o Xallas sumou un dos puntos en disputa, no choque que lle enfrontou ao potente conxunto do Polvorín na Fontenla, onde os homes agora dirixidos por Néstor Romeu, que non coñece a derrota á fronte dos verdes, adiantáronse no marcador xa avanzada a segunda metade, pero a falta de dez minutos o once lucense asinaría un empate co segundo penalti ao seu favor. Os visitantes puideron adiantarse no marcador no primeiro penalti que detivo o meta Coke. Recibía o Dumbría a visita do líder, Paiosaco, e os homes de Diego Lobelos non puideron saborear o triunfo, pois un gol ao filo do descanso, e dous máis na segunda metade colocaron un 0-3 favorable aos verdiblancos, recortado a falta de dez minutos para o final, que deixaron o triunfo dos líderes, xusto, nun 1-3 que deixa aos locais tocados nunha mala racha de resultados. Semisorpresa en Carballo, onde un Betanzos en racha de resultados positivos venceu a un Sofán que perdoou moito nun choque onde os pupilos de Iván Cancela buscaron o triunfo e gozaron de varias ocasións, pero o bo labor dos brigantinos, unido ao gol a falta de dez minutos, nun erro da zaga local, sentenciaron a contenda e supuxo que os tres puntos voasen a Betanzos. Na próxima xornada, o Sofán renderá visita ao invicto líder, Paiosaco, nun choque tremendamente complicado pola dinámica de resultados e xogo dos locais, mentres que o Xallas e o Dumbría viaxarán a terras lucenses, os primeiros á capital rendendo visita á Residencia, da que lle separan tres puntos, facéndoo os homes de Lobelos a Viveiro, cun punto de vantaxe sobre o seu rival.

1ª Galega

Xornada semipositiva en Primeira, onde o Fisterra, co debut de Noé no banquiño, e o Soneira sumaron os tres puntos en xogo, empatando en Verdillo o San Lorenzo e perdendo o Baio no seu desprazamento a Cordeiro. Nas Pedreiras, o San Lorenzo sumou un moi merecido empate nun partido con alternativas, onde os pupilos de Oscar Suárez adiantáronse no marcador, viron como o Flavia volteaba o marcador a falta de pouco menos de vinte minutos, pero a dez do final Dani Pena establecería un empate que premia o labor duns e outros. Choque de alternativas en Vimianzo, onde o Bertamiráns chegaba ao descanso con vantaxe no marcador por 1-2, pero na segunda metade, os pupilos de Rafa Pais, cun gol moi rápido trala reanudación, foi capaz de sacar adiante o choque con dous tantos nos últimos seis minutos da contenda. Gran partido en Ara Solís do Fisterra, que superou ao colista Tordoia na segunda metade, tras un 0-0 ao descanso. Debutaron nos banquiños Noe, no local, e Barca, ex do Ponteceso, no visitante, e ao final levaríase os tres puntos rompendo a dinámica negativa o conxunto verde de resultados, deixando aos visitantes sumidos na última praza da clasificación. Dous goles nos últimos vinte minutos da contenda deixaron ao Baio sen puntuar en Cordeiro, onde os visitantes non puideron contar co seu goleador MC, lesionado, e mermou moito o potencial ofensivo dos pupilos de Pedro Gómez, pero que, por xogo e ocasións, mereceron moito mellor resultado que o sumado ao final dos noventa minutos. Na próxima xornada, o San Lorenzo renderá visita a un Bertamiráns que está sendo unha das decepcións da tempada, pois se esperaba moito máis do descendido de Preferente. A atención estará posta no derbi costeiro en Baio, onde se enfrontarán os locais e o renacido Fisterra, viaxando ao terreo do colista o Soneira, onde buscará un triunfo que afunda aos locais e permítalles seguir ao ronsel do líder aos vimianceses.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios