Un 'coreano' co cú pelado

22:33 22/09/16
Óscar Penedo é un dos últimos grandes valores da canteira do Corcubión, pero no derbi será un dos pesos pesados do renacido Unión Cñub Cee
Penedo, nun derbi contra o Fisterra- Foto: Darío Gómez
Moitas historias, piques e derbis fundamentais da lenda do fútbol da Costa da Morte permanecen no kilómetro da AC 445 que separa Cee e Corcubión. Coma se do anuncio de Fairy se tratase, ven ser unha especie de Villarriba ou Villabajo. Tan preto e tan lonxe, a convivencia non ten limado o sentemento e identidade de cada pobo. E iso empapa tamén o deportivo, onde ambos teñen sido faro do balompé da zona e protagonizado algún dos clásicos máis inesquecibles. O deste domingo non será, seguramente, un deles. Pero para ninguén será un partido máis. E menos para Óscar Penedo Lagoa (1987), un corcubionés que ten sido orgullo da canteira de Cubaleiro, pero que actualmente é un dos homes con máis peso e bagaxe na traxectoria recente do Unión Club Cee. E claro, á hora de falar do encontro pon as katiuskas para non meterse en charcos. "Lévase ben o de ser un corcubionés en Cee, pero despois de tanto tempo xa nin se meten comigo", confesa o futbolista, que de feito di sentirse mellor tratado cando xoga na súa casa coma visitante: "Noutros campos si, pero en Corcubión nunca me teñen berrado algo que me molestase".
A pesares de ser demográficamente pouco máis que unha familia numerosa, Corcubión ten dado algunhas das xoias máis notables cun balón nos pés no que ao balompé modesto se refire. E dos cursos recentes Penedo é un dos seus exponentes. Reclutado no seu día polo Ural herculino, este centrocampista ofensivo de calidad proporcional á súa intermitencia ten celebrado ascensos e sufridodescensos coa UD, e tamén títulos co Unión. Pero á hora de abrir o seu corazón gana a banda diagonal sobre a raia vertical. "Son do Corcubión e do Cee, pero desde pequeno do Unión", subraia. No día a día a cousa é máis bipolar. "Para os de Cee son 'pelado' e para os de Corcubión 'coreano", bromea.
No que atingue exclusivamente ao encontro, Penedo recoñece a melloría do Cee, pero sen vender fume, algo que por outra banda ten criticado moito este culé confeso do seu rival merengue. "O Cee pode competir con calquera, pero para gañar a Liga da Costa aínda está moi verde", advirte, ao tempo que augura un bo futuro para o seu rival da fin de semana. "Vin ao Corcubión contra o Louro, e non creo que pase apuros", engade. Óscar, que sinala ao meta Iago e ao histórico Sebas como máis cercanos veciños, seguro que ten aguantado algún reto en forma de aposta para un dos derbis que nunca morrerá. E é que Penedo é algo así como Bon Jovi: demasiado suave para os heavys, e demasiado heavy para os poperos.
