Sábado. 04.05.2024
El tiempo

Resultados e crónica dunha xornada con 3 títulos decididos no Fútbol da Costa

Resultados e crónica dunha xornada con 3 títulos decididos no Fútbol da Costa
Bainas celebrando o titulo da 3 en Agra da Filgueira-Foto-Jorge Parri

Auténtica emoción xa nesta primeira fin de semana de abril no Fútbol da Costa. Nótase que xa nos achegamos á final de temporada, pois xa temos decidido esta xornada 4 títulos, unha Fase de Ascenso, e moitos descensos perfilados.

E comezamos o repaso pola Preferente, na que xa onte tiñamos doble partido, coa derrota do Soneira en Narón, que o mantén pechacancelas destacado, e a vitoria, que pode ser fundamental fundamental do XSC ante o Residencia. Unha vitoria que rompe unha xeira de 4 derrotas seguidas e que ll serve para ascender á 15ª posición, pero aínda pendente dos posibles arrastres da 3ª División.
Por arriba, o Dumbría desaproveitou unha gran ocasión para meterse de novo nos postos de Promoción pois o Silva caía ante o Estudiantil pero os dumbrieses non podían sumar ante o Chantada. Quedan os dumbrieses 5º, a 2 do Silva.

Camariñas e Ponteceso non saen do Pozo na 1ª

Empate que non lle vale nin a Camariñas nin a Ponteceso. O derbi de urxencia deixa aos dous afundidos no fon da táboa, e faltando 4 xornadas a salvación está practicamente imposible, tendo en conta que pode varios arrastres. De feito, o que non se pode despistar é a Esteirana, que non puido co Agolada.
Por arriba, Malpica e Baio seguen ao seu, facendo sendos temporadones. Os malpicáns seguen loitando pola 2ª praza, de Promoción, e se manteñen a 2 do Arzúa tras vencer ao Amio. Ademais, o Baio mantén a 6ª praza tras gañar ao Lamela.

Unha Liga da Costa fervendo

E menuda xornada na 2ª Autonómica. Queda 4 para o final e o Corme dá un estirón vencedo ao Cabana (xa van 9 vitorias consecutivas e 19 sen perder) e aproveitando os tropezos de Sofán e Zas. Os sofanistas non puideron sacar os puntos en Verdillo nun quente derbi carballés que mesmo remataba en tangana. Mentres, o Zas non pasaba do empate a 0 co Volantes, quedando o Sofán a 5 puntos e o Zas a 9, ambos cun partido menos que os cormeláns.
Pero ademais, por abaixo a xornada tamén estivo tremenda. Buño e Mazaricos case que sentenciaron a súa permanencia, o contrario que o Corcubión, que case a asinou caendo na casa ante o cadro malpicán. Ademais quedarán 2 postos polos probables arrastres de Camariñas e Ponteceso. O que ten máis papeletas é o Muros, que perdeu a ocasión de sumar ante o potente Fisterra, e queda con 28 puntos. Con 32 quedan agora Volantes, Castriz e Camelle, precisamente trala vitoria dos camelláns en San Pedro. O San Lorenzo queda zon 33, e o Cabana con 35.

Baíñas, campión da 3ª

Cantas cousas aconteceron esta fin de semana na 3ª. O título xogábase no Agra da Filgueira e o Baíñas conseguíu manter un liderato no que leva dende a xornada 3. Os de Pato puideron co Montelouro, o que non impediu que ambos puidesen celebrar o ascenso conxuntamente.
Ademais, a falta de confirmación (mañá na crónica confirmaremos os datos), o Baíñas tamén pode celebrar o pichichi de Javi Suárez, que co seu hat-trick supera ao coristanqués Toniño.

Precisamente o Coristanco será un dos que participen na Fase de Ascenso. O Lira tamén tiña a praza asegurada e o Ameixenda case que tamén, pero non fallaba en Vimianzo ante o Castrelo para certificala. Xogábanse Muxía, Seaia e Nantón a última praza, co duelo fraticida entre muxiáns e malpicáns en Arliña. Pois os xogadores do Seaia, na súa primeira campaña, conseguen meterse na Promoción tras vencer 1-3 no sempre difícil campo muxián. O Nantón, tiña que esperar unha carambola, quedando tamén fóra dos postos.

