Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un domingo sen fútbol

Un domingo sen fútbol
Resultou interminable e reveladora a tarde do domingo. Unha borrasca con nome de muller bonita, Ana, deixounos unha tarde orfa de fútbol, e unha visión de xente na Costa da Morte buscando que facer, vagando polas rúas na procura dun campo de fútbol despistado no que se xogara ó balón, cans ladrando a unha suposta lúa perseguindo a gatos extraviados, e casas sen luz volvendo a épocas pasadas, onde se contaban historias e se traballaba a imaxinación. Agora xa o temos todo a golpe de clic, e iso fainos cómodos e vulnerables. A perda da wifi é unha traxedia, un WhatsApp que non da chegado motivo de suicidio. Tempos diferentes os de antes, que evolucionan a unha velocidade que se nos fai excesiva a algúns nostálxicos. Na desesperada persecución de pelotas rodantes algún partido atopamos, especialmente pola mañá, onde vimos nenos sufrindo o que non sufrirían os seus maiores pola tarde, e máis contentos que unhas pascuas. E nalgún campo de fútbol, a revelación: xa non sabemos xogar. Non, non me miredes extrañados, a xeración educada en herba sintética ten un nivel técnico moi alto, pero cando pintan bastos e toca sacar recursos esa é outra historia. Ver a xogadores conducir o balón por pozas anegadas de auga pretendendo que fora a alfombra da súa casa, ou a centrais tentando desprazar o balón de maneira lamentable fíxome reflexionar sobre hacia onde vai o fútbol. Cada día máis vemos un xogo mecanizado, dirixido dende os banquillos como se o xogador fose unha simple marioneta. O talento bruto, o da rúa, vese pouco, moi de vez en cando, e págase caro, lóxico vendo que cada vez escasea máis. Con alerta por temporal a lóxica di que temos que suspender a xornada, iso non o discute ninguén. Pero tamén é ben certo que outros días nos que simplemente caen dúas pingueiras xa imos incómodos ó campo. Os xogadores, sobre todo os de menor idade, xa non disfrutan do xogo. É un engorro ter que ir a mollarse. Será isto o signo dos tempos? Vemos como a nosa xuventude cada vez máis regatea esforzos para todo. Dánselle moitas cousas feitas e non valoran o esforzo de conseguilas. Si preguntamos polos campos da costa a directivos e adestradores que antaño foron xogadores, que cousas non farían para ir xogar un partido. Daba igual o barro, a auga, o balón Mikasa, as patadas, que as había e moi duras, agora non hai nin faltas... As condicións melloraron de maneira incrible para xogar, pero parece que o espíritu se veu abaixo. A puntilla foi pola tarde. Cerceda - Deportivo Fabril. O primeiro gol do Fabril é para estudiar. Erro do porteiro, me comentan os entendidos, está mal colocado. Por que non está mais centrado para recibir o centro de Pinchi? A clave dánola un membro do plantel do Cerceda. "O porteiro é cómodo, non lle gusta o barro. Na zona central da portería había barro e el escapa diso". O portero é vasco. Vaia se cambiaron os tempos.

Comentarios