Terceira Galega: Muxía, Parador Nacional de heroes

16:34 20/03/17
Máis dunha década despois, o clube da Vila da Barca regresa á Liga da Costa, categoría que, como mínimo, lle corresponde por historia e tradición; seguen as oposicións a acompañante
Un camión percorreu as rúas da vila cos xogadores
O Resturante DÁlvaro, en Muxía, patrocina a 3ª Galega
Imxae do choque entre Muxía e Ameixenda en Arliña-Foto EJ
Un día de primeira para un retorno a Segunda… e á ilusión
Non se vivía en Muxía un día como o de onte desde 2004. E había máis dunha década que o clube da vila non levaba a etiqueta da Segunda Galega. Pode que por iso a explosión orgásmica do final do encontro fronte o Ameixenda fose consecuencia de moitas decepcións, alegrías que non acabaron por ser festas e a luz ao final dun túnel que se facía demasiado longo. Está de volta un dos grandes, dos nomes históricos do balompé da zona. E parece que quería que cando chegase o día fose ao grande, por todo o alto, despois de dominar de cabo a rabo unha competición na que a piques estivo de manterse invicto, e na que ninguén lle discutiu ou ameazou o liderato. Este grupo de futbolistas pasará á historia por ter sido o da unión, o que recuperou aos futbolistas da vila que levaban o seu talento á diáspora, a reforzar veciños de categorías superiores. Pasará á historia pola recuperación de xoias como Víctor Alcaina, e tamén pola conversión en clube modélico de xestión, con Álvaro do Coral realizando un espectacular proceso de modernización. Pasará á historia, tamén, por terlle devolto a Arliña a denominación de feudo da ilusión, e ter levado aos muxiáns de a pé a peregrinar de novo á beira do mar para celebrar os tantos dos seus. O último que conseguira un ascenso co Muxía fora Manín, e só un ano despois do paso deste (e de quedar ás portas do éxito), ten continuación no traballo de Ordóñez. No estrictamente deportivo acontecido sobre o terreo de xogo, o destino tamén quixo que o invitado á festa fose o bólido que lle veu a rebufo case toda a carreira, un Ameixenda que por momentos incluso soñou con darlle caza. Viñan os ceenses de compretar o día anterior a súa cita aprazada contra o Cabana. Treméronlle lixeiramente as pernas de inicio aos locais, que aínda que sabedores do colchón non querían deixar pasar a oportunidade de festexar na casa. As mellores opcións de inicio foron visitantes, e aí engrandeceuse a figura dun heroe silencioso, e parte fundamental do vestiario: Santi Papi. O fillo dun dos protagonistas da historia recente do Muxía, que tanto che vale para rematar a gol que para salvar un, salvou ante Jesús e Demetrio. Non se achegaran demasiado os vermellos cando, no ecuador do primeiro acto e despois dun remate ao longueiro, o balón bátelle no muslo a Samuel e o trencilla Soto Eiroa sinala penalti. A seda da casa, Víctor Alcaina, converteu novamente, e elevou a súa porcentaxe de acerto a prácticamente a perfección. Habería unha opción máis por equipo na primeira metade, pero nin coa portería a disposición acertaron os de Pato. Unha obra de arte deu por finalizada a búsqueda, xa na segunda metade. A outra metade da Alcainamanía, Adrián, executou unha falta imposible para Farrapa. Con máis dunha hora de xogo, xa non se escapaba o ascenso. Iván Lagoa, tras xogada de Munitis, facía o terceiro, que acendía no graderío a sintonía do "olé", correspondente con cada pase acertado por parte local. O pitido final foi un pitido de liberación, un berro contido durante unha década, que deixou escapar moitos sentementos entre os protagonistas, especialistas ata hai pouco en decepcións, e que por fin quitaron un peso de enriba. Houbo fidelidade ao manual do bo ascenso: paseo en camión/tractor polo centro do pobo, baño de seareiros, xogadores, directivos e corpo técnico na praia, cea conxunta onde a comida era o de menos, e unha sorte de terceiro tempo de rugby que ben seguro terá a súa prolongación en vindeiras datas. E parafraseando a Berlanga, a Liga da Costa cántalle ao Muxía: "muxiáns, os recibimos con alegría". Pero neste caso sen o toque sarcástico.
Houbo baño de toda a familia do clube
Os seareiros foron parte importante da celebración
Nin directiva nin corpo técnico safaron


Muxía 3-0 Ameixenda
Campo: Arliña Muxía: Santi Papi (Jose Antonio m.80), Munitis (Denis m.77), Breo, Maikel, Martinciño, Pereira, Adrián Alcaina, Conguito (Chans m.73), Iván Lagoa, Víctor Alcaina (Julián m.60) e Dani Picallo (Pesqui m.70) Ameixenda: Farrapa, Grille, Samuel, Bicho, Jesús (Bruno m.69), Javi, Trillo, Rubén Yeyé, Juan, Márquez e Demetrio Árbitro: Soto Eiroa (A Coruña). Amonestou a Pereira, Adrián Alcaina, Iván Lagoa do Muxía; Samuel, Márquez, Rubén Yayá, Bruno do Ameixenda Goles: 1-0 m.25 Víctor Alcaina, de penalti; 2-0 m.68 Adrián Alcaina; 3-0 m.77 Iván Lagoa


