E xa estamos de venres e quédanos por diante unha nova xornada completa de Fútbol costeiro. Despois de ver como andan as táboas dos pichichis, comezamos o repaso pola Preferente - Senra Sport, con dous choques complicados para os nosos. O XSC visita o mítico campo de Cantalarana, para enfrontarse a un histórico en horas baixas, o Viveiro. Mentres, o Dumbría recibe ao Sada, 7º, na táboa, partido fundamental para medir as aspiracións reais dos de Canosa.
Partidazo teremos na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra coa visita do líder, o Sofán, á Pobra. O cadro da Barbanza atópase 3º a 7 dos carballeses, polo que o partido parece unha finalísima, pois se pode apretar todo ou o cadro de Josiño pode pegar un salto de cara a asegurar, cando menos, a promoción. Por detrás, o Baio quere unirse de novo á pelexa e non pode fallar na súa visita a un dos de abaixo, o Silleda. Ademais, o Soneira quere volver ser o vendabal en casa e poderá sumar ante o Lesende. Terá o Malpica unha visita, a priori, doada, ante un dos que ocupan postos de descenso, como é o Amio, e de paso poder facer un favor á Esteirana, que terá que visitar a un Cordeiro da zona alta. Ademais, o Corme terá tamén outra saída moi difícil, ante o Villestro, 2º a 4 do líder.
Xa na 2ª Autonómica - ES Bazarra, coas obras iniciadas do céspede artificial en Agra da Filgueira, teremos bos partidos. Como o choque do líder ante o novo Baíñas de Pablo Mallón, aínda en proceso de renovación. Ou o Fisterra-Outes, que medirá o verdadeiro potencial dun Outes tras 5 vitorias seguidas, incluída a última ante o líder. Un ollo teremos tamén no Zas-Castriz, 4º contra 3º, e ambos con claras aspiracións a todo; e outro no Volantes-Buño, 5º contra 6º.
Así e todo, o partidazo da xornada xóganse na 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira. O líder, Ameixenda, contra o segundo e que perdeu o liderato esta pasada semana por mor de descansar, o Cerqueda. Partidazo en Xaviña de Buño.
Poderá escalar un posto se o Dumbría vence no Val Miñor, ante o seu predecesor na División de Honra Cadete - Aluminios Dumbría. Mentres o XSC quere manter a boa liña dos últimos partidos na Liga Galega Cadete na súa visita ao filial do Lugo. Máis difícil o terá o Dumbría Liga Galega Infantil - Aluminios Dumbría, pois recibe a un dos de arriba na antepenúltima xornada da primeira fase. Os de Huelvis e Conde necesitan sumar se queren afrontar, con garantías, a Fase por evitar o descenso, onde contan os puntos colleitados.
Xa nas Ligas Locais, teremos bos partidos na 1ª Cadete, como o Ponteceso-Fisterra, ou As Baleas-Corme. E en 1ª Infantil, o Fisterra-Os Miúdos será o gran choque, ademais do Corme-XSC.