Preferente Norte: o Dumbría non sae do pozo

10:27 19/02/18
AT. ESCAIRÓN 1 - XALLAS F.C. 1
Bo punto do Xallas en Escairón
XALLAS: Coke, Cristian (Marcos 59´), Pablo Vigo, Alex Canedo, Dani Becerra, Abel (Oliver 69´), Doro (Uxío 76´), Julián López, Fernando, Alex Blanco e Kevin.
GOLES: 1-0 3´Pandiani 1-1 37´Alex Blanco
A pesar de que o Escairón se adiantou no seu primeiro ataque, nun rexeite despois dun córner, o Xallas repúxose e igualou nun pase de Abel a Alex Blanco que cunha vaselina batía ó porteiro local. O segundo tempo foi disputado pero sen apenas ocasións de gol, e o Xallas trouxo un valioso punto do Saviñao.
S.D. SOFÁN 4 - AT. ARTEIXO 0
Quintela forzou o penalti que logo transformou Luis
SD SOFAN: Javi Rumbo, Iván Rey, Pablo Domínguez, Rubén, Sito, Canedo, Jonathan (Juanjo 78´), Luis (Fabián 63´), Alexandre (Eibe 73´), Quintela e Raúl (Juan de Dora 61´).
GOLES: 1-0 8´Alexandre 2-0 44´Luis de pti 3-0 57´Quintela 4-0 77´Quintela
Vitoria balsámica da SD ante un Arteixo que viña enrachado e que mordeu o polvo nas Eiroas. Atopou pronto o camiño do gol o cadro local, cun remate de Alexandre de volea tras un pase profundo de Canedo. Subiu liñas o Arteixo, e Santi tivo o empate. Primeiro rematou de cabeza ó longueiro, e poucos minutos despois superou de vaselina a Rumbo pero Rubén sacou baixo paos. Tivo Alexandre un man a man con Ramón que sacou o meta. Cando se chegaba ó descanso unha boa penetración de Quintela acabou en penalti que transformou Luis.
O encontro continuou polos mesmos camiños no segundo tempo. A Sd anotou o terceiro pronto nunha internada de Luis que remachou Quintela, e o partido foi morrendo pouco a pouco. O Arteixo tivo algunha ocasión pero coa saída de Juan de Dora a SD puido anotar máis tantos á contra. Quintela a pase de Juan anotou o cuarto e o propio Juan marrou un man a man ante Ramón.
C.F. DUMBRÍA 1 - BOIMORTO C.F. 2
DUMBRÍA: Iván Bouzón, Julito (David Carreira 66´), Mataso, Iago, Matías (Fabio 84´), Aarón, Mackay, Rivi (Yuyo 66´), Iván González, Cespón e Pesco.
GOLES: 0-1 12´Neto 1-1 70´Yuyo 1-2 75´Andrés Pardo
Expulsado David Carreira no 89´
Caeu o Dumbría nun partido transcendental para os seus intereses de salvación, no que mereceu máis pero o Boimorto atopouse cun premio excesivo. Adiantouse o equipo visitante con gol do seu corpulento dianteiro centro Neto, dun disparo dende o centro do campo, un golazo, e co 0-1 chegouse ó descanso. Pesco entre liñas e Mackay eran os quebradeiros de cabeza dos visitantes. A saída de Yuyo doulle mordente ó ataque do Dumbría e o camariñán anotou o gol do empate, pero Andrés Pardo botou un xerro de auga fría o anotar acto seguido o segundo visitante nun gran lanzamento de falta. O Dumbría buscou o empate con todo, tivo opcións de logralo, pero o Boimorto defendeu o resultado e levouse os puntos.

