Xornada completa nesta primeira fin de semanad e outubro no Fútbol da Costa. Unha xornada que arrincaba o sábado con dous serios correctivos para os nosos equipos da Preferente - Senra Sport.
Algo mellor foi a cousa na 1ª Autonómica - Clínica Vértebra, pero na liña das últimas xornadas. Os de arriba seguen como frechas. Baio, Sofán e Corme venceron e encarámanse no podio da categoría. Sen embargo, Esteirana e Soneira non pasaban do empate, quedando os blaugranas de pechacancelas, empatados, iso si, con Silleda e Malpica que precisamente viron como se tiña que suspender o partido por unha grave lesión, e ata as ambulancias tiveron que entrar en Pedra Queimada.
Quedan Castriz e Zas no máis alto da 2ª Autonómica - ES Bazarra tras vencer ao Seaia e en Cee, nun dos partidazos da xornada, como o Mazaricos - San Lorenzo, cos dous equipos na parte alta. Por abaixo, vencía o Carnota o seu primeiro partido, deixando só abaixo de todo, sen puntuar aínda, a un Camelle que nada puido facer no derbi ante o Camariñas.
Tiña a 3ª Autonómica - Clínica Xunqueira o foco de atención posto en Coristanco, onde os lirachos afianzaron o seu liderato vencendo a outro dos favoritos, visto o visto neste comezo de campaña. Ademais, vitoria clara do Ameixenda ante un Laxe que queda pechacancelas, do Corcubión ante o Cerqueda, e primeira vitoria do Muxía ante o Nantón.
Perde o liderato un Dumbría que parece despistado na Liga Xuvenil Sur - MáisDeporte. O Muxía sacou un merecido punto do Conco ante un equipo desnortado. Ponse o XSC de líder tras golear ao Corcubión, e Os Miúdos, despois de vencer no derbi muradán ante a Esteirana, completa o trío de cabeza. Polo Norte, caía o Cabana na Ponte e o Coristanco non pasaba do empate en Zas, quedando estes de líder, con Camariñas agora na segunda praza. O Corme puido co Ponteceso no derbi, e o Baio sumou a súa primeira vitoria en Malpica.
Seguen sen puntuar os equipos dumbrieses e xalleiro nas Ligas Autonómicas, mentres o cadro das Baleas destácase na 1ª Cadete, cando na 1ª Infantil a cousa está moito máis igualada.