QPC espalla o poder da rede entre os maiores de Dumbría
19:00 03/06/13
Vaia luxo poder espallar a potencialidade da internet polos Concellos da Costa. Desta volta, Ubaldo Cerqueiro, coordinador deste diario, acodía ás impresionantes instalacións do Conco en Dumbría para poñer o broche a un ano de cursos de informática coa masterclass que levaba por título "Internet: o mundo na miña vida".
Medio centenar de adultos, que levan o ano enteiro aprendendo a manexar o rato con Almudena Suárez, atenderon ás consignas de Ubaldo, que procurou animalos a seguir sumerxíndose no infinito mundo da rede. O mundo enteiro a golpe de click, si, pero tamén a nosa vida, a nosa actualidade, a nosa comarca, o noso concello. De feito, a charla estaba enfocada a amosar as fiestras que se abren na rede para seguir a actualidade da Costa da Morte e do Concello de Dumbría.
Así, boa parte da sesión serviu para repasar aqueles xornais, aquelas webs, aqueles portais que falan da bisbarra e do Concello, así como un completo repaso polas redes sociais que funcionan en Dumbría.
Toda esta listaxe de contidos 2.0, en galego ademais, xa os podedes atopar nesta ligazón do Blog municipal "Dumbría é Cultura":
Por parroquias moito mellor
E non podemos rematar esta reseña sen facer fincapé no gran traballo de alfabetización dixital que están a realizar no Concello de Dumbría. Con María Lema Santabaya dende a Concellería de Cultura, contando co gran traballo de Ana Casais e coa mestra Almudena Sánchez, 56 maiores de todo o Concello aprenden e aprenden todos os trucos da informática. Importantísimo é o feito de ir parroquia a parroquia, máis nun concello tan disperso como Dumbría. Pero o verdadeiro éxito radica na continuidade. Un curso dun mes é positivo e valioso, pero un ano (este xa é o segundo) practicamente enteiro (de outubro a xuño) cunha cita semanal para axilizar a boneca, é clave para engachar aos maiores a utilizar as novas tecnoloxías. E claro, para iso hai que ter infraestruturas, e as casas da Cultura das parroquias dumbriesas, ademais de activas, están ben equipadas.Máis información
Novas relacionadas
- A rede une ás familias de Muxía.
- Muxía aprende a manexar as Novas Tecnoloxías en Igualdade.
- 2 anos e máis de 800 usuario na aula CeMit de Fisterra.