Xoves. 28.03.2024
El tiempo

"Arbi, ¿qué pitas?", ou o regulamento explicado con humor

"Arbi, ¿qué pitas?", ou o regulamento explicado con humor
Resulta un dos proxectos máis interesantes en moito tempo no fútbol galego. O colexiado de 3ª división Fco. Xabier Rodríguez Campos, coñecido por todos como Xabi, lanzouse ó escenario literario cunha curiosa e aplaudida proposta, explicar o regulamento futbolístico dunha maneira sinxela e desenfadada, tentando acercalo a todo o mundo, e ó mesmo tempo, abríndonos algo máis de coñecemento desa difícil profesión que é a de arbitro. O libro ARBI QUE PITAS, LAS REGLAS DE ARBITRO10 pódese conseguir en Amazon a un prezo de 16,90 €. Esta semana sae tamén en formato dixital, a 7,99 €. Pódese obter máis información na web www.lasreglasdexabi.com. Charlamos co polifacético colexiado, profesor, escritor e difusor do regulamento dende fai ben anos. QPC - Como surxiu a idea? Ía tempo que a tiña na cabeza xa que levo quince anos explicando as Reglas aos rapaces da Delegación de Árbitros, a adestradores e a tódolos lectores de Árbitro10.com, unha web que funciona desde 2012. O texto das Reglas sempre me pareceu aburrido, aínda que ó ser algo de carácter xurídico quizais non poida ser doutra maneira. Nas clases busca sempre apoiarme en historias e xogadas para que a xente o entendese mellor. Creo que faltaba un libro divulgativo, que fixese amena a comprensión do que todo o mundo di saber pero realmente poucos coñecen: o regulamento do fútbol. QPC - É únicamente túa ou apoiaste en outros compañeiros do colectivo? A verdade é que a mantiven bastante en segredo. Isto de escribir é máis difícil que subir o Ézaro en bici, sobre todo se, coma min, optas pola autopublicación. Tiña medo de anunciar o proxecto e que despois quedase en nada. Aínda así, a algúns dos máis achegados íalles dando a ler algún fragmento, para que me desen un pouco de moral dicindo o ben que estaba. Como son amigos non me ían botar para atrás. Entre eles, a colaboración de Marcos Ordóñez, o árbitro da Costa, foi fundamental. QPC - Que pretendes con esta publicación? Intento facer accesibles as Reglas para todos. Parecía que antes este tema só lles importaba aos árbitros. Dende hai tempo, os adestradores saben que un bo coñecemento do regulamento tamén axuda a gañar partidos. Tamén teño a esperanza de que algún futbolista ou afeccionado aprenda algo do tema. Accións como a expulsión de Diego Costa, por subir cara a grada, ou a flagrante paradinha ilegal de Messi hai anos nun partido de Champions, fannos ver o pouco profesionais que son moitos xogadores nestes aspectos. Despois están as protestas sen coñecer a norma. Sempre digo que ao árbitro non lle hai que protestar nunca, pero se alguén non se pode reprimir, que polo menos o faga con criterio. QPC - Ten visos de continuidade? Haberá novas edicións? Espero que si. Estou moi contento con como quedou, pero isto das Reglas cambia cada ano. Tamén saen novas xogadas, atopo novas anécdotas sobre o tema e hai  capítulos que creo que aínda podo explicar mellor. Espero que haxa “Arbi, ¿qué pitas?” tódolos anos. O meu referente, o regulamento de Escartín, editouse 50 anos seguidos. Só me quedan 49 edicións e ir ao Mundial para ser coma el. Xabi pitando un Depor - Celta de xuvenís QPC - ¿Cal está a ser a acollida? Pois mellor do esperado, xa non só entre a xente coñecida, que se interesou moito pola publicación, se non tamén por lectores aos que non coñezo de nada. É moi reconfortante que alguén merque o libro e te escriba felicitando a idea. Os medios de comunicación tamén se interesaron bastante e isto é para min moi positivo, porque aproveito para defender o bo facer do noso colectivo fronte a imaxe negativa que moitas se amosa en moitos deles. QPC - Ti eres bastante coñecido polos campos. Que che comenta a xente? Ás veces me sorprende algún dicindo que mercou o libro, o que me mete algo de presión porque me obriga a ser coherente co que escribín. Outros xa aproveitan e gritan o de “Arbi, ¿qué pitas?” Bromas aparte, a min gústame estar próximo á xente do fútbol e isto axúdame a ter maior contacto con eles. QPC - Cres que nos falta moita pedagoxía con respecto á labor arbitral no fútbol modesto? Penso que o que fai falta é poñerse máis no pel do árbitro. Cando pola tele repetiron toda a semana aquel gol do Barcelona que entrou e non deron, todo o mundo que o vía dicía que imposible equivocarse. ¿Alguén probou a estar na banda e comprobar o que se pode apreciar cando o balón entra por eses centímetros e vai a esa velocidade? Xa non digamos no fútbol rexional, cando non levas liñas e te das a volta e ves a un dianteiro encarando só portería. Iso redúcese a un creo que si, creo que non. Dende a grada se ve todo máis fácil, eu ás veces tamén vexo partidos e digo que o podería que facer mellor cos xogadores... pero desgraciadamente, iso tampouco é certo. QPC - Como ves o fútbol da costa da morte nese senso? Sempre tivo unha especie de lenda negra, coma se os árbitros acabasen no río tódalas fins de semana. Nunca tiven esa sensación, pese a que hai máis afección que noutras partes de Galicia, máis ben o contrario. No fútbol base, dende logo, hai pais e nais bastante peores na zona da Coruña que na Costa. E no fútbol modesto penso que tamén protestan bastante menos. Claro que se nun campo hai 300 espectadores sempre vas escoitar máis cousas que onde hai 50. QPC - Como arbitro, que opinas en xeral do fútbol da costa? Envexa de apenas podelo xa arbitrar, pola creación da subdelegación de árbitros. Todo é distinto. Os derbis seguen sendo derbis, os gritos de guerra soan máis forte e aínda que perdeu parte do romanticismo que tiña antes, cando os campo eran de barro e os tacos de aluminio, seguen sendo competicións que me encanta arbitrar. O ano que me retire, alá polo 2040, pedireille a Vitor Recarei, o subdelegado que está a facer un gran labor, que me deixe colexiarme por aquí.

Comentarios