Unha Gala para seguir Correndo pola Costa da Morte

Menudo éxito o do I Circuito de Carreiras Pedestres “Correndo pola Costa da Morte”. Hai que repetir, logo. E coa cabeza, e con datos, xa pensando no ano que vén, primeiro cómpre facer balance do conseguido.

E para iso, o organizador, o Club Deportivo Costa da Morte, formado por técnicos municipais de deportes dos concellos da volta, preparan para o vindeiro venres 12 de decembro, a Gala de entrega dos premios aos gañadores nas distintas categorías da 1ª Edición. Unha cita socio-derpotiva que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura de Vimianzo, e que se completará coa presentación da segunda edición do mesmo.

No acto, que estará presentado por Fran Hermida, a eterna voz da Costa da Morte con ampla experiencia en estes líos, e que dará comezo ás 20:30 horas, estarán presentes os representantes políticos dos Concellos nos que teñen lugar as distintas pedestres que conforman o circuíto, Roberto García (Xefe do Servizo de Deportes de A Coruña), Isidoro Hornillos (Presidente da Federación Galega de Atletismo), María Helena Viturro (Presidenta da Xunta Provincial da Coruña da Asociación Española Contra o Cancro) e o recente proclamado campión de España de maratón e padriño da segunda edición do Circuito, o atleta Pedro Nimo.

Recibirán premios, entre outros, a ceense Belén Martínez ou o vimiancés Luís Miguel Antelo (Michel) como mellores atletas locais. Ou os Cristian Muiño e Eva Portas como grandes campións.

Ademais, terá lugar sinatura do convenio coa Xunta Provincial de A Coruña da Asociación Española Contra o Cancro, para rematar as 21:30 coa gran foto de familia.

Novidades e Calendario para o 2015

As novidades a destacar para a 2ª Edición do Circuíto de Carreiras Polulares Correndo pola Costa da Morte son varias, como:

  • Os concellos que forman parte do Circuíto Correndo pola Costa da Morte asinarán un convenio coa Xunta Provincial de A Coruña da Asociación Española Contra o Cancro, por medio do cal comprométense a destinar a recadación correspondente de todas as “Carreiras 5K Contra o Cancro” a esta asociación como axuda para a loita contra esta enfermidade.
  • Incorporación ao Circuíto da 1ª Carreira Pedestre Concello de Dumbría.
  • Creación da páxina de facebook correndopolacostadamorte.
  • Creación da figura do fotógrafo oficial do Circuíto.
  • Aumento do grupo de patrocinadores e colaboradores, quedando así constituido polos xa existentes Coca-Cola Iberian Partners, GADISA, Conservas Boya, Federación Galega de Atletismo, Colexio Oficial de Fisioterapeutas e Club Deportivo Costa da Morte, e as novas incorporacións, Ferroatlántica, La Voz de Galicia e Radio Voz.

A segunda edición quedaría calendarizada da seguinte maneira:

  • 08-03-15 Camariñas (IV Carreira pedestre Concello de Camariñas).
  • 26-04-15 Vimianzo (IV Carreira Pedestre Concello de Vimianzo).
  • 06-06-15 Zas (II Carreira Pedestre Concello de Zas).
  • 20-06-15 Cee (II Carreira Pedestre Concello de Cee).
  • 29-08-15 Carnota (XXIV Carreira das Areas do Concello de Carnota).
  • 12-09-15 Dumbría (I Carreira Pedestre Concello de Dumbría).
  • 27-09-15 Corcubión (XIV Carreira Pedestre Vila de Corcubión).
  • 18-10-15 Fisterra (II Carreira Pedestre Concello de Fisterra).
  • 22-11-15 Muxía (II Carreira Pedestre Concello de Muxía).

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).