Torneo sub-15: a Selección da Costa logra a primeira vitoria
10:32 22/03/18
Nun feito bastante metafórico e peculiar, a selección de fútbol sub - 15 da Costa logrou onte a súa primeira vitoria no Torneo organizado pola Asociación Vidú no Pinguel de Ponteceso. O feito en sí merece unha reseña chea de eloxios, pola evolución e o traballo que está tendo este conxunto, pero se ademáis contamos que o rival era o Bergantiños, un conxunto formado por nenos que xogan en Liga Galega, e varios do equipo de División de Honra, o feito adquire unha relevancia case que histórica. A pesar de que os tempos dos partidos eran de 40 minutos, e de evidente carácter amistoso, non deixa de ser notable, xa non só a vitoria, senón que os costeiros, con prácticamente a totalidade do plantel formado por xogadores de liga local, poidan competir ó gran equipo da zona, que debería ser a referencia costeira pero non o é, e que curiosamente se nutre de xogadores de diversas zonas da Costa da Morte para formar un plantel moi competitivo. Por citar tres nomes, o dianteiro Víctor Casais, de Muros, que leva 18 goles en División de Honra, o malpicán Manu Vila, un dos máis talentosos xogadores de Galicia na súa idade, ou o cormelán Isra, extremo de forza e calidade. Sobre estos nenos podería abrirse un debate moi interesante. Por que poden xogar na selección coruñesa e non cos seus veciños costeiros? A pregunta queda no aire. A evolución da selección dirixida por Martín Vecino e Josiño é notable. Onte dou gusto ver o xogo dos rapaces. Todos sen excepción estiveron a unha altura notable, pero por citar a tres nomes, falaremos da tremenda actuación do porteiro de Cabana Roberto ante a selección coruñesa, e da calidade, velocidade e garra do fisterrán Escaris, e do xogador do Dumbría Dani Chao, autor do tanto ante o Bergantiños. Os observadores neutrales logo puxeron os ollos sobre os nosos rapaces. Talento hai na Costa da Morte, como sempre o tivemos, só temos que pulilo e traballalo. Centrémonos niso. Os rapaces celebrando o gol de Dani Chao Os resultados dunha magnífica tarde de fútbol foron os seguintes:
- Selección da Costa 0-1 Selección coruñesa
- Bergantiños 0-0 Deportivo da Coruña
- Selección da Costa 1-0 Bergantiños
- Selección coruñesa 2-1 Deportivo da Coruña
- Selección coruñesa 1-0 Bergantiños
- Selección da Costa 1-4 Deportivo da Coruña
Entrevista
Onte mesmo estivemos falando cos adestradores, Martín Vecino e Josiño Abelenda:
https://www.facebook.com/FutboldaCosta/videos/1587973324654652/?t=1