E sen máis, comezamos co repaso deportivo, e o facemos pola Preferente, na que parece que o Soneira dixo adeus á categoría. Aínda que matematicamente aínda non se poida dicir, está a 13 da salvación teórica pero a 17 da última posición que pode ser afectada polos arrastres polo que os de José Ángel perderon o último tren. O que non se quere caer do mesmo é o XSC, que sacaba 3 puntos que o manteñen tremendamente vivo na categoría a falta de 5 xornadas. Precisamente é agora o cadro xalleiro o que ocupa esa 3ª praza que pode ser afectada polos arrastres, pero tiña un choque clave, ante O Val, que lle sacaba 4 puntos e que de vencer hoxe alonxaría case que definitivamente aos de Rubén Coméndez. Coa vitoria, e recuperando o golaverage, quedan os xalleiros a 1 punto da salvación, a falta de 5 xornadas. Por arriba segue ao seu o Dumbría, loitando co Silva pola praza de Promoción de Ascenso. Ambos gañaban e segue o equipo de Canosa 2 puntos por abaixo.
Mala, malísima a xornada para os nosos na 1ª Autonómica. Por arriba, rota a xeira de 16 partidos sen perder do Malpica ante o Cordeiro, facéndolle ademais flaco favor a unha Esteirana que sacaba un punto en Padrón, pero que tampouco lle deixa tranquila. Así e todo o Malpicá queda a 2 puntos da segunda praza pero con Villestro (que vencía en Baio) e Arzúa (que caía ante o Bertamiráns B) por diante. E lamentablemente, os que xa case non teñen nada que facer son Camariñas e Ponteceso, tras unha nova mala xornada, provocando ademais un par de arrastres na Liga da Costa.
Era importante a xornada na 2ª Autonómica. Sobre todo para o líder, un Corme que salvaba un dos últimos obstáculos da campaña, nada menos que un Fisterra que chegaba con 4 vitorias consecutivas. Pero os cormeláns levan a frioleira de 20 xornadas sen perder, e acadaban en Ara Solis a 9ª vitoria consecutiva. O Sofán non fallou ante o Muros a pesar de non facer un gran partido, e en Semana Santa terá que xogar o seu partido aprazado para colocarse a 2 puntos antes da gran finalísima do Cairo, entre cormeláns e carballeses. Por detrás tampouco fallou o Zas pero parece un peldaño máis abaixo para loitar polo título. Por abaixo, co Corcubión practicamente desafiuzado, a derrota na casa do Sofán deixa ao Muros cun pé en 3ª por mor dos arrastres de Camariñas e Ponteceso. Ademais, quedaría outra praza de arrastre que estará tremendamente pelexada, e ninguén quere quedar aí. De feito, San Lorenzo, Camelle e Castriz, ademais do Volantes que sumaba os puntos do IDC, vencían e se colocan con 35 puntos, un menos que o Porteño. Entre os 5 parece que estará a salvación, se ben Cabana, Mazaricos e Buño aínda non poden relaxarse de todo.
E xogábase a ida da Semifinal da Promoción de Ascenso á Liga da Costae o Ameixenda deu un paso de xigante para meterse na final, tras vencer 5-0 ao Lira. Na outra semifinal, empate entre Seaia e Coristanco. Só pode quedar 1.
En Xuvenís, só había unha cousa en xogo, a última praza para meterse nos Oitavos da Copa da Costa. E o Muxía vencía ao Mazaricos e deixaba que sexa o cadro amarelo o que remate a temporada prematuramente, igual que o Lira e o Castriz, que pecharon o seu primeiro ano de existencia. Uns Oitavos Copa que teñen o seu sorteo este luns ás 20:30h no Pavillón de Baio, e que arrincarán este mesmo sábado de Semana Santa.
Segue o Dumbría da División de Honra Cadete costa abaixo e ca derrota de hoxe sitúase na 10ª praza, das peores en toda a Liga. Peor están as cousas na Liga Galega Infantil, onde o XSC xa practicamente dixo adeus á permanencia, e o Dumbría se cumplica a cousa, con 3 equipos con 23 puntos e unha praza de descenso a repartir.
Os Veteranos, xa con todo decidido, pensan agora na Copa. De feito, o vindeiro venres 25 de abril terá lugar a Asemblea na que se realizará o sorteo da Copa da Costa de Veteranos 2014. A cita, ás 21:30h no Local Social de Neaño, Cabana, fronte ao Bar París.