Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O “Marrolas”, un dos exiliados en Mauthausen terá a súa homenaxe no seu Ézaro natal

Manuel Rodríguez Louro, Cartilla Pósito Pindo copia
Cartilla do Pósito do Pindo de Manuel Rodríguez Louro
O “Marrolas”, un dos exiliados en Mauthausen terá a súa homenaxe no seu Ézaro natal

Pouco a pouco a Costa da Morte vai cumprindo coa súa obriga de lembrar aquelas persoas que sufriron os avatares da historia. Ata este ano apenas o Concello de Dumbría realizara unha homenaxe en 2006 en conmemoración do Día Internacional das Vítimas do Holocausto. Unha cita na que se lembraba a Máximo Ingilde Maceiras (natural de Olveiroa), heroe da Resistencia francesa na loita contra os alemáns; así coma as dos veciños de Dumbría dos que tiñan constancia que faleceran nos campos de exterminio nazi, Silvestre Alvite Miranda (de Regoelle), Manuel Piñeiro Agulleiro (de Alvarellos) e Manuel Rodríguez Louro (do Ézaro).

O Concello de Malpica realizaba a súa homenaxe aos seus tres veciños que coñeceran o inferno do campo de concentración de Mathausen. E este domingo 13 de setembro, Dumbría quere renderlle unha homenaxe especial a un deles: Manuel Rodríguez Louro o “Marrolas”.

Da man da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica – ARMH celebrarase este domingo un acto no Edificio Bitácora do Ézaro. Ás 11:00h terá lugar a presentación do libro “Manuel Rodríguez Louro. Do Monte Pindo a Mauthausen”, obra de Francisco Fernández Naval, na que tamén participará Juan Carlos Rodríguez, sobriño de Manuel Rodríguez Louro.

Posteriormente na fachada lateral do centro de interpretación do Pindo “Casa de Pedra”, descubrirase unha placa na súa honra, coa presentación de Clara Bernal, a música de Carmen Torreiro, e coas palabras de Carmen Rodeja da ARMH, Francisco Fernández Naval, o alcalde José Manuel Pequeño e varios familiares de Manuel Rodríguez Louro.

Biografía de Marrolas

Manuel Rodíguez Louro “Marrolas” naceu en O Ézaro, concello de Dumbría, o 15 de maio de 1916. Era marinero. Fuxiu con outros moitos mozos ao Monte Pindo na primavera do ano 1937, para fuxir das levas militares franquistas, escapan por mar e chegan a Bristol en outubro. En Inglaterra se lles deniega a entrada e son deportados á España republicana, entrando en Cataluña desde Francia. Trala derrota, Manuel Rodríguez Louro, o seu irmán Joaquín, Manuel Piñeiro, e Miguel pasan a fronteira. Piñeiro falece no campo de concentración de Agde-Herault. Miguel e Joaquín conseguen embarcar no Winnipeg, o barco fletado por Neruda e Manuel é confinado no campo de Argelès-sur-Mer. Posteriormente será mobilizado nos batallóns de traballo do exército francés. Trala derrota de Francia e a ocupación alemá, Manuel, con outros miles de prisioneiros españois é confinado no stalag de Trier e, desde alí, o 25 de xaneiro de 1941 será deportado ao campo de exterminio de Mauthausen.
Foi gaseado no castelo de Hartheim o 16 de setembro de 1941.

 

Novas relacionadas

Comentarios