O Dumbría, campión en Xuvenís

Xogábanse o título tamén na Liga dos Campións de Xuvenís a Esteirana e o Dumbría no Xosé Luis Vara. E os dumbrieses conseguiron vencer, non sen apuros, mantendo así a súa posición de favoritos, tras gañar tamén a Liga Regular. E menudos números, os que leva o equipo de Diego Lobelos e Óscar Leis: 23 gañados, 3 empatados e só unha derrota, e 109 goles a favor e 18 en contra.
Ambos, serán os nosos representantes nas Fase de Ascenso á Liga Galega.

Categorías Base

Non foi boa a xornada para os nosos nas Ligas Galegas. O Dumbría empataba e cae á 8ª praza, mentres en Infantís, os dumbrieses caían ante o Bergantiños, e o XSC caía ante o Lalín e ten a salvación a 11 puntos.

E tivo lugar a Volta da Previa da I Copa da Costa Infantil, e xa podedes ver o cadro completo en www.copadacosta.com.

Ademais, o Outes de Benxamíns tamén celebrou o sei título a falta de 3 xornadas para o final, sacando xa 11 puntos a Fisterra e XSC A.

Outes Benxamin campion de liga-Foto-Outes

Coristanco, campión de Veteranos

Veteranos do Coristanco-Campions de Liga

E xa todo, practicamente decidido nas Ligas de Veteranos. O Coristanco asinaba o seu título vencendo pola mínima ao Xuv. Bergantiños, e aproveitando o tropezo do Soneira, que precisamebnte terá que facerlle o pasillo na última xornada. Deste xeito, saca 6 puntos, e o golaverage particular, ao Bértoa, polo que a falta de 2 xornadas xa puido celebrar o título.
Ademais, E ademais do ascendo do At. Milagrosa, asegurado a semana pasada, o Corcoesto practicamente cercioraba a súa presencia na 1ª División a temporada que vén, pois ten 6 puntos máis que o Erbecedo, e malia que o golaverage individual está igualado, o Corcoesto ten 13 goles máis na bagaxe de goles xeral.

Preferente, xornada 32

Narón 4-0 Soneira
Xallas StComba 2-1 Residencia
Dumbría 1-2 Chantada

1ª Autonómica, xornada 30

Ponteceso 1-1 Camariñas
Malpica 2-1 Amio
Esteirana 0-2 Agolada
Lamela 0-2 Baio

2ª Autonómica, xornada 30

Corcubión 2-4 Buño
Castriz 0-1 Camelle
Mazaricos 3-0 Porteño
Zas 0-0 Volantes
Cee 3-0 Carnota
San Lorenzo 1-1 Sofán
Muros 0-3 Fisterra
Corme 3-0 Cabana
  • Descansa o Outes.

3ª Autonómica, xornada 22

Castrelo 0-3 Ameixenda
Cerqueda 1-1 Coristanco
Lira Susp. * Corcoesto
Nantón 7-3 Laxe
Montelouro 2-5 Baíñas
Muxía 1-3 Seaia
  • * O Corcoesto non se presentaba en Lira por falta de efectivos, como avisara previamente, polo que seguramente o resultado final quedará 3-0 para os lirachos.

Liguila Previa á Fase de Ascenso á Liga Galega Xuvenil, xornada 9

Esteirana 2-3 Dumbría
Cabana 3-3 Corme
Xallas StComba 6-1 Malpica

Liga da Copa da Costa Xuvenil. Grupo Sur, xornada 6

Fisterra 8-3 Muxía
Mazaricos 0-5 Muros
Cee 3-0 Lira
  • Descansa Outes.

División de Honra Cadete, xornada 26

Orillamar 2-2 Dumbría

Play Off Descenso da Liga Galega Infantil, Grupo 2 Norte, xornada 8

Bergantiños 3-1 Dumbría
Xallas StaComba 0-2 Lalín

1ª Cadete, xornada 21

Cee 3-1 Muxía
Fisterra 9-1Corcubión
Cabana 2-3 Outes
Zas Aprz. Muros
Xallas StComba 5-3 Esteirana
Baio 10/04 - 19:30 As Baleas
  • Descansa Coristanco.

Copa da Costa Infantil, Volta da Previa

4-3Muxía - Ponteceso4-3
2-7Baio - Fisterra0-9
6-0Corme - Coristanco1-1
Comentarios