xoves. 14.11.2024
El tiempo

Unai Larrañaga leva á Selección Galega ao 5º posto do Campionato Nacional de Volei Praia

Unai Larrañaga leva á Selección Galega ao 5º posto do Campionato Nacional de Volei Praia
Unai Larranaga co 4 ca Seleccion Galega de Volei Praia en Lorca O dumbriés Unai Larrañaga, co 4, ca Selección Galega de Volei Praia en Lorca

Volveu estar a Costa da Morte representada nun campionato Nacional de Volei Praia. A familia do Volei Dumbría levaba como representante a Unai Larrañaga para pelexar co combinado galego entre os mellores do país polo cetro nacional de volei praia en Lorca. O Centro Internacional de Volei Praia da cidade murciana acolleu dende o pasado venres 30 de xuño e ata onte, domingo 2 de xullo, o Campionato de España en Idade Escolar de Volei Praia, un trofeo emocionante no que as dúas seleccións galegas tiveron un arranque espectacular e remataron pelexando pola zona alta da táboa, rematando os rapaces en 5ª posición e as rapazas na 7ª.

O equipo masculino a piques estivo de meterse nas semifinais do torneo, aínda que finalmente tivo que “conformarse” cunha máis que meritoria quinta praza de entre os dezasete participantes que acudían á cita nacional.O debut do equipo formado por Rubén Martínez, Christopher Rodríguez, Daniel Olveira (os tres do Barraña VP) e Unai Larrañaga Ledo (CV Dumbría) foi espectacular, superando sen contemplacións a Castela León en dous sets pechados en 15-5 e 15-4.
Na tarde do venres o combinado que dirixe Eloy Mahía volveu a gañar con solvencia, facendo pleno ante Andalucía por 2 sets a 0. Daniel e Unai alisaron o camiño nun traballado primeiro set que rematou 15 a 13, e Rubén e Christopher remataron a fazaña cun 15-8 ante unha das seleccións tradicionalmente fortes nestes campionatos.

Desta forma os galegos estaban clasificados para a pelexa polo pase a semifinais prevista para o sábado dende o cadro de gañadores, onde se atoparían coa temible Comunidade Valenciana, que á postre sería a campiona do torneo, e á que opuxeron resistencia nun partido moi igualado. Tras a vitoria dos nosos no primeiro set, 21 a 18, os valenciáns reaccionaron para poñer o empate 12 a 21 e coller o control do partido nese momento para pechar 15 a 9 e seguir o seu camiño cara o máis alto do podio nacional.
Pero os nosos non baixaron a cabeza e volveron a dar a cara ante un dos fortes do campionato, Cataluña (bronce desta edición), noutro igualado encontro no que, tras o paso adiante dos galegos (21-15) e a igualada dos seus rivais (21-14) a sorte sorriu no tie break aos cataláns (15-8), deixándoos fóra das eliminatorias.
Non era momento para lamentacións senon para pensar en conquistar a quinta praza, que obteríam na mañá do domingo tras superar a Canarias en dous sets con parciais de 15-13 e 15-9.

Tamén realizaron un bó campionato as integrantes do combinado feminino, composto por Sara Urrea, Laura Vázquez (as dúas do Volei Praia Vigo), Alejandra Rechou (Barraña VP) e María Rodríguez (Ribeira Sacra).

Seleccion Galega de Volei Praia en Lorca Seleccion Galega de Volei Praia en Lorca

Esta quinta e sétima praza son un gran resultado para a nosa comunidade, que non conta cos recursos doutras “grandes” e pese a todo saca o mellor rendemento posible para pelexar cos tradicionais dominadores destes torneos e acadar cada ano mellores resultados neste Campionato de España en Idade Escolar. Ademais, Dumbría afiánzase como un referente na canteira do volei galego.

Novas relacionadas

Fonte

  • FGV.

Comentarios