Hai marea!… Comarea
- A mala situación dos equipos galegos en Segunda B, e dos da provincia da Coruña en Terceira e Preferente, ameazan cun regueiro importante de descensos que afecten ás ligas costeiras.
A secuencia inicial do tsunami pacífico que sirve de apertura da película 'Lo imposible', de Juan Antonio Bayona, funciona coma unha axustada metáfora do que pode ser o final de tempada e os descensos para os conxuntos da Costa da Morte. Todos aqueles que estean implicados nunha loita por evitar o descenso farían ben en acudir os domingos ao fútbol cuns auriculares e unha radio, e converterse en seareiros do Compostela, Celta B, Bergantiños, Noia… pola conta que lles trae.
É o tantas veces traído e temido ’efecto cascada' ou 'arrastre’, segundo o cal ao número de descensos fixos de cada competición hai que engadirlle os que suman descendidos de categorías superiores aos que lle tocaría ir a parar a ese mesmo grupo. E a primeira competición que afecta é a Segunda División B. Cun número atípicamente amplio de representantes, a SD Compostela e o filial do Celta de Vigo ocupan agora mesmo dúas das catro posicións de descenso directo (a quinta marcaría unha promoción). Especialmente preocupante é o caso dos santiagueses, colistas e cunha expectativa para o pesimismo. No caso de que a liga terminara hoxe irían a parar a Terceira División, onde son catro as prazas de descenso a Preferente. Catro fixas, mais dúas elevarían a seis os descensos de categoría. E deses seis, tres (Bergantiños, Noia e Órdenes), son da provincia da Coruña. Que implica? Que terían acomodo no Grupo Norte de Preferente Autonómica, e o número de descensos pasaría de tres a seis. Afectaría, e gravemente, a Dumbría e Xallas, penúltimo e cuarto pola cola, pero sobre todo aumentaría exponencialmente a dificultade de remontada dos do Conco, que pasarían de ter a permanencia a catro puntos para tela a doce.
Sempre falando na situación a comezos de febreiro, e considerando desgraciadamente un hipotético descenso de Xallas e Dumbría, o dano sería igualmente importante en Primeira Autonómica. Tres son os descensos directos, e ata nove pasarían a ser. O Malpica e penúltimo e o Baio quinto pola cola, empatado a puntos co Corme. Para os da Pedra Queimada a milagre quedaría moi lonxana así.
Finalizaría ese suposto na Liga da Costa, a categoría con menos descensos prescritos, só dous, e que agora pasaría a ter cinco nominados a xogar en Terceira Autonómica. Neste caso tocaríalle a día de hoxe a Buño, Volantes e Porteño, pero abriría e moito a loita pola permanencia.
Non se trata tampouco dunha situación irreversible, pois eses descensos por arrastre, nunca os dos postos marcados por regulamento, poden irse eliminando. Todo depende da sorte que corran os equipos galegos de Terceira División en playoff. No caso de subir un, salvaría un descenso; o segundo ascenso outro descenso e así sucesivamente (ata chegar aos federativos, onde se empezarían a dar prazas de ascenso de Preferente a Terceira). O mesmo sucede coas promocións de ascenso de Preferente e Primeira. O gañador salva un arrastre da liga afectada.
Esquema dos posibles arrastres
A día de hoxe a cousa quedaría do seguinte xeito:
- 2ª B – Baixan Compostela e Celta B.
- 3ª División – Baixan Bergantiños, Ribadeo, Noia e Ordenes directos, e Ribadumia e Verín por arrastres.
- Preferente – Baixan O Val, Dumbría e Ribeira directos, e Xallas, Estudiantil, Puebla e Villestro por arrastres.
- 1ª Autonómica – Baixan Carcacia, Malpica e Palmeira directos, e Bertamiráns, Baio, Corme, Lesende, Agolada e Tordoia por arrastres.
- 2ª Autonómica – Baixan Cabana e Carnota directos, e Volantes, Buño e Porteño por arrastres.
- 3ª Autonómica - pasaría a ter 12 equipos para o ano que vén.
Máis información
- O cadro da Copa da Costa 2016.
- As táboas de resultados e clasificacións en www.futboldacosta.com. Piquen dende o seu teléfono e pulsen “Engadir a pantalla de inicio”, para ter sempre os resultados no peto.
- A actualidade no Facebook “Fútbol da Costa”.
Fonte
- Guillermo Parga ([email protected]).