mércores. 30.04.2025
El tiempo

O Balonmán Encaixe gaña e convence ante un rival directo

O Balonmán Encaixe gaña e convence ante un rival directo
O Balonmán Encaixe acadou a súa primeira vitoria, e a domicilio ante o Samper Sárdoma cun contundente 18-32. As palilleiras viaxaron a Vigo conscientes da importancia do choque, crucial para evitar os postos baixos da táboa clasificatoria. As da Costa da Morte desprazáronse coas importantes baixas de Jessi e Juana, dúas das xogadoras máis desequilibrantes do equipo no que vai de campaña, aínda que para este encontro, Bruno López puido contar con Sara González e coa porteira Sara Morandeira que ata esta semana estiveran lesionadas.

Datos do encontro

  • Resultado: Samper de Vigo, 18 - Balonmán Encaixe, 32.
  • Encaixe: Sara, Sandra, Cris B. (6), Aida (4), Minchu (8), Nerea, Véro (1), Sara G. (4), Cris S. (1), Laura (3), Karina (3), Alicia (2).
O choque comezou cun intercambio de goles por parte de ambos conxuntos, a central viguesa aproveitaba os primeiros minutos de asentamento da defensa camariñana para atopar portería dende lonxe, mentres que Aida, moi inspirada dende o extremo dereito, finalizaba con éxito os primeiros ataques das visitantes. A partir de aquí, Alicia e Laura puxeron o mono de traballo e comezaron a dirixir a defensa do Encaixe, mentres que en ataque, a movilidade e a boa dirección da xuvenil Cristina Sande, xunto coa rapidez nas transicións ofensivas; provocaban grandes espazos na defensa local; aproveitados na maioría das ocasións polas laterais da Costa da Morte. No minuto dez da primeira metade un parcial de 6-1 a prol das camariñanas deixou claras as intencións e o bó momento do equipo, chegouse así ao descanso cun 8-14 no electrónico. A segunda metade foi un mero trámite, as do Encaixe seguiron imprimíndolle velocidade ao xogo e por conseginte aumentando a vantaxe no electrónico ata o derradeiro 18-32. Minchu, con oito goles, foi a máxima realizadora dun encontro que ademáis de dous puntos aportará tamén un plus de confianza e motivación para vindeiros compromisos. Bruno López comentou: “estou moi contento coa actitude do equipo, corremos ata o final, todas as xogadoras sumaron e saíronnos ben as cousas; estamos a evolucionar moito en defensa, Sandra está a aportar moito en portería e en ataque a xente comeza a ter máis confianza para asumir responsabilidades, o sábado amosamos un factor psioclóxico do que careciamos ata o de agora, a autoconfianza; estamos no bó camiño”.

Vindeira cita

Ésta semana o Encaixe afronta unha dobre xornada por mor dun partido que teñen aprazado contra o Balonmán Caselas; o encontro disputarase o venres ás 20:30 horas no pavillón de Ponte do Porto e o sábado mediranse no mesmo escenario ao Balonmán Lavadores as 20:00 horas.
  • Venres 19/11/10: Encaixe Camariñas - Balonmán Caselas (20:30 horas Pavillón de Ponte do Porto ) ( encontro aparazado da 3ª xornada da Primeira Autonómica Feminina de Balonmán).
  • Sábado 20/11/10: Encaixe Camariñas - Balonmán Lavadores (20:00 horas Pavillón de Ponte do Porto ) ( encontro correspondente á 8ª xornada da Primeira Autonómica Feminina de Balonmán).

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do adestrador do Balonmán Encaixe Bruno López.

Comentarios