Domingo. 03.11.2024
El tiempo

Alberto Recarey, unha referencia fiel ó Pinguel

Alberto Recarey, unha referencia fiel ó Pinguel
Sen dúbida é un dos xogadores máis destacados do noso fútbol. A pesar da súa xuventude xa levamos anos vendo eses pases milimétricos e os seus lanzamentos de falta mortais na nosa liga. Dende moi neno, continuando unha tradición familiar afincada nos campos de fútbol, chamou a atención, tanto polo seu xogo como polo seu impecable comportamento. Pouco a pouco foise convertendo nunha referencia do noso fútbol, nun xogador apetecible para moitos pero só disfrutable en Ponteceso. Agora mesmo, facendo labores de despacho unidas ó que fai nos terreos de xogo, é un dos xóvenes que ten que levar o noso querido deporte a cotas maiores, puntos de vista renovados e frescura nos plantexamentos. Conversamos con Alberto Recarey do bo inicio de liga do equipo de Mato e de outras cousas moi interesantes: QPC - O domingo pasado o Cee plantexouvos moitas dificultades. Non puideches xogar por motivos persoais, como o viches na distancia? Creo que non foi o noso mellor partido. Tivemos o control do xogo, o Cee non nos creou moitas ocasións, marramos un par de ocasións no inicio e costounos abrir a lata. Cando fomos capaces de facelo xogamos con máis tranquilidade, pero son deses partidos con baixas (Moscoso, Mendieta, Nando e eu) e conseguiuse sacar adiante que é o máis importante para seguir dando confianza ó que se está traballando. QPC - A que se debe este magnífico arranque de tempada que estades facendo? Supoño que a boa pretempada que fixemos influe moito. Estivemos dous meses adestrando, o que intenta Mato é complicado de asimilar en pouco tempo e empezamos pouco a pouco a mellorar, e iso sumado a que Denis, o preparador físico que veu este ano está a facer un gran traballo, creo que todo isto xunto co bo grupo que temos fai unha mezcla moi boa. Non é o mesmo pelexar por obxectivos cos teus amigos e con xente á que lle tes cariño que con xente que ven de fora e non os coñeces moito. QPC - Houbo cambio no banco, cunha característica peculiar. O anterior presidente pasou a mandar dentro do vestiario. Qué vos aporta Mato como grupo? Falar de Mato é sinónimo de fútbol .Para gran parte dos que formamos a plantilla xa o coñecemos como adestrador, e formounos en categorías base dende que eramos uns nenos no campo vello de POnteceso. A súa maneira de ver o deporte está metida nas nosas cabezas e non somos capaces de entender o fútbol doutra maneira. Evidentemente hai xente que nunca adestrou con el e que lles costa máis pero pouco a pouco xa o van conseguindo e se acompañan os resultados pois é todo máis fácil. Isto xera confianza necesaria para crer máis neste modelo. A gran virtude de Mato é que vai de fronte e non engana a ninguén, ademais do que traballa, e queremos ser protagonistas coa pelota en todos os campos. Ademáis a amizade que temos entre moitos de nos axuda, e el aporta moitas ganas de traballar e facer as cousas ben feitas e con seriedade. QPC - Ti a nivel persoal como te atopas? Agora mesmo estou recuperándome dun pequeno problema no aductor e gracias a Denis estouno conseguindo. Atópome moi ben, fixen unha boa pretempada e facendo o traballo de prevención que nos fai Denis pois melloro o de anos anteriores nos que tiven moitas lesións musculares. Atópome moi respaldado pola idea de xogo de Mato porque é a que me ven ben a min, polas miñas características físicas non podo andar todo o día en disputas e choques e intento sacar vantaxe doutra maneira, e así este estilo de xogo venme xenial. Jorge e Alberto Recarey-Foto-SD Dende moi novo capitán do Ponteceso QPC - Eres un dos maiores talentos costeiros dos últimos anos e a pesar de ter moitas ofertas enriba da mesa segues fiel ás cores do Ponteceso. É unha pregunta que me fai moita xente. Atópome moi cómodo en Ponteceso, levo toda a vida e sinto o club como algo meu, se me quitaran isto quitarianme algo que forma parte de min. Tamén o feito de estudiar en Vigo non me permite adestrar con regularidade, polo que ir para equipos de superior categoría é inviable. Ponteceso é a miña casa, estou coa xente que quero e me apoia e coa que disfruto máis. Os éxitos serán moito máis sentidas, e as decepcións tamén. As emocións son máis potentes que serían noutro equipo. Non sei se estarei toda a vida aquí, pero agora mesmo penso que estarei todavía moitos anos no Ponteceso. QPC - Como levas as túas tarefas nos despachos? Son máis complicadas que as do campo? Pois a labor dos despachos é máis complicada sen dúbida. Este ano levoo ben, o ano pasado foi o primeiro ano e foi máis difícil. Para min foi un ano de cambio e gracias á axuda de Dani Cotelo conseguimos ir tirando e facendoo o mellor posible. A veces dígolle os rapaces de base que terían que facer un mes ou dous o que fai a directiva para que valoren o difícil que é xestionar e levar adiante un club de fútbol, que a veces non nos damos conta do que costa. A mis sírveme para mellorar como persoa, valoro máis as cousas que antes non lle daba a importancia que requería, axúdame a coñecer xente e o trato coas persoas valoroo moito. As persoas movemos o mundo, non as máquinas, e saber como tratar con cada un é o máis importante. QPC - Cales son os obxectivos deste Ponteceso a medio e longo plazo?  O obxectivo primordial é conseguir manter todas as categorías de base, ter rapaces competindo no club do seu pobo e que nos poidamos darlle as mellores condicións posibles, e que eses rapaces teñan cando cheguen a senior un equipo onde xogar no seu pobo. É un orgullo que cada ano suban rapaces que levan toda a vida no club para o equipo senior e que compitan con nos, cando fai uns anos estaban competindo cos equipos pequenos. O crecemento dos rapaces futbolísticamente e persoalmente é unha satisfación moi grande. Non falamos de ascensos nin temas deportivos, se aparece esa posibilidade pois valorarase pero non é no que estamos a pensar.

Comentarios