Fin de semana de estreno. Polo menos para nós e todos os seguidos do fútbol da Costa. Xa podedes ollar dende onde queirades a actualizadas ao último segundo todas as táboas (resultados, clasificacións, tendencias e cruces e ata a Liga de FS de Cee actualizada cada venres) en www.futboldacosta.com.
E comezamos o repaso desta xornada de 28 e 29 de xaneiro pola Preferente, con malas novas para os nosos 4 equipos. A máis preocupante a 4ª derrota consecutiva do Santa Comba, que non gaña dende o 2011. Hoxe caía ante o Bertamiráns e xa está na 7ª praza. Sumou outra derrota o Soneira, que levaba unha boa racha pero que non podía nun encontro ante o Santiago que podería ter suposto o empurrón definitivo para os de Miguel. E o Dumbría tampouco trouxo nada positivo de O Val. O único que sumou un puntiño foi o Xallas no complicado campo do Chantada.
Na 1ª parece que a derrota do Cee ante o Silva (4º) deixa tocados aos ceenses, que cada día ven máis lonxe a salvación. Ademais a vitoria do Villestro ante o Victoria aumenta a distancia cos de arriba. Pola súa banda o Ponteceso segue na súa liña máis positiva e vencía fíra de casa ante un dos de arriba, o Arteixo, e xa se sitúa na metade da táboa, case máis preto dos de arriba que dos de abaixo.
Na Liga da Costa non varían as cousas por arriba tras esta 20ª xornada. Se o Club do Mar vencía onte ao Pindo, semella que con algo de prepotencia segundo se queixan os carnotáns, o Camariñas respondía onte e de xeito contundente en Sofán. Por detrás o Fisterra solventaba a papeleta ante un Castriz que sempre ofrece a súa mellor cara lonxe de San Pedro. Malpica, Corme e Baio forman xa o claro grupo de perseguidores, cun Muros que non se quere descolgar e vencía, con apuros iso si, ao Buño. Os malpicáns vencían ao Corcubión en Pedra Queimada mentres que cormeláns e baieses ofrecían un fermoso espectáculo no Cairo que remataba con empate. Por abaixo, segue o San Lorenzo metido no pozo, e hoxe perdía unha boa oportunidade ante un Zas que vai en ascenso e xa saca 4 puntos aos de Verdillo. A derrota provocaba a dimisión de Chema Eirís no banco, pois considera que "para aliñar 11 xogadores cada semana non fai falta un adestrador". O Nantón arrincaba un punto de Esteiro mentres que o Mazaricos volvía de baleiro do Conco. Ata o Corcubión, 12º con 21 puntos, non se pode despistar ningúen porque son só 5 puntos os que o separa do propio San Lorenzo (17º).
A xornada na 3ª tamén foi intensa. O Cabana non fallaba onte ante o Muxía. Si o facía o Coristanco que non pasaba do empate ante un Laxe que no seu campo se crece. A atención hoxe estaba en Lombáns, onde o Carnota dou conta do Montelouro e se afianza na segunda praza. Por detrás segue de preto o Outes, que maetía unha manita ao Fisterra B, e que se mete definitivamente na loita é o Volantes tras vencer en Lira con claridade. O Cerqueda, que descansaba esta semana, e o Porteño, que non podía co Soneira B, quedan algo descolgados.
Remataron xa as Ligas Xuvenís, xa con todo decidido. Polo norte aínda quedaba ver quen era o campión e o Malpica dou conta do seu podería atacante e meteulle 9 a todo un Dumbría B. Ambos, xunto a Camariñas (caían os de De la Sierra ante os de Mato nun encontro que tivo absolutamente de todo, como contaremos o martes) e Baio pasarán a seguinte fase, unha liguiña cos 4 primeiros do sur, da que pasarán 2 equipos á Fase de Ascenso á Liga Galega. No, Sur, eses equipos serán o Cee (que certificaba a súa imbatibilidade na liga e uns números realmente bos), Fisterra, Santa Comba e Soneira.