Sábado. 27.04.2024
El tiempo

A Liga da Costa decidirase no Cairo e o Dumbría pelexa a promoción

A Liga da Costa decidirase no Cairo e o Dumbría pelexa a promoción
Sofan-Outes no Carral-Foto-Luis Gonzalez

Pensabamos que iamos ter unha Semana Santa sen demasiado deporte, pero nada máis lonxe da realidade. E así o corroboran as numerosas crónicas traídas estes días, coa análise dos Dezaseisavos da Copa da Costa en Xoves Santo, a xornada do xoves da Preferente, o Sábado Santo cos xuvenís e a xornada do Domingo de Resurrección no Futbol Costeiro.

Hoxe analizarmos os partidos da xornada dominical. Comezando pola Preferente, na que o Dumbría merceu máis ante o Bergantiños, e quedando agora a un punto da 4ª praza, que ocupa un Silva que aínda ten que recibir ao cadro dumbriés na penúltima xornada.
Cómpre destacar tamén a fantástica Semana para o XSC, que vencía ao O Val e ao Riveira, dous rivais directos, e consegue deixar atrás esa 3ª praza de arrastre, que practicamente seguro o levaría á 1ª Autonómica. Aínda así, non pode fallar pois O Val queda a 2 puntos, e ademais pode que a 3ª División provoque 4 e non 3 arrastres na Pref. Norte.

Ademais, a Semana Santa era moi importante para a 2ª Autonómica. 5 partidos para poñer en orde a táboa, por arriba e por abaixo. Queda o Corme agora con 2 puntos sobre o Sofán, e ca finalísima desta semana no Cairo na cabeza. Menudo partidazo. O que quedou fóra da loita foi o Zas, que caía en Mazaricos e queda a 9 do liderato e a 7 xa da praza de promoción.
Ademais, Porteño e Mazaricos certificaban a súa permanencia, mentres que Camelle e Cabana sumaban un puntiño que lles permite respirar. Quedan pois a falta de 3 xornadas, o Muros con 28 puntos e un pé na 3ª, e probablemente pendentes dunha praza máis de arrastres (contando coa esperada confirmación da salvación da Esteirana da 1ª). Así o San Lorenzo, co capitán Anxo ao mando, ten 34 puntos, polo 35 do Volantes e Castriz, e 36 do Camelle. Entre eles estará a loita pola permanencia.

Preferente, x.34: Dumbría - Bergantiños (0-0)

11 do Dumbria ante o Bergan-Foto-Jorge Parri
  • DUMBRÍA: Julián, David Carreira (Rudi, min.70), Iago, Oscarín, Aarón, Rivi (Marcote, min.87), Jota, Dani Casal, Doro, Luis (David Lourido, min.67), Adrian Nieto (Pablo Muiño, min.67).
11 do Bergan no Conco-Foto-Jorge Parri
  • BERGANTIÑOS: Christopher, Miguel Loureiro, Meyer, Dany Becerra,  Álex Canedo, Toni, Gonzalo, Roberto Piñeiro, Luis (Josiño, min.71), Michi, Alexandre (Iván Amor, min.71).
  • Árbitro: Joaquín Ventoso Noal (Colexio santiagués). Amonestou aos locais Rivi, Jota, Doro, Adrián Nieto e Dani Casal e aos visitantes Álex Canedo e Gonzalo.
Homenaxe ao Dumbria Xuvenil-Foto-Jorge Parri

Nos primeiros corenta e cinco minuto, os carballeses dominaron a posesión pero non foron capaces de convertir ese dominio en claras ocasións de gol. Os únicos acercamentos á portería de Julián foron un frouxo cabezazo de Michi que salva Iago en liña de gol e un man a man de Roberto Piñeiro no que saíu gañador o porteiro carballés do Dumbría.

Á volta do descanso, empezaría avisando o conxunto vermello cun lanzamento de Luis que se vai desviado, pero pouco a pouco os locais empezarían a coller o mando do partido aproveitando o baixón do Bergantiños. Aos doce minutos, Alexandre tería o gol nas botas tras un centro de Roberto Piñeiro pero o seu disparo final foise a rentes do pau da portería de Julián. A partir desto, o encontro sería un monólogo do Dumbría, e o ex do Bergantiños, Dani Casal, finaliza unha xogada combinativa con clase pero o seu disparo é rexeitado polo poste. Dez minutos despois, Christopher demostrou o por que é un dos mellores porteiros da categoría cunha espectacular parada tras un cabezazo de Rivi. O acoso sobre a portería visitante era continua e o longueiro evitaría o gol de Iago tras un lanzamento dende a frontal logo de aproveitar un rexeite da defensa carballesa. No minuto 73, de novo Christopher salvaría o gol dos dumbrieses e faríao en dúas ocasións consecutivas, primeiro gañándolle no man a man a Pablo Muíño e logo enviando a córner o disparo de Jota dende tres cuartos de campo.

Pablo Muíño tería o tanto da vitoria tras un córner lanzado por Dani Casal pero o seu cabezazo sálvao Michi Castro debaixo dos paus.

Empate sufrido o que consiguiu o Bergantiños, que tivo en Christopher ao seu mellor home, ante un Dumbría que tanto por xogo como por ocasións mereciu a victoria na segunda metade.

Dumbria- Bergantinos-Foto-Jorge Parri

2ª Autonómica, x.22: Camelle - Cabana (2-2)

  • CAMELLE: Ángel, Dido, Adrián de Arteixo, Valiña, Javi Rañal, Mario, Súper, Matías, Sergio, Miguel Riveiro e Barreiro.
  • CABANA: Añón, Ismael, Iván de Treos, José, Charli, David Sande, Fernando, Eloy Vilas, Manuel Guillamet, Manolo Cruceiro e Berti (Eloy Pereira, min.75).
  • Goles: 1-0, min.10: Javi Rañal de volea tras un córner; 1-1, min.35: David Sande ao segundo pau a centro de Fernando; 1-2, min.70: Berti nunha contra tras un erro de entendemento entre porteiro e defensa local; 2-2, min.80: Dido.

Un empate que non lle sabe mal a ningún dos dous, se cadra algo mellor ao Cabana, que suma xa 39 puntos e está a piques de cerciorar a permanencia. Queda o Camelle con 36, pero con 3 equipos aínda por abaixo na loita por evitar esa segunda praza de arrastre.

Foi un partido bonito o vivido no Rodeiro, cunha afección eternamente presente, e un choque disputado, con moita tensión, e balón directo dos que gusta xogar e ver. Arrincaba moi igualado e se Javi Rañal enganchaba unha fermosa volea que Añón tocaba pero o balón se colaba tras petar no pau, David Sande empataba.

Na segunda comezaba o Cabana petando na porta local, pero José Ángel estivo ben e tamén Añón tivo que sacar un par de mans a mans dos locais. Cunha arbitraxe de 10, o Cabana se adiantaba nunha contra pero o cadro camellán, tirando de brega, acabada o xusto empate.

2ª Autonómica, x.17: Mazaricos - Zas (1-0)

Mazaricos-Zas-Fotos-Nuria
  • MAZARICOS: Marcos, Estéfano, Ramón, Matías, Rodri, David, Coxo, Esteban, Ricardo (Ferreiro, min.89), Molinos (José Ángel, min.75) e Kevin (José Ángel Xuv., min.88).
  • ZAS: Anxo, Pereiro, Martín (Fabián, min.60), Víctor Vecino, Oli (Dani, min.80), Canedo, Isma, Rubio, Samuel, Pablo Lestón (Damián, min.65) e Lagoa.
  • Gol: 1-0, min.67: Esteban de cabeza a centro de Kevin.
Mazaricos-Zas-Fotos-Nuria

Non mereceu o Zas gañar en Mazaricos, pois o equipo de Iván Cancela, que acodía ata con 3 cadetes, non facía todo o que debería estando na loita por todo. O Mazaricos sumaba así 3 puntos que practicamente sentencia a permanencia.

Foi un partido moi igualado, sen dominador nin ocasións claras, no que o Mazaricos estivo máis intenso, e levou o choque por garra. Canedo e unha de Víctor a balón parado foron as poucas ocasións dos visitantes mentres que os de Alinhos puideron ampliar a renda en varias ocasións.

2ª Autonómica, x.21: Sofán - Outes (2-0)

Sofan-Outes no Carral-Foto-Luis Gonzalez
  • SOFÁN: Bugy, Iván Rey, Diego, Javi Souto, Pablo Martínez, Míchel (Jorge Calvete, min.70), Martín, Iván Rojo, Leilán, Bertín (Cantudo, min.70), e Raúl (Seo, min.85).
  • OUTES: Gato, Saul, Borja, Chua, David, Martín, Piki, Michi (Madu, min.70), Edu (Kin, min.80), Migui e Elías.
  • Goles: 1-0, min.77: Iván Rojo dende o borde da área tras unha boa xogada persoal; 2-0, min.91: Leilán aproveita un balón ás costas da defensa e bate a Gato no man a man.
Homenaxe no Carral a Leticia-Foto-Luis Gonzalez

Partidazo no Carral entre dous dos mellores equipos esta temporada na Liga da Costa. E os numerosos afeccionados que encheron o Carral así o disfrutaron, pois a tensión estivo viva ata o último segundo. Necesitaba o Sofán a vitoria para ter opcións a semana que vén no Cairo, pero o Outes vendeu cara a súa pel, e non foi ata o treito final cando o Sofán romeu a igualada.

O choque arrincaba coa homenaxe a Leticia, moza de Sofán seleccionada o equipo galego sub-16, e campiona de Liga co Tordoia Femenino. Pasillo dos clubes, saque de honra e foto de familia cas súas compañeiras no centro do campo para demostrar que a canteira sofanista non ten idade nin sexo.

O choque arrincaba tremendamente tenso. A SD de Pablo Mallón, que saía dende o comezo polo partido, non atopaba ocos na defensa dos de Manu Roque. Raúl tivo un par para abrir o marcador, e Piki lanzaba unha falta preciosa, pero Gato e Bugy facían o seu traballo e demostraron porque son dous dos mellores porteiros da categoría.
Arrincaba a segunda metade co mesmo ritmo. Os locais, aos que non lles valía o empate, foron a por todas. Míchel e Martín dominaban o medio campo, pero o Outes sacaba algunha contra perigosa. Iván Rey adiantaba posicións e foi clave na vitoria carballesa. Así e todo, tras 7 saques de esquina, o gol foi dun Iván Rojo que facía unha xogada ao borde da área e sacaba un chutazo que facía saltar á parroquia local. Quedaban só 15 minutos, nos que o Outes, lonxe de deixarse ir, foi polo empate, pero a SD soubo ler o partido, deu un paso atrás para pechar liñas, e sentenciou nunha contra.

2ª Autonómica, x.22: Cee - Buño (4-1)

  • CEE: Parroto, Nico, Jorgito, Jacobo, Berto, Angeliño, Andrés (Rafa, min.70), Diego Cespón, Javi (Rdori, min.70), Josiño e Penedo (Abraham, min.75).
  • BUÑO: Toni, Casais, Iago, Secundino, Fran Borrazás, Dourado, Diego, Juan, Gurita, Elías e Pedro.
  • Goles: 1-0, min.60: Andrés; 1-1, min.70: Elías; 2-1, min.75: Penedo; 3-1, min.80: Penedo; 4-1, min.85: Josiño.

Partido sen historia no San Paio de Refoxos dominado de principio a fin polo cadro de Floreal, ante un cadro visitante no que Esmorís chegaba de novo con 11 homes polas 10 baixas que asolagan o plantel. O Buño prantexou o partido ben agazapado, buscando algunha contra, ante un Cee que levou o dominio do balón, e xa na primeira metade, tras acabar sen goles, puido levar unha boa vantaxe. As mellores ocasións foron para Javi cun remate a “bocajarro”, un par de tiros lonxanos de Diego Cespón e Penedo, e un chut de Angeliño que repeliu a madeira.

Na segunda, ca mesma tónica, o xuvenil Andrés abría a fenda, pero pronto o Buño empataba nunha contra, nunha das poucas ocasións visitantes. Pero 2 goles de Penedo sentenciaron o choque.

2ª Autonómica, x.22: Porteño - Fisterra (2-1)

Porteno-Fisterra-Foto-Jorge Parri
  • PORTEÑO: Bonano, Esteban, Pejo, Alex, Maikol, Piti (Elvis, min.85), Doyle, Marcos, Iago, Varela (Rodri, min.80) e Brais (David, min.75).
  • FISTERRA:
  • Goles: 1-0, min.60: Brais; 1-1, min.70: Huete; 2-1, min.80: Piti de penalti.
A Grixa ateigada para celebrar os 50 anos da Liga da Costa-Foto-Jorge Parri

Partido intenso con poucas ocasións que o Porteño levou por insistencia ante un Fisterra moi tocado pola Semana Santa.

Así e todo, máis atención que o deportivo, e que servíu para encher a Grixa, recibíu a celebración dos 50 anos do Fútbol da Costa. Varios históricos do clube sacaron unha foto familiar para celebrar devandita data.

Gol do Porteno ante o Fisterra-Foto-Jorge Parri

Máis información

Crónicas da semana

Artigos relacionados

O Album de cromos do #FutboldaCosta

Fonte

Comentarios