Mércores. 08.05.2024
El tiempo

A Pipa: Revolución na zona baixa

A Pipa: Revolución na zona baixa
Buno-Zas Foto Mery Villar Imaxe do Buño-Zas. Foto Mery Villar Xornada espectacular a disputada o pasado fin de semana, cunha gran revolución na zona de perigo e, polo que respecta á Liga da Costa, salto importante do Mazaricos en pos do título de Liga e ascenso a Primeira, favorecido polo seu triunfo e as derrotas de Esteirana e Corme. En Preferente, importante salto cualitativo e cuantitativo do Xallas, do mesmo xeito que para o Fisterra, en Primeira, mentres que en Terceira aclárase o panorama para o Volantes, "axudado" pola derrota do Muros en Laxe, co que os pupilos de Sil colócanse con catro puntos de vantaxe e o golaverage particular ao seu favor na loita polo título de Liga.

2ª Galicia

Triunfo apurado e moi traballado do líder no Pino do Val ante un Montelouro con baixas e cun xogador de campo como porteiro, pero os homes dirixidos por Oscar Leis traballaron de xeito abondo para responder ás accións dos locais, que só lograron facerse cos tres puntos en xogo no segundo tempo, tras chegarse ao descanso con 0-0, e con dous tantos de Estéfano. Gran derbi en Esteiro, onde a Esteirana viu como o Outes, que chegaba moi necesitado de puntos, facíase cun triunfo moi importante nun choque tremendamente disputado e onde sacou provecho da súa formulación e dos erros do once azulgrana, que perde comba con respecto ao Mazaricos, que agora lle supera en 8 puntos na táboa cando restan 11 encontros para o final da competición. Tamén deu a campanada o Camariñas, que contra todo pronóstico derrotaba a un Corme que se mantén, pese á derrota, na terceira praza da clasificación. Os locais sacaron forzas de onde puideron para remontar un 1-2 en contra nos últimos minutos, pois o terceiro tanto camariñán chegou cando o partido agonizaba, no minuto 90, permitíndolles afastarse en catro puntos o descenso directo. Incrible final de partido en Coristanco, onde o once preparado por Alberto Pensado perdía por 0-1 ante o Cee nun duelo de gran esixencia para ambos cando se chegaba ao tempo de desconto. Neste, dous tantos verdes deron a volta ao marcador e fan que o Coristanco salga do descenso directo e meta nel ao conxunto ceense. Outro choque importante na zona de perigo enfronta a Buño e Sporting Zas en terreo oleiro, e foi un encontro de loita e entrega por parte de ambos once, con ocasións para os dous e resolto na segunda metade cun tanto visitante, que se afasta en catro puntos do descenso, e deixa aos blanquiazules un punto por encima de Cee e dous sobre o Outes. Muxía e Cerqueda rivalizaron nun encontro moi igualado en Arliña, onde un solitario tanto dos pupilos de Raúl Periscal déixalles empatados a puntos cos rojillos e afastados da zona de perigo da clasificación, mirando máis cara arriba que para a zona baixa. Gran triunfo do Baiñas en Carnota, ante o Lira, cun resultado dos doutras épocas, un 3-6 final onde os verdes volveron contar coa eficacia goleadora das súas referentes en ataque, Javi Souto e Pablo Muiño, e, pese a que o Lira chegou a atisbar a remontada cun 3-4 amenazador no minuto 88, dous novos tantos do conxunto de Sergio sentenciaron a contenda e frearon a reacción local. O derbi de Malpica, onde se enfrontaron os locais e o Ponteceso, resolveuse ao final cun tanto de Dani Casal, que certifica a reacción dos pupilos de Repi nas últimas xornadas e colócalles na novena praza da táboa, a dous puntos dun Ponteceso que segue sumido nun momento de resultados desfavorables que lles deixa prácticamente sen opcións de disputar os postos de ascenso, que agora teñen a sete puntos de distancia. Na próxima xornada, o líder rende visita ao Lira, mentres que os seus inmediatos perseguidores xogan en Ponteceso, a Esteirana, e en casa o Corme, que recibirá a visita dun necesitado de puntos Coristanco. Por abaixo, duelo trascendental en Outes, onde xoga o Camariñas, mentres que o Cee, en casa, medirase ao Muxía e o Buño terá un complicado compromiso en Vimianzo, ante o Baiñas, que busca a praza de promoción. O Sporting Zas recibe no seu terreo a un crecido Malpica, en busca da tranquilidade ambos conxuntos, mentres que o Cerqueda medirase ao Monte Louro en Xaviña, separados por un punto na clasificación.  

Preferente

Xornada máis ou menos positiva, segundo se mire, para os equipos da Preferente, pois todos puntuaron. Ao grande fíxoo o Xallas en San Tirso, onde gañou por 1-4 nun encontro que comezou cun tempranero gol local, pero que non descompuxo aos verdes, que deron a volta ao marcador nun segundo tempo moi bo dos homes de Néstor. Con este resultado, os xalleiros colócanse na 10ª praza, moi lonxe dos postos de perigo. Mereceron mellor resultado Sofán e Dumbría nos seus propios terreos ante Castro e Ordenes, respectivamente, pero ambos saldaron os seus encontros con empate no marcador. Os rojillos comezaron perdendo ante o once lucense, pero na segunda metade conseguiron empatar a contenda e gozaron de ocasións para dar a volta ao marcador, mentres que o Dumbría, pese a gozar de moitas oportunidades de gol, non foron capaces de superar a un Ordes moi ordenado e que deixa aos pupilos de Nacho a tres puntos da permanencia. Na próxima xornada, o Xallas recibe na Fontenla ao terceira clasificado, As Pontes, mentres que o Sofán renderá visita ao Ordenes, co que marcha empatado a puntos na táboa, e o Dumbría viaxa a Arteixo, para render vista a un once bergantiñán que aos poucos vaise situando na zona nobre da clasificación xeral.  

1ª Galicia

Triunfos importantes de Soneira e Fisterra, especialmente o dos verdes, que escapan aos poucos da zona de descenso, mentres que o conxunto de Vimianzo goleaba a domicilio ao Sigueiro, ao que deixa nunha situación moi delicada na zona baixa da clasificación. Os pupilos de Pedro Gómez adiantáronse moi pronto no marcador, e souberon sacar provecho desa vantaxe para ir aumentándoa ao longo da contenda ata pechar a confrontación cun 0-3 que mostra o seu potencial, situándose na sétima praza buscando a zona de promoción de ascenso. O Fisterra resolveu cun mínimo 1-0 a visita dun necesitado San Lorenzo. Os pupilos de Noé suman o seu segundo triunfo consecutivo mentres que o San Lorenzo, malia o seu traballo e cun lanzamento ao pau con 1-0 no marcador, seguen no farolillo vermello da clasificación, a seis puntos da permanencia. Quen se complica a vida é o Baio, que viu como o Tordoia, un rival directo en pos da permanencia, aproveitábase da falta de gol local para sumar un importante triunfo no Pratas Reinoso por 0-1, que deixa aos blanquiazules con tres puntos de vantaxe sobre a zona de descenso, que agora ocupa o Riveira e abandona o Tordoia. Na próxima xornada, derbi costero en Verdillo, onde o San Lorenzo recibirá ao Soneira, mentres que o Baio recibirá ao Sigüeiro, ao que supera nun punto, e o Fisterra visita ao Riveira, con tres puntos de vantaxe para os verdes.  

3ª Galicia

Aproveitou ben o Volantes a derrota do Muros en Laxe, para, co seu triunfo en casa ante o Corcubión, aumentar a súa vantaxe a catro puntos sobre o seu veciño. Os dous repetiron o resultado 2-0, pero de xeito oposto, pois os homes de Sil derrotaban a un Corcubión moi loitador e que vendeu cara a súa derrota, e o Muros perdía no tramo final da contenda co Laxe, pois ñlos dous goles brancos chegaron nos minutos 87 e 90. O Ameixenda deu un paso importante e colócase terceiro tralo seu triunfo sufrido ante un Porteño que se queda a seis puntos da promoción. O segundo tanto local, cando o partido chegaba ao seu final, no minuto 90, levou a alegría ao bando ceense e a tristeza absoluta nos visitantes. O derbi do Concello de Cabana resolveuse favorable a un Nantón que quere seguir pelexando pola promoción de ascenso e frea as ilusións do Cabana de alcanzar o ascenso de xeito directo, pois agora son seis os puntos que lle separan do segundo posto. Dous penaltis deron o triunfo aos locais e deixaron sen opcións aos visitantes. Partido moi disputado en Castriz, onde os rossoneri venceron pola mínima a un loitador Seaia, que case dixo adeus ás posibilidades de promoción. Ademais, os visitantes chegaron con moitas baixas e únicamente once home, pero aínda así lles puxeron as cousas moi difíciles aos de Santa Comba. O duelo entre os dous colistas saldouno o Castrelo con triunfo na Serra, por 2-3, ante o filial do Outes. Os visitantes adiantáronse con 0-2 xa na segunda metade, e aínda que os locais intentárono non foron capaces de conseguir o obxectivo de puntuar. Na próxima xornada, o Volantes terá un difícil compromiso en Ponte do Porto, ante o Porteño, mentres que o Muros recibirá en casa ao Castriz, nun dos encontros da xornada. O Ameixenda renderá visita ao Cabana, e os dous equipos necesitan os puntos para seguir nesa loita polo ascenso directo. Camelle, en Malpica, ante o Seaia, e o Laxe, en Vimianzo, contra o Castrelo, necesitan a vitoria para seguir nesa loita polos postos de privilexio. O Corcubión, no seu campo, recibirá ao Outes B, con moi pouco en xogo, salvo o intentar terminar a campaña do mellor xeito posible.
  • Manuel Corredoira, Entrenador UEFA PRO, Nacional Nivel 3 de Fútbol e Director Deportivo pola RFEF, formador da Escola Galega de Adestradores, actual coordinador das Escolas de Fútbol Base de Zas e Delegado da Federación Galega de Fútbol para a Costa.
A pipa de Corredoira

Novas relacionadas

A Pipa 17/18

Fonte

Comentarios