Nova completa xornada de Fútbol da Costa, esta xa con tintes invernais, i é que o tempo, se ben deu algunha que outra tregua, foi protagonista en toda a volta.
Comezamos esta análise pola Preferente - Senra Sport, onde os nosos sumaron sendos empates que os manteñen na zona morna, ambos empatados a 9 puntos, xa a 7 do liderato, e con 3 de vantaxe sobre a zona de descenso.
Máis intensa foi a xornada na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra, que incluía un fantástico derbi no Municipal de Vimianzo. O Sofán chegaba líder, empatado co Corme e Baio, e só os baieses maneteñen o ritmo e collen unha tremenda vantaxe no máis alto da táboa. Os carballeses caeron ante un Soneira en clara melloría que vencía xustamente por 3-0 e se coloca na metade da táboa con comodidade. Mentres, o Malpica estreaba adestrador, cun Baña que volve collendo o relevo de Óscar Suárez no primeiro troco nos banquiños do ano. Facíao en Bertamiráns, rematando cunha derrota pola mínima pero cunha maior intensidade. A que preocupa é a Esteirana, que despois de 6 xornadas só suma 2 puntos, logo de caer ante un rival directo como é o Piloño.
Xa na Liga da Costa, a 2ª Autonómica - ES Bazarra, Castriz e Zas seguen moi fortes, e non perdoaron a Buño e Porteño. Pegados teñen a Outes e San Lorenzo, moi firmes tamén neste comezo de campaña. O Volantes mete a cabeza aí arriba tras vencer a un frouxo Ponteceso, mentres o Cee vencía nas Redondas e tamén se coloca arriba. Preocupa o Montelouro, cun só punto tras ser goleado polo Seaia en Malpica, e o Camelle, que volvía caer na casa ante un Carnota renovado nas dúas últimas xornadas.
Xa está o Ameixenda de Manolín líder da 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. Aproveitou que descansaba o Lira para superar, nun encontro moi especial para o eterno míster, ao Corcubión, outro rival polo ascenso directo. Métese arriba o Nantón tras vecner ao Coristanco, mentres o Cerqueda superaba ao Muxía e tamén mellora. No choque dos de abaixo, Castrelo e Laxe sumaban un puntiño.
Non fallaron XSC e Dumbría na Liga Xuvenil Sur, Gr.2 - MáisDeporte e se manteñen destacados. Parece que a loita estará pola 3ª praza, na que Miúdos e Esteirana caían metendo na loita a Fisterra. Ademais, polo Norte, o Cabana non aproveitou o empate entre os dous de arriba, Coristanco e Camariñas, ao caer co Zas. O Porteño vencía en Baio e o Corme empataba en Laxe, completando un grupo de 6 equipos en apenas 4 puntos. A loita polas 3 prazas de arriba estará moi igualada.
E por fin, xa saben o que é gañar os equipos dumbrieses das Ligas Autonómicas - Aluminios Dumbría. Cadetes e infantís conseguían sendas vitorias que os tranquilizan na urxencia. Non así o XSC de cadetes, que caía e segue cun só punto.
Non puido o conxunto camariñán das Baleas aumentar a súa renda na 1ª Cadete, e queda só 2 puntos de vantaxe ante Corme e Cabana logo de caer cos cabaneses. Mentres, na 1ª Infantil, XSC, Fisterra e Corme seguen pelexando polo liderato.
Xa nos Veteranos, o Cabana puido frear a un Hosgran que comezou lanzado a 1ª División. Un empate que deixa ao Zas a 4 puntos do equipo cabanés, e un grupo de 3 equipos a 5. Ademais había outros dous partidazos, e o Coristanco puido co Soneira no choque de trens, facendo que o actual campión de Liga vaia recuperando posicións, tendo só 3 partidos disputados; e o San Román e o Dumbría empataban a 3 nun partidazo. Mentres, na 2ª División, o San Isidro-Razo segue imbatido pero xa sufríu máis para vencer ao Nantón. Porteño e Erbecedo quedan moi preto, co cadro da Ponte aínda contando partidos por vitorias tamén.