Tras ollar o completo parte de sanción, repasamos a previa da xornada futboleira para estes 3 e 4 de decembro de 2011.
Non sen antes, facer referencia a que a Copa da Mundo, tras pasar por varias vilas da zona estará no Centro Cultural en Ponteceso dende as 11.00h ás 17.00h.
Comezamos o repaso por arriba, xa que na Preferente a atención estará no derbi de Fontenla entre Xallas e Dumbría, con dous equipos en cómoda posición, e no que os dumbrieses intentarán achegarse aos verdes. Pola súa banda o Barça da Preferente viaxa a Santiago, mentres que o Soneira recibirá ao Chantada nunha boa oportunidade de sumar.
E tamén hai derbi na 1ª Autonómica. Ponteceso e Cee chegan a este partido moi necesitados de puntos, pois ambos están nunha delicada posición.
Na Liga da Costs, só hai un encontro adiantado que será o que enfronte na parte baixa ao Corcubión co Pindo. Por arriba, o Camariñas visita o campo do Nantón, e o Fisterra o dun Dumbría B en plena loita contra os de arriba. O partido da semana será o Muros-Club do Mar, 4º contra 2º con tan só 4 puntos de diferencia entre ambos. A distancia entre Muros e Caión non será suficiente para evitar que haia un ambientazo en Miraflorez.
A xornada na 3ª vén cun foco de interese: o Coristanco-Montelouro. 3º contra 4º loitarán por manterse a non moita distancia, máis despois dos 2 puntos que sumou o cadro muradán trala sanción ao Corcoesto por aliñación indebida que deixa en 3 a diferencia entre ambos equipos.
Ademais, o Cabana, líder con 2 puntos de vantaxe sobre Outes e Coristanco, recibirá ao Porteño, nunha importante pedra de toque para os da Ponte que non saben se aguantarán na zona de arriba.