Espectacular chega esta fin de semana de Fútbol costeiro. Con moitas cousas en xogo xa cando quedan 3 xornadas para o final en moitas categorías, e na que se decidirá un título, o da Liga da Costa, unha promoción na 1ª Autonómica, a final do PlayOff da 3ª, ademais dos títulos das categorías base do Sur, e as os equipos pasan a cuartos na Copa da Costa Xuvenil e ás semis na Infantil.
Así que sen máis comezamos a previa, e hoxe o facemos pola Liga da Costa, que ten no Cairo unha finalísima difícil de recordar. I é que practicamente xogarse o título a falta de 3 xornadas non soe acontecer. O Corme, líder con 73 puntos e 20 xornadas sen perder, recibe a un Sofán creado para gañar o título. Os dous mellores equipos do ano terán o domingo a ocasión de dar unha estocada definitiva ao título, e ao ascenso directo, pois o segundo non terá tan sinxelo ascender a través da Promoción. Seguro que o Cairo se viste de gala. Por abaixo, e co Corcubión virtualmente descendido (pode selo matematicamente este sábado se perde ante o Fisterra), o Muros ten a última final para evitar unha das dúas prazas case fixas de arrastres ante o Carnota. Ademais, choques claves para San Lorenzo, que recibe ao Outes, para Volantes, que visita ao Cee, para o Castriz, que visita ao Mazaricos, e para o Camelle, que viaxa a Zas, ante 4 equipos sen nada en xogo.
E como dicimos, finalísima tamén na 1ª Autonómica, pois a falta de 3 xornadas o Malpica, 4º, enfróntanse ao Arzúa, 3ª, ambos loitando pola 2ª praza, que dá acceso á Promoción de Ascenso á Preferente, co permiso do Villestro, que conta con dous puntos máis e recibe en casa ao Agolada. Pedra Queimada terá que ser un fortín. Como o Xosé Luís Vara, que na semana do 5º aniversario do pasamento do ex xogador deportivista, recibe a todo un Noia, xa ascendido, cunha Esteirana que necesita sumar para evitar posibles arrastres. Ademais, o Baio quere seguir certificando a súa gran campaña ante o Piloño, e Ponteceso e Camariñas, con toda probabilidade, dirán adeus matematicamente á categoría.
E volvendo á Preferente, cando xa só faltan 4 xornadas para o final, a atención céntrase no Dumbría e no XSC, unha vez que o Soneira xa pode perder matematicamente a categoría. Mentres o XSC necesita sumar para escapar do Val, que ademais terá un duelo directo co Riveira, outro dos implicados na loita por evitar os postos de arrastres, polo que calquera resultado lle servirá ao cadro xalleiro, sempre que sume, para sacar vantaxe. Por arriba, o Dumbría segue loitando co Silva pola 4ª praza, de ascenso, pero terá que visitar Cantalarana, para enfrontarse a un Viveiro que ten a 3ª praza case asegurada.
Estaremos atentos tamén á volta das semifinais da Promoción de Ascenso 3ª Autonómica. O Ameixenda, cun pé na finalísima, visita ao Lira, e o Coristanco-Seaia aínda ten todo en xogo tralo empate da ida.
Temos tamén en xogo a ida dos Cuartos da I Copa da Costa Infantil, con 3 eliminatorias igualadísimas e un Corme que deu un paso importante na ida. E atentos, que o xoves 1 de maio terá lugar a final da I Copa da Costa Cadete, unha vez que en División de Honra Cadete o Dumbría viaxa a Moaña, os Dumbría e XSC da Liga Galega Infantil terán dúas citas, sábado e xoves, que poden decidir a súa permanencia ou descenso de categoría.
Ademais, rematan as Ligas Sur das categorías Alevín e Benxamín, e os dous grupos dos Prebenxamíns. En Alevíns Sur, co Dumbría xa campión, queda un fermoso partido en Ara Solis ante o Fisterra, que quedará 2º na táboa. O mesmo acontece na Benxamín Sur, co Outes xa campión dende hai varias xornadas. Os que tamén rematan son os máis pequenos. En Prebenxamín F-8 Costa Este a Esteirana, xa é campiona e iso que descansa, pero saca 3 puntos e o golaverage ao Outes. Polo Oeste si que teremos finalísima, en Cee, entre Cee A e Fisterra, á que chegan empatados a puntos, pero o empate lle vale ao Fisterra, que vencía na ida pola mínima. Mentres, cun dificilmente comprensible desfase de datas, nas Ligas Alevín de Benxamín Norte quedan aínda 8 xornadas.
Ademais, rematan sen nada en xogo as Ligas de Veteranos. E o fai cun partidazo que podería ter sido unha gran final entre o campión, o Coristanco, e o ex campión e 2º na táboa, o Soneira. Ademais, os postos de descenso e ascenso xa están decididos, e Milagrosa e Corcoesto ocuparán os postos de Nantón e Camariñas Vet. Uns Veteranos que xa pensan na Copa, e de feito, hoxe venres 25 de abril hai sorteo ás 21:30h no Local Social de Neaño, en Cabana, en fronte do Bar París. Estaremos atentos e tamén incluiremos o cadro e seguiremos a competición en www.copadacosta.com.
Estes son os 70 partidos que terán lugar esta fin de semana.