Unha nova semana suma na loita do Xallas por seguir en Preferente; ademais, os xuvenís aseguraron matemáticamente a liga de ascenso; na Costa apenas houbo novidades na loita dos grandes
![O Soneira venceu nun 'campo' non moi propicio - Foto: Soneira SD]()
O Soneira venceu nun 'campo' non moi propicio - Foto: Soneira SD
Lewis Carroll tería un lugar privilexiado en Santa Comba, onde ben podería ambientar agora o seu país das marabillas, ou clube da ledicia. O Xallas, que ata hai pouco poñía o grito no ceo pola súa mala sorte en Preferente Autonómica, foi quen de solventar con igualada a súa visita a Loimil, aumentar a catro a xeira de encontros seguidos puntuando, e seguir firme na loita pola salvación. Pero non foi a única boa nova do finde, xa que os seus xuvenís aseguraban matemáticamente a primeira praza na Liga de Ascenso Xuvenil, tras golear ao Baio (5-1) e confirmar a boa saúde da canteira. Por desgracia, o outro representante ma categoría, o Dumbría, tivo un prato de difícil dixestión no Arteixo (1-4), Por se fóra pouco, os xuvenís sufriron un pouco agardado pau na casa ante o Orillamar, e o Cadete de División de Honor, iso si, acadou un meritorio punto na súa visita ao Victoria.
Non menos sorrisos deixou unha Primeira Autonómica onde o Soneira puxo unha marca máis de distancia respecto ao incómodo Cordeiro. Os vimianceses sacaron con certa comodidade tres puntos da súa visita ao campo (leira) do Carcacía, e aproveitaron o partidazo do Baio na casa precisamente co segundo clasificado. É o mellor momento do curso para os branquiazuis, que pintan a supervivencia. No derbi da xornada, Corme e Sofán prometían goles, e cumpriron. Alternativas e emoción para un punto moito máis sabroso no caso dos locais. Non tivo problemas o Outes co Palmeira, e si moitos o Malpica ante o Flavia.
Foi previsible o devenir da Liga da Costa, onde unha semana máis, e salvo o Mazaricos, tódolos favoritos cumpriron. O que máis axustado estivo foi o Ponteceso en Muros, pero tanto Zas, como San Lorenzo ou Fisterra marcaron tres goles de distancia, nunha clara demostración de poderío. A sorpresa da semana pegouna o Porteño co seu éxito en Castriz, onde incluso remontou o choque.
E na Terceira Autonómica o partidazo non defraudou. Nin en fútbol nin en ambiente. O Cabo D'Area de Laxe quedou pequeno para ver aos locais tomar a alternativa no liderato, a costa dun Corcubión que acumula dúas derrotas seguidas, e incluso ve chegar polo retrovisor a un Louro con máis problemas do agardado para vencer ao veciño Lira.
 :
Máisinformación
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com).