O Fisober e o Cerqueda conquistan o areal de Canido
21:57 23/07/18
O Manureva e o Fisober enfrontáronse na final feminina do Vidú Beach Soccer Cup 2018
O Fisober de Dumbría - na categoría feminina - e o Cerqueda - na masculina - foron os grandes triunfadores da Vidú Beach Soccer Cup 2018 que enchiu de puro fútbol praia o areal malpicán de Canido.
Os rapaces eran os encargados de abrir esta competición que cumpría o seu terceiro ano de vida e que xa está consolidada na axenda deportiva do verán da Costa da Morte. Na categoría masculina esperábase que houbese un total de doce equipos, pero a
inesperada incomparecencia do Xallas fixo que a organización do evento tivese que reorganizar a competición, polo que se xogase unha fase inicial de dous grupos de catro equipos e un de tres conxuntos.
Na categoría masculina, a final disputouse entre o Cofestra e o Cerqueda
Nesta fase de grupos, houbo tensión, moitos goles e emoción ata a última xornada, xa que nada se decidiría ata o final en cada un dos grupos. Finalmente, o Cofestra de Coristanco, o Cerqueda, o Ponteceso e o Corme serían os catro equipos que se clasificarían para as semifinais desta Vidú Beach Soccer Cup 2018. Nada cambiaría nesta fase final en canto a emoción e a tensión polo que había en xogo palpábase no ambiente. Ambas semifinais se decidirían pola mínima e na primeira delas,
o Cerqueda vencería ao Ponteceso por 1-2, mentres que na segunda, o Cofestra superaría ao campión das dúas edicións anteriores, o Corme, por 3-2.
Na final de consolación, o Corme vencería por 2-3 ao Ponteceso nun derbi moi vistoso para os afeccionados á par que entretido. Mentres tanto, na gran final, o Cerqueda encarrilaría moi cedo o partido con tres goles temperáns pero o Cofestra non se daría por vencido en ningún momento e tratou de acadar, canto menos, o empate pero finalmente quedaríase coa mel nos beizos e o conxunto malpicán lograría o título de campión desta Vidú Beach Soccer Cup 2018 tras vencer por 3-2.
No que respecta aos trofeos individuais, un Lucas Rial do Corme que levantou aos espectadores con cada unha das súas espectaculares maniobras e acrobacias sobre a area, ademáis de botarse ao seu equipo en todo momento, foi elixido coma o mellor xogador do torneo, mentres que o mellor gardameta foi un Brais Álvarez do Buño que coas súas grandes intervencións fixo que o seu equipo estivese con opcións de clasificarse para as semifinais ata o final.
Competición feminina
O domingo foi o turno da competición feminina e as rapazas serían as encargadas de facer do areal malpicán de Canido, unha gran festa do fútbol praia. No grupo A, tralas goleadas iniciais do Sporting Uxes e o Manureva sobre o Bergantiños e o Fisober, respectivamente, parecía que eran dous dos claros candidatos ao título pero non todo remata como empeza e as dumbriesas do Fisober conseguirían o pase as semifinais despois de lograr dúas victorias consecutivas e de aproveitar que o Uxes non lograse pasar do empatena derradeira xornada ante un Manureva que acadaría o pase as semifinais como primeiro de grupo.
Mentres tanto, no grupo B, as luguesas do Toca e Vaite e o Atletes de Esteiro disputaron un partidazo de constantes idas e voltas que finalmente caería do bando das de Lugo por un axustado 0-1. Tras esta primeira derrota, as esteiranas aseguraríanse o seu pase ás semifinais despois de golear a unhas Merluzas que loitarían a súa clasificación ata o final pero na terceira e
última xornada, o Toca e Vaite vencería ás coruñesas por 3-2 e acadaría a primeira posición do grupo.
Na fase de consolación, o Sporting Uxes lograría a quinta posición tras vencer nas dúas xornadas aos seus rivais, mentres que o Merluzas sería sexto tras gañarlle pola mínima a un Bergantiños que remataría na sétima posición. No que respecta á fase final, o Manureva seguiría sen dar opción ás súas rivais e vencería ao Atletes por 5-0 para acadar o pase á gran final. Mentres tanto, na outra semifinal, o Fisober vencería pola mínima ao Toca e Vaite e citaríase de novo co conxunto amarelo, o cal golearía as dumbriesas na fase de grupos, pero o derradeiro partido no que se decidiría o título nada tería que ver.
No encontro polo terceiro e cuarto posto, as luguesas do Toca e Vaite superarían ás esteiranas do Atletes. E xa na gran final, como ben anticipabamos, nada tería que ver co partido que disputaron o Manureva e o Fisober na fase de grupos, e as dumbriesas farían bo o dito de que a terceira vai a vencida, e na súa terceira participación neste torneo, lograrían proclamarse campioás da Vidú Beach Soccer Cup 2018, tras superar por 0-3 ao conxunto amarelo.
Nos trofeos individuais, o Manureva coparíao todo e a espectacular Alba Suárez que guiaría ás amarelas en todo momento con goles, asistencias e intervencións defensivas de gran importancia, sería elixida como a mellor xogadora. Mentres que a mellor gardameta sería Andrea “ParaoTodo” Amil, quen fixo numerosas e espectaculares paradas que deixaron a tod@s @s presentes coa boca aberta.
O concello de Malpica de Bergantiños e a asociación Deportiva Vidú agradécenlle aos dezaoito equipos participantes e a tod@s @s que se achegaron ao areal de Canido que fixesen posible esta terceira edición da Vidú Beach Soccer Cup.
Novas relacionadas
https://quepasanacosta.gal/malpica-acolleu-unha-nova-vidu-cup-de-alto-nivel/ “Medio millar de deportistas disfrutaron do fútbol base no Torneo Vidú de Malpica” — Que pasa na costa “Malpica acolleu a segunda participación da Selección da Costa sub-15” — Que pasa na costa Fonte- Redacción QPC ([email protected])
- A.D. Vidú