Sábado. 11.05.2024
El tiempo

Comeza a rodaxe do filme Sicixia, no que a Costa da Morte é protagonista

Comeza a rodaxe do filme Sicixia, no que a Costa da Morte é protagonista
Presentacion en Carballo de Sicixia

Anunciabámolo en outubro de 2013, e xa están aquí. Sicixia será a primeira longametraxe rodada case na súa totalidade na Costa da Morte, con todos os beneficios que iso xerará para a nosa zona en materia de emprego e turística.

Hoxe tiña a presentación en Carballo, coa participación do director Ignacio Vilar, o actor Monti Castiñeiras, e a actriz fisterrá Marta Lado, ademais da representación municipal (o Concello de Carballo colabora economicamente co proxecto) de Evencio Ferrero e Xosé Regueira. Todos coinciron na importancia de acoller unha película, que poderá servir de escaparate da nosa impresionante natureza.

Presentacion en Carballo do filme Sicixia

A Costa da Morte, unha das protagonistas

O director de Sicixia Ignacio Vilar nos cantis da Costa da Morte

De feito, o título do filme, “Sicixia”, ten moito que ver coa nosa virxindade. pois en Astronomía, significa a posición do Sol, da Terra e da Lúa na que os seus centros están en liña recta. Ademais, o filme falará dun enxeñeiro de son, Xiao, que recorre as vilas e lugares máis recónditos de Galicia na procura dos sons, das xentes e a natureza. Nesta viaxe coñecerá a Olalla, quen traballa na colleita de algas, e que espertará en Xiao a paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte. Unha sinopse que deixa ás claras que a nosa bisbarra será tan protagonista como a parella de namorados.

Define o propio Ignacio Vilar a película como unha ”historia para escoitar a vida na Costa da Morte”, e que a fai porque quedou prendado da nosa bisbarra despois de percorrela a pé.

Así, e co fin de captar a súa esencia, a rodaxe prolongarase ata abril de 2016. Con todo, por esixencias do guión, a primeira fase da rodaxe terá lugar entre o 3 e o 6 de xullo de 2015 na tradicional Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), unha festa que pola súa forza e carácter salvaxe serve de prólogo a unha historia de amor e desamor na Costa da Morte.

Finalmente, o emprego do cinema dixital neste proxecto permitirá ao director Ignacio Vilar experimentar con fórmulas narrativas innovadoras para que as nosas historias sigan a cautivar espectadores dentro e fóra das nosas fronteiras.

Esperamos pois que Sicixia teña o mesmo éxito de A Esmorga, a anterior película de Vilar e que chegou aos cines de toda España. Nós estaremos moi atentos á rodaxe.

Imaxe de Sicixia ollando ao Atlantico dende a Costa da Morte

Máis información

Novas cinematográficas

Fonte

Comentarios