A Central Hidroeléctrica de Buxán de Dumbría

Muíño de Buxán-Foto-Modesto

Rebuscando mapas antigos, encontrei parte do traballo de campo que os topógrafos do Instituto Geográfico Catastral (así se chamaba naqueles tempos) realizaron no ano 1940 para formar o Mapa Topográfico Nacional do territorio de Dumbría, correspondente a folla nº 68 e 93.

Usaban un aparato coñecido como brúxula taquimétrica, recorrendo o terreo acompañados de informadores do lugar e medindo distancias e ángulos de todo os detalles importantes que encontraban para plasmalo no mapa (aínda non existían as fotos aéreas).

Chamoume a atención que do muíño de Buxan de Dumbría saían tres líneas eléctricas, unha en dirección a Grixa de Dumbría, outra cara Buxantes pasando polos lugares de Canelas, Castro e Figueiroa e outra en dirección noroeste que me imaxino iría cara Senade.

Nunca oín falar desta hidrocentral polos veciños do concello e na actualidade xa non temos a quen preguntar, salvo revisar o archivo do concello por se tiñan algún acordó plenario ou a solicitude de permiso. Eu penso que os informadores metéronlle un “farol” os topógrafos, xa que naqueles tempos andaban a voltas coa hidrocentral da Pedreda.

Comprobámolo na primeira publicación da folla nº 68 do ano 1945 en que esta central foi borrada do croquis. O actual muíño de Buxán, situado na marxe dereita do río Fragoso, debeo ser construido a finais do s.XVIII xa que está inventariado no catastro da Ensenada do ano 1753 co nome de “Muíño de Buxán”, a nome de José Vara. Ten tellado de pedra a dúas caídas e xa non ten nin presa nin canle.

Outros artigos no "Modesto Patrimonio"

Patrimonio Pindexo