Luns. 30.11.2020
El tiempo

O Cura Rioboo de Berdeogas

Ruínas en Chaín da casa do cura Riobó en Berdeogas
Ruínas en Chaín da casa do cura Riobó en Berdeogas
O Cura Rioboo de Berdeogas

No lugar de Chaín, da parroquia de Berdeogas (Dumbría), existe unha casa en ruínas que os veciños dín que era dun cura e na actualidade coñécena como a casa de Cándido.

Para máis coñecemento, retrocedemos na historia. Sabemos que no ano 1778 vén de cura ás parroquias de Berdoias e Berdeogas D. José Mª Suárez de Riobóo y Velo, natural de San Estéban de Goyanes, anexo de Santiago de Sísamo (entre Carballo e Buño). Era licenciado en Filoxofía e Teoloxía pola Univesidade de Santiago. Foi elexido como Deputado pola provincia de Santiago, representando ao Reino de Galicia nas Cortes de Cádiz. Xurou o seu cargo asistindo á primeira sesión o 24-09-1810. Por motivos familiares tivo que pedir permiso para volver de novo á súa terra e xa non regresou os plenos. Parte do tempo que estivo de cura nestas parroquia viviu na casa reitoral de Berdeogas e máis tarde construiría un pazo no caserío da Bogadilla (hoxe só está a fonte), situado a uns 300 m. ao leste do lugar da Farrapa, coñecido na actualidade como Pazo de Vista Alegre ou tamén Casa de Cándido. Viviu as batallas sanguentas do exército francés no ano 1809 pola comarca. A diferencia dos seus compañeiros curas, como Pedro Lapido de Morquintán, Domingo Pizpieiro de Santa Uxía ou Vicente Aldeo de Salto, que formaron batallóns de combate, este cura tivo unha actitude pasiva, librándose da queima dos arquivos parroquiais das súas parroquias. Era tamén arcipreste e, como anécdota, contar que na visita pastoral que fixo a San Pedro de Buxantes, amonestou ao seu cura por entrar nas tabernas e non usar a sotana en público. Fixo varias obras: o cruceiro das procesións , reedificación do muro do lateral norte da igrexa, construiu a tribuna, comprou unha cruz e incensario de prata. Morreu en 1835 e está enterrado dentro da igrexa de Berdeogas.

Cruceiro de Candido e Cruz de Caforra en Berdeogas
Cruceiro de Cándido e Cruz de Caforra en Berdeogas

Existe unha vacío entre o ano 1835 coa morte deste cura e a aparición de Cándido García González. Según me contaron persoas de avanzada idade, Cándido procede do lugar de Lamas de Zas, que se debeu casar cunha herdeira do cura e fíxose cargo da súa riqueza. Era un home moi popular, exercendo como Xuíz de Paz no concello. Puxo a funcionar a escola da Farrapa, construíu as fontes de Chaín e de O Campo e xestionou a pontella de Alvarellos. Hai unha casa no lugar de Chaín, en estado ruinoso, que os vecinos dín que foi dun cura. A dúbida é se esta casa era do cura José Mª Suarez Riobóo ou dun cura de Caforra. Contan que este cura foi morto violentamente no camiño de Caforra a Chaín. Nese punto colocaron un cruceiro como recordo, coñecido como Cruceiro de Caforra. Por certo, según me contaron os vecinos deste lugar, este cruceiro tiña un varal duns 4 m. de alto e foi roubado no ano 1976, deixando a cruz sobre o pedestal. Según o inventario do Marqués da Ensenada, no lugar de Chaín había no año 1761 dezanove veciños, sendo os cabezas de familia: Antonio Arán, Isabel Sanchez, José Muñoz, Manuel Durán, Marcos Pérez, María de Lema, Miguel Canosa, Miguel Canosa, Melchor Pérez, María Ignacio Pérez, Miguel de Canosa, Nicolás Martínez, Pablo Saborido, Pablo Castiñeira, Pedro Fernández, Felipe Pérez, Salvador de Outón (sisero-taberneiro), Anastasia de Lema (palilleira), José Regueira, Antonio Durán, todos eles labradores. Algún deste nomes sería o propietario desa casa. Nestas datas o cura Riobóo aínda non estaba na parroquia de Berdeogas.

Casa de Cándido -Pazo de Berdeogas
Casa de Cándido. Pazo de Berdeogas

O Modesto Patrimonio

 

Patrimonio Pindexo

comentarios