Así que comezamos o repaso da Previa pola Preferente - Senra Sport, xa que despois boa xornada pasada os Dumbría e XSC enfróntase nun fermoso derbi en Fontenla, que será, sen dúbida, un dos partidos da xornada por todo o que implica, con moitos ex xogadores dun equipo no contrario, e onde se botará en falta ao lesionado Doro.
Derbi vital para a Esteirana
Teremos novo derbi na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra que ademais se presenta como unha final para Esteirana se quere subir ao último tren da salvación. O Corme, tras 10 xornadas sen perder, visita o Xosé Luís Vara. Polo demais, Baio e Sofán esperan un empate entre Unión e Puebla e poder recortar arriba na pelexa pola promoción, pero non o terán fácil nos seus choques, pois o cadro carballés recibe a todo un líder, un Villestro cun pé na Preferente, e o Baio visita ao Cordeiro, 7º na táboa. E na zona morna ao Soneira tócalle gañar e ao Malpica tócalle facerlle un favor á Esteirana vencendo ao Lesende.
Finalísima en San Andrés na Liga da Costa
Na 2ª Autonómica - ES Bazarra si que teremos o gran partido da xornada, e pode que unha das finais da temporada na Liga da Costa. O líder, Zas, recibe ao 2º, o Outes, con 4 puntos de marxe entre ambos cando quedan 4 xornadas para o remate. Partido por todo o alto en San Andrés, con dous equipazos que chegan ademais moi bos momentos, cun Zas con 7 vitorias seguidas e 10 vitorias e 1 empate nos últimos 11 partidos, e un Outes que chega con 5 vitorias nos 6 últimos choques. Atentos estará o san Lorenzo que non pode fallar na súa visita á Grixa, ant eun Porteño algo máis relaxado, e o Castriz, que apura as súas últimas opcións de meterse de novo na pelexa.
Xa por abaixo, 3 equipos andan no lío por evitar unha praza segura e outra pendente da Esteirana que provocarían o descenso. O Cabana, cun punto máis que Seaia e Montelouro, visita ao Volantes, o Seaia recibe ao Fisterra e o Montelouro ao Ponteceso, tres bos equipos pero que non teñen nada en xogo.
O Cerqueda, a 4 puntos
Ten o Cerqueda o título da 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira moi preto e máis estará se vence en Laxe. Pero se ben o título está encamiñado, hai dúas fermosas en loita pendentes cando quedan 6 xornadas. O Ameixenda ten que aproveitar que descansa o Coristanco para dar un paso adiante na pelexa polo ascenso directo, e non pode fallar en Vimianzo ante o Castrelo. Por detrás, dous choques a cara de can entre os 4 equipos que loitan por 3 prazas de Promoción: Corcubión-Nantón e Muxía-Lira.
As Copas base
Finde de auténtica vertixe copeira, trala que coñeceremos os semifinalistas das copas xuvenil, cadete e infantil. En xuvenís, só o Dumbría ten a clasificación encarrilada, polo que os choques na tarde sabatina no Cubaleiro, na Saliña e no Hermanas Patiño serán fantásticos. En Cadetes, a atención centrarase no Corme-Cabana, unha vez que Fisterra, Ponteceso e Cee teñen moitas papeletas para meterse nas semis. E en Infantís, con Fisterra e XSC practicamente clasificados, o Outes quere facer valer a súa vantaxe ante o Sofán mentres Coristanco e Ponteceso teñen un partido completamente aberto.
Camiño do título nos Veteranos
Despois da final da semana pasada, o Coristanco só necesita un punto para finiquitar o título cando restan dúas xornadas para o remate. Estaremos atentos, porque ademais por abaixo tamén hai cousas en xogo.