Nacho Vilar: "Sicixia é unha película para escoitar a vida da Costa da Morte"

Ignacio Vilar, director de Sicixia, está estes días na Costa da Morte buscando as localizacións do novo filme Despois de que percorrer a pé a Costa da Morte, Ignacio Vilar decidiu que tiña que transmitir toda a vida que hai nela. Así, que moitos lugares e xentes da bisbarra serán os protagonistas de "Sicixia", un filme que se comezará a rodar proximamente aínda co soriso na boca despois dos éxitos acadados na película "A Esmorga", que tamén dirixiu.
  • QPC: ¿Que é Sicixia?
Sicixia é un termo de astronomía que quere dicir que cando o sol, a terra e a lúa coinciden en liña recta, coincidindo ademais coa lúa chea a e lúa nova. Sicixia é cando a gravidade dos planetas inflúen nas mareas, nos oceános e, por suposto, en nós que somos o 80% de auga. Despois de dicir isto, queda claro que esta película ten moita relación cos astros. Precisamente, a semana pasada cando estabamos localizando coincidiu que estaban aliñados cinco astros; un feito que se dá de dez en dez anos. Polo que todo indica a que esta película vai a ter moito que ver cos astros. Porque na Costa da Morte hai un "algo" que ten que ver coa Sicixia, coa forza da natureza, esa forza que teñen os astros e que inflúe na xente. Ademais desta razón hai outras máis persoais, xa que fai uns 20 anos percorrín toda a Costa da Morte a pé. O que vivín neses dez días foi impresionante; tiven unha relación coa xente e coa natureza que nunca antes vivira. Esa experiencia marcoume tanto que dixen que algún día contaría unha historia ambientada na Costa da Morte.
  • QPC: ¿Xa hai algo feito de "Sicixia"?
Este proxecto comezouse a rodar hai tres anos na rapa das bestas de Sabucedo, pero tivemos que parar para gravar "A Esmorga", que nos levou dous anos facela e un ano de promoción. E agora sí que tocou o momento de volver a "Sicixia". Unha boa parte do equipo levamos varios días hospedados en Fisterra buscando localizacións.
  • QPC: ¿Que é o que máis lle sorprende da Costa da Morte?
Os acentos. Esa cantidade de variantes dialectais do idioma galego é impresionante. Escoitar unha conversa no Ézaro, en Muxía ou en Fisterra deixáte fascinado. Así que "Sicixia" é unha película para escoitar a vida da Costa da Morte porque en todo este tempo que levo en contacto coa zona unha das cousas que máis me inflúe é o son. Sons tan míticos como o son da Pedra de Abalar ou da furna da Buserana, son sons que quedarán no recordo para sempre. Entón, o son da Costa da Morte será moi importante neste filme.
A fervenza do Ézaro é un dos lugares elixidos para rodar Sicixia
  • QPC: ¿Foi difícil seleccionar as localizacións da película?
A verdade é que non... O monte Pindo, a Fervenza do Ézaro, o cabo Vilán e o de Fisterra, a ensenada do Trece, o monte Branco, as palilleiras de Camariñas tiñan que estar. O protagonista de "Sicixia" é un enxeñeiro de son que traballa para o Arquivo Sonoro de Galicia e vén á Costa da Morte a recoller o son da natureza, o son das xentes e dos seus acentos. A través deste personaxe metémonos neses sons tan impresionantes que hai na zona e ao mesmo tempo interveñen moitos personaxes que son reais e a través deles construimos a historia da Costa da Morte. E no fondo hai unha historia de amor e desamor. 
  • QPC: Unha das actrices protagonistas, Marta Lado, é de Fisterra. ¿É unha casualidade?
Non, xa que esta película ten ficción-documental e que unha actriz sexa do lugar e que teña ese acento tan peculiar fai que teñamos moito avanzado. 
O próximo 22 de febreiro Ignacio Vilar comeza a rodar o filme Sicixia
  • QPC: ¿Cando comezan a rodar?
Comezaremos a rodar o día 22 continuando ata marzo, para coller así imaxes do inverno e tamén da primavera.
  • QPC: ¿Canta xente participa na rodaxe?
Unhas quince persoas xa que o cine dixital ofrece a posibilidade de achegarse á realidade e facer un filme de carácter documental e por iso queremos un equipo reducido onde a cámara non impoña. A historia de "Sicixia" necesita toda esta estratexia para transmitir a maior realidade posible.
  • QPC: ¿Cando será a estra de "Sicixia"?
Se todo vai ben, o 21 de novembro estrearase "Sicixia". Esperamos que nos pase algo similar á "Esmorga" que a comezamos a rodar en febreiro-marzo e o 21 de novembro estaba xa nos cines.   

Máis información

Novas cinematográficas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.com)