O CEIP de Dumbría esixe desdoblar unha das aula de Primaria ao superar os ratios impostos pola propia Consellería
Laxe, O Pindo, Cee, Sardiñeiro, Camelle, Corcubión, Muxía… e tamén Dumbría. Comezou o curso escolar 24/25 con ducias de recortes por parte da Xunta nos colexios públicos da comarca, se ben a Xunta considera que os ratios son suficientes, demostrando a súa falta de compromiso coas Necesidades Educativas Específicas, e tratando ás crianzas como números.
Neste caso, trátase do CEIP Santa Eulalia de Dumbría, onde as familias trasladáronlle ao BNG a necesidade de desdoblar a aula de 5º e 6º de Primaria, ao sobrepasar as ratios establecidas pola propia Consellería, dado que existe alumnado con necesidades especiais que computan doble.
O deputado do BNG Oscar Insua, despois de reunirse coas familias, afirma que “o PP non ten vergoña, pois unha vez máis vende que o curso comeza con normalidade, e vemos que é mentira, porque eliminan ou recortan horas do profesorado de PT e AL nalgúns centros”.
Ademais, o representante nacionalista pide á Consellaría de Educación que realice nos centros de ensino da comarca un estudo completo das deficiencias estruturais dos edificios, e que habilite no orzamento de 2025 as partidas económicas pertinentes para executar as obras necesarias.
De seguro que as familias de Dumbría participarán esta tarde na concentración convocada pola ANPA do Pindo