Xoves. 05.08.2021
El tiempo

“O que fixeron os infantís do Volei Dumbría é o resultado da aposta real do Concello de Dumbría por un deporte minoritario”

Volei Dumbria Subcampion de Espana Infantil copia
Foto de familia do Volei Dumbría coa medalla de prata do Campionato de España Infantil
“O que fixeron os infantís do Volei Dumbría é o resultado da aposta real do Concello de Dumbría por un deporte minoritario”

Subcampión de España. Aí é nada a xesta do Volei Dumbría Infantil, quedando a apenas 2 puntos da medalla de ouro no Campionato de España da categoría celebrada en Soria. O equipo, dirixido por Luís Alberto Fernández e Néstor, estivo arroupado polo presidente, César Ferrío, e polo alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, que queren facer unha reflexión sacando peito.

”Este título é o resultado de moito traballo, esforzo, compromiso e sacrificio. Non só por parte dos xogadores, senón tamén de todas as persoas implicadas no equipo e no club. É o resultado da aposta real por un deporte minoritario na Costa da Morte levado a cabo polo concello de Dumbria, e o traballo previo do colexio Manuela Rial. É o resultado dun traballo constante de 14 anos, sempre cara adiante dando pasos que nos levaron onde estamos”, sinala Ferrío.

”Un resultado que necesitou que outros estivesen antes, todo ese grupo de mozos de voleibol que foron a base da superliga. Sen o seu exemplo, sen os seus pasos previos isto fose moito máis difícil. Verdadeiros referentes para este grupo. Tamén do compromiso, apoio e ánimo das familias dos xogadores e de toda a afección que leva apoiando a este equipo e ao club en todas as competicións. Todas as empresas e persoas que se envorcaron e achegaron algo para que o equipo puidese viaxar e formar parte deste campionato tamén son parte deste resultado”.

Dende o club queren agradecer a labor do “adestrador Luís peza fundamental deste club e ao seu equipo Xabi e Néstor, polo seu compromiso, o seu traballo e o seu sacrificio”. E por último, “parabéns e grazas aos nosos xogadores, por facernos soñar e poñer ao voleibol Dumbria nun lugar de privilexio que se merece: Aitor, Carlos, Darío, Fran, Iago, Isma, Matias, Tiago e Unai”.

 

NOVAS RELACIONADAS

comentarios