Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Raúl Periscal, crecendo e facendo mellor ó Cerqueda

Raúl Periscal, crecendo e facendo mellor ó Cerqueda
Despois dunha tempada moi competida, xa se atisba o final do camiño, e algúns equipos empezan a cumplir obxectivos. É o caso do Cerqueda, que acadou a permanencia matemáticamente o domingo cunha igualada ante o Buño no derbi de Xaviña, enfrontamento que casualmente se vai a repetir na 1ª rolda da Copa da Costa. Nun concello como o de Malpica, no que hai 4 equipos federados, faise complicado competir, e ten mérito de verdade que un lugar tan pequeno como Cerqueda teña un equipo dando a cara na Liga da Costa. E o home que está á fronte da nave do Cerqueda é Raúl Periscal, adestrador con xa dilatada traxectoria, e que este ano realizou un gran traballo logrando consolidar ó equipo na 2ª Galicia. Estivemos falando con el e contounos cousas moi interesantes. QPC - Vaia ano tan sufrido, non? Foi unha tempada moi dura, con momentos francamente complicados. Quizais o feito da incrible tempada que fixemos o ano pasado xerou unhas expectativas demasiado altas e creounos certa sensación de non cumplir co noso público. Iso, unido a lesións e baixas durante a tempada fixeron máis difícil todo. O peor momento foi a derrota en Baíñas, que nos fixo tocar fondo. QPC - O domingo era unha final para vos, un derbi co equipo co que compartides adestramentos no que ambos vos xogabades a permanencia matemática. Foi un partido terrible, polo que nos xogábamos ambos equipos e polo feito de ter unha gran relación entre ambos clubs fíxose aínda máis complicado xestionar as emocións. Para nos supuxo un gran alivio conseguir o empate e certificar a salvación, e tivemos que correr moito e arriscar nos últimos minutos para conseguilo. QPC - Que cousas debe mellorar o club para que, de continuar ti adestrando ó Cerqueda, se poidan seguir dando pasos adiante? Tendo en conta que a miña primeira opción é continuar, debemos sentarnos a valorar detidamente o que se pode e debe facer. Dependerá do proxecto que o club poida ofrecerme, xa que en ningún caso pode ser un tema económico o que rompa a nosa relación. Se o club ten en mente crecer, eu quero crecer con el, e se non é así, valorarei outras opcións. QPC - Sabes que tes fama de sarxento de ferro, de home gustoso da disciplina. Iso velo como parte fundamental da maneira na que o Cerqueda está a crecer? Sei cal é a miña fama, e sei que é unha arma de doble filo, xa que me abre as portas duns equipos e me cerra por completo as de outros. Creo no traballo como método, na disciplina como nexo de unión do grupo, e non comparto certas ideas que pode haber en certos equipos, o grupo debe traballar unido sen privilexios. Non sei se é superior o rendemento debido a iso, sei que adestramos tres días á semana, que traballamos moito e que esiximos tamén moito, pero eso pasa no posto de traballo de cada un en tanto eu como Michel, o meu axudante, intentamos que o grupo compita ó máximo nivel posible, sen baixar os brazos, e sen deixar nunca de competir e grazas ó esforzo dos xogadores conseguimos o obxectivo. QPC - Como é o Cerqueda como club? Esta é a miña 2ª etapa no club e creo que está en claro crecemento. O feito de crear as categorías de base é un paso espectacular. Creo que de todas maneiras se deben replantear o modelo da base, xa que non é normal que un club asuma uns gastos tan elevados sen cobrar cuota ós pais. Que quede claro que esta é unha opinión totalmente persoal, como pai de dous nenos que xogan ó fútbol nun club que pagamos a nosa cuota e considero que debe ser así. Sei que é un tema complicado, pero digo o mesmo que me dixo un amigo doutro club, que no seu equipo os pais pagaban 75 céntimos á hora de "guardería", unha cantidade ridícula po traballo que se fai. Os pais debemos valorar e colaborar non só no traballo senón a responsabilidade que é facerse cargo do coidado dos nosos fillos. Tamén mellorou o Cerqueda nas relacións co entorno, que era moi importante. Fixemos fincapé en ter comportamentos exemplares para poder mellorar a imaxe que ten o club. Somos un club de xente moi vinculada á parroquia e á idea do Cerqueda como identidade social. Quero aproveitar para agradecer á directiva o traballo, pero en especial a Noelia, é un privilexio tela con nos e compartir proxecto e ilusións. QPC - E o Cerqueda e Raúl Periscal como equipo? Somos un equipo ó que nos costa materializar ocasións, e xerar xogo en determinados momentos. Pola contra somos moi sólidos a nivel defensivo, moi equilibrados, intensos e que levamos ó límite ós rivais. Creo que tamén somos capaces de minimizar defectos e maximizar as virtudes que temos. O xogo ofensivo a balón parado é un exemplo disto último. QPC - A túa vinculación co club é máis que profesional, é afectiva. Teu tío foi presidente do Cerqueda. Eu vivín 14 anos da miña vida en Cerqueda, por motivos persoais funme para Mazaricos, pero manteño amigos da infancia. Creo que sí me considero parte do club e sí que teño ese sentimento de ser tamén algo meu. Para o Cerqueda o feito de que meu tío Angel o deixara foi algo difícil de dixerir, para todos segue a ser o presi. Espero que meu primo Anxo de un paso adiante e se volva a involucrar no club. Creo que o nome do Cerqueda e o de Angel e Anxo son indisociables e van parellos. Para crecer todos somos importantes e necesarios e debemos aumentar o número de directivos. QPC - Vexo que tes claro as cousas que se deben mellorar. Si. Como dixen pasa por revisar o modelo de fútbol base, sumar xente á directiva e poñer en valor o traballo que se fai. A nivel futbolístico debemos dar un paso adiante e intentar reforzar a plantilla en varios postos para mellorala de cara ó ano que ven.  

Comentarios