Preferente Norte: un so punto, botín escaso
08:53 23/10/17
Non foi boa a xornada para os equipos de Preferente Norte. A Sd Sofán atopouse cun gran Estudiantil e tivo que dar bo o punto conseguido. O Dumbría recibiu no Conco ó Polvorín, un auténtico equipazo, que lle levou os primeiros puntos de Dumbría. O Xallas seguen con malos resultados, esta vez caeu ante un necesitado Arteixo, que parece que levanta cabeza.
S.D. SOFÁN 2 - ESTUDIANTIL 2
S.D.SOFÁN: David Pena, Iván Rey, Pablo Domínguez, Félix, Rubén (Sito 62´), Canedo, Eibe (Jonathan 57´), Fabián, Matías (Sera 52´), Alexandre (Raúl 66´) e Juan de Dora.
GOLES: 1-0 7´Fabián 1-1 19´Brais Calvo 1-2 30´Carlos 2-2 48´Juan de Dora
Debutou Alexandre como titular nas filas da SD
Moita xente nas Eiroas, case 300 espectadores, presenciaron un encontro de poder a poder. O Estudiantil xogou un gran partido e o seu medio Brais Calvo dou un recital de fútbol ofensivo. De inicio un erro tremendo na zaga visitante axudou á Sd a adiantarse no marcador. Brais igualou nun remate ó borde da area. Un remate de Juan de Dora saiu fora por pouco, pero foi David Pena o que fixo un paradón a remate a boca de xerro de Roi Peiteado. Na seguinte xogada adiantouse o equipo visitante, que estaba dominando o partido con claridade. Jacobo tivo o terceiro pero Pablo evitou que o seu remate entrara.
Na primeira xogada da reanudación Juan de Dora aproveitou un balón en profundidade de Eibe para igualar o encontro. Primeiro Carabán, e despois Brais Calvo nun gran disparo que atopou resposta nun paradón de David Pena, tiveron a vitoria para o equipo visitante. Coa saída de Raúl a Sd buscou centros laterais e por duas ocasións o dianteiro estivo a piques de anotar, pero o empate final é acorde ós méritos dos equipos.
O segundo gol do Estudiantil foi á saída dun córner
DUMBRÍA C.F. 2 - POLVORÍN 3
DUMBRÍA: Sergio, Julito (José 62´), Raúl (Mataso 78´), Iago, Matías, Aarón López, Mackay, Edu (Mauro 66´), Marcote, Cespón (Cachadiña 66´) e Yuyo
GOLES: 1-0 1´Mackay 1-1 18´Cuadrado 1-2 48´Escriche 2-2 54´Julito 2-3 65´Luís Díaz
Quizais o mellor equipo da categoría pasou por Dumbría. Aínda así, os locais contiveron o aluvión visitante e montaron perigosas contras que a pouco que tiveran acerto lles podía ter permitido levarse o encontro. Adiantáronse pronto con gol de Mackay, pero o potente dianteiro Cuadrado anotou o empate. Adiantouse o filial lucense a pouco da reanudación, pero o golazo de Julito, dos mellores da xornada de impresionante volea, puxo de novo o empate no marcador. Pero os locais non foron quen de conter ó Polvorín e á saída dun corner Luis Díaz, con minutos xa no primeiro equipo, anotou o tanto da vitoria visitante. O Dumbría xa non puido igualar o encontro a pesar de tentalo con tesón.
XALLAS C.F. 1 - AT. ARTEIXO 2
XALLAS: Julián Couto, Cristian, Pablo Vigo, Raúl Añón, Alex Canedo, Puyi, Fernando Varela (Borja Gándara 64´), Kevin, Julián López, Camilo (Alex Blanco 46´) e Marquiños (Uxio 64´)
GOLES: 0-1 4´Nano 0-2 61´Otero 1-2 82´Alex Blanco de pti
Nova derrota do Xallas que o sitúa no fondo da tabla clasificatoria. Iniciouse mal o encontro para os xalleiros, pois ós 4 minutos Nano pillou en velocidade á defensa e bateu a Julián cunha potente volea. A pesar de atacar con insistencia e crear ocasións nas botas de Marquiños, Kevin e Julián López, ó descanso mandaban os visitantes. No segundo tempo un despexe longo pillou despistada á defensa do Xallas e Adrián Otero anotou o segundo tanto visitante. O Xallas perdeu a fe na vitoria e o Arteixo puido lograr algún gol mais. Anotou Alex Blanco de penalti pero non foi quen o Xallas de crear mais perigo na busca do empate.