Tiña que comezar esta fin de semana a 3ª, pero a baixa do Soneira B deixa a competición con 12 equipos e a Federación decidiu renovar o calendario, para evitar que descansen 2 equipos cada fin de semana. Así, xa temos o novo calendario da 3ª Autonómica en www.futboldacosta.com. Unha 3ª que arrincará a semana do 26 de outubro. Por certo, que debido á retirada fóra de prazo, a Federación impón unha sanción ao clube conforme non poderá participar na categoría na campaña 2014/2015.
Imos facendo a previa.
Sancións
Ata que os partes non sexan máis completos non faremos a actualización das sancións dos xoves. Mentres, imos traendo as poucas sancións que se van atopando nesta previa da xornada.
Sancionados 1ª Autonómica
José M. Espasandín (Ponteceso.
Sancionados 2ª Autonómica
Alan Insua Redonda (Corcubión).
José María Senra Romero (Corcubión).
Sergio Varela (Porteño).
Ángel Díez (Camelle).
José María Rodríguez Rama (San Lorenzo).
Os partidos da xornada
E comezamos a análise da previa desta xornada da última fin de semana de setembro pola Preferente, onde os nosos terán partidos complicados pero que poden servir para seguir sumando. Temos que facer parada obrigatoria na 1ª Autonómica, pois temos dous derbis costeiros. En Camariñas teremos un apaixoante Camariñas-Baio, mentres que no Pinguel o Ponteceso, xa necesitado de puntos, recibe a unha Esteirana que leva un bo comezo de campaña. Estaremos atentos aos dous campos.
Na 2ª Autonómica, hai un par de partidos que parecen máis igualados que o resto. Equipos dos que se espera que estean arriba. Falamos do Outes-Sofán, entre un equipo da Serra que está sorprendendo a todos co seu gran estado de forma, ante un Sofán este ano moi mellorado. E o Castriz-Corme, que pechará a xornada e que servirá para medir as forzas de dous candidatos a todo.
Nos Xuvenís, polo Sur, o Dumbría pode seguir imbatido se supera a un Mazaricos que non coñece a vitoria. Mentres, polo Norte o líder Corme terá unha boa proba de lume en Baio, mentres o Ponteceso-Camariñas prevese tremendamente igualado.
Xa na División de Honra Cadete, o Dumbría quere manterse no alto da táboa pero terá que visitar o campo do Arosa. Ademais, na Liga Galega Infantil toca derbi, entre o Bergantiños e un Dumbría que aínda non sumou. O que tamén necesita gañar é o XSC que leva un duro comezo de tempada con choques moi complicados. Esta xornada os de Santi Casal terán que visitar nada menos que o campo do Racing de Ferrol.
Duelo por todo o alto nos Infantís, pois o Cee, líder con 3 vitorias en 3 partidos, recibe aos Miúdos, que están na 2ª posición con 7 puntos.