Na Preferente, a xornada comeza o sábado cun difícil encontro do Dumbría en Narón, 2º clasificado, onde os de Canosa poderán botarlle unha man ao Santa Comba. Ademais, o cadro laranxa poderá seguir sumando ante o Val, o Soneira terao difícil ante o 4º, o Boiro, e o Xallas visitará o campo dun Bertamiráns que ten 2 puntos menos ca eles. A xornada na 1ª chega fundamental para que Cee e Ponteceso saian do pozo. Ambos equipos, xa con novos adestradores, terán partidos asequibles, pero necesitan sumar.
A xornada na Liga da Costa comeza o sábado e ben intensa. Ara Solis acollerá un partidazo: Fisterra-Club do Mar, no que se espera ver ao Fisterra das mellores ocasións e a un candidato ao ascenso como é o clube caionés. Pola súa banda, o líder Camariñas visita o domingo San Andrés, mentres que o Muros, xa 3º, recibe ao Baio. O Dumbría B recibirá un Sofán que parece que vai cara arriba. Por abaixo, o Corcubión e O Pindo teránn que sumar ante o Mazaricos e San Lorenzo se non queren descolgarse.
A 3ª da Costa chega tan intensa coma sempre, con 4 equipos nun puño. Ademais hai partido en todo o alto: Outes-Montelouro. O Coristanco recibe a un Alcaián que comezaba a campaña moi ben pero que parece desinflarse pouco a pouco; e o Cabana, 4º, recibirá ao Soneira B. Ademais, o derbi sabatino en Porto Cubelo entre Lira e Carnota acollerá moitos afeccionados do sur da bisbarra